miniatura|Cruceiro de capela no Loreto, Noal, O Porto do Son. miniatura|Noal, O Porto do Son. Unha tipoloxía particular de cruceiro é o denominado cruceiro de capela, chamados así porque o fuste remata nunha pequena capeliña aberta á fronte, que leva no interior a imaxe da Virxe. Sobre o teito desta capeliña érguese a cruz característica dos cruceiros.

A maioría dos que se puideron datar corresponden ó século XVII, aínda que hai exemplares datados entre o XVI e o XVIII. Suxeriuse que están relacionados cos rollos ou picotas castelás, pelourinhos en Portugal, mandadas derrubar en Galicia en 1813.Os rollos eran columnas de pedra que indicaban algún tipo de xurisdición (dun señor, do concello, da igrexa etc.), é dicir, a potestade para xulgar e condenar. As picotas eran columnas semellantes pero colocadas na entrada ós lugares e onde se xulgaba un reo, deixándoo atado a ela ou mesmo expoñendo a cabeza se for axustizado. Moitos rollos cumpriron tamén a función de picota. Naceron xa no século XIII e perduraron ata 1813, cando as Cortes de Cádiz ordenaron a súa demolición; en moitos casos esta orde obviouse transformándoos en cruceiros.

Estrutura Son todos eles menos esveltos cós cruceiros clásicos, cun fuste máis curto e groso, adoito de sección octogonal ou cadrada achafranada. Por veces, o fuste presenta algunha decoración, como pode se-los instrumentos da Paixón, imaxes de santos (Francisco de Asís, Antón de Padua, Bieito de Nursia, Bernaldo de Claraval ou o Santiago o Maior). Tamén poden verse cunchas de vieiras ou outros elementos.

A base está formada por unha plataforma de planta cadrada con varios chanzos de pedra. En ocasións, é octogonal pero, en calquera caso, a plataforma é normalmente baixa. A columna carece de pedestal e remata nun capitel plano, coa única función de servir de base á capela. Por veces pode ter un anxo con ás esculpido na parte anterior e, ocasionalmente, tamén nos bordos laterais.

A capela está formada por tres pedras cuadrangulares que abren polo frontal, formando unha estrutura prismática aberta. As paredes son lisas e sen ornamentar, aínda que ás veces presenta baixorrelevos nas caras externas –máis frecuentes nos cruceiros máis antigos- ou decoración de bólas nos bordos. Cando existe, esta decoración exterior pode representa-la Virxe, Santiago ou outra imaxe relixiosa (Cristo, San Francisco, o papa San Clemente ou San Gregorio). En Rois hai un que tamén presenta imaxes esculpidas nas caras interiores.

A capela pecha por riba por un teito de base plana e coa parte superior a modo de telladiño a catro augas. Hai cruceiros, coma o do Loreto, no Porto do Son, nos que o teito remeda unha bóveda de canón.

En case tódolos casos, a capeliña está ocupada pola imaxe dunha Virxe co meniño no colo; en exemplares máis modernos pode estar representada a Inmaculada ou a Virxe Dolorosa. É precisamente a Virxe de Loreto, frecuente nestas capeliñas, a que lle dá o nome de cruceiros de Loreto co que tamén se designan. Non son infrecuentes os cruceiros baleiros por roubo da imaxe, que nalgún caso foi substituída por outra moderna.

Sobre a capela, érguese unha cruz coma nos cruceiros clásicos, co Cristo esculpido na cara anterior e só ocasionalmente unha Piedade na posterior, coma no Cruceiro das Neves de Ourolo, Taragoña, ou no de Pastoriza, tamén en Taragoña.

Só se ten constancia dun dos escultores deste tipo de cruceiros, Xohán de Vilasoa, de Comoxo (Boiro). Castelao recolle de Pérez Constanti un documento datado en 1589 polo que se lle contrata a construción por nove ducados do cruceiro de Teaño (Boiro), "con su caja donde se ponga la imagen de Ntra. Sra. y con tres escaleras al pié, de buena piedra (...) y las imágenes muy buenas...". Deste cruceiro xa só quedan algúns restos.

Descoñécese se orixinalmente estiveron pintados ou non, pero hai constancia nalgúns casos de que os veciños pintan as imaxes, sobre todo a da Virxe, con vivas cores.

Distribución miniatura|Cruz do Abelán. Estes cruceiros son propios da Coruña, concretamente na península do Barbanza, concentrándose ó longo das beiras das rías de Arousa e Noia, nos concellos de Boiro, Brión, Rois, Dodro, Lousame, Noia, A Pobra, O Porto do Son, Rianxo ou Ribeira.En total están censados 126 exemplares, incluíndo antigos e modernos, dos que 117 están na súa área de distribución (). A única excepción fóra deste territorio está en Vilar, na parroquia de Cordeiro do concello pontevedrés de Valga, se ben tamén hai cruceiros de capela en diferentes concellos galegos, pero modernos, decorativos.A modo de exemplo pódense citar os existentes en Ames, A Coruña, Vigo ou Sanxenxo.

Algúns exemplos de cruceiros de capela son os seguintes: Cruceiro da Angustia Viro, en Roo, concello de Outes. Cruceiros da Laxe, da Laxe Pequena, das Neves, da Burata ou de Pastoriza (de 1636), en distintos lugares da parroquia de Taragoña, Rianxo. Cruceiros de Tores, Noal ou de Loreto, nas parroquias de Nebra e de Noal, O Porto do Son, este último diante da capela dedicada á Nosa Señora de Loreto. Cruceiro de Augas Santas, Rois (1617). Cruz do Abelán, en San Xoán de Laíño, Dodro Cruceiro de Deán Pequeno, en Ribeira. Cruceiro da capela de Pedrafurada, en Caamaño (O Porto do Son).

Castelao debuxou varios exemplares destes cruceiros no seu traballo As cruces de pedra na Galiza nas láminas 71 a 74: Cruceiros de Miráns e do Outeiro (O Araño, Rianxo) Cruceiro da Laxe Pequena e de Ourolo (Taragoña, Rianxo) Cruceiro de Moldes (Oleiros, Ribeira)Nótese que Castelao sitúa Moldes no estremeiro concello da Pobra. Cruceiro do Cuveliño (Cespón, Boiro) Cruceiro de Leiro (Rianxo) Cruceiro de Brión

Historia e tradicións miniatura|Cruceiro das Travesas, Vigo, instalado en 1981. Castelao suxire que a orixe deste tipo de cruceiros está na busca da protección divina contra as invasións piratas dos séculos XVI e XVII que accedían por esa costa a Compostela: a advocación da Virxe de Loreto como defensora dos ataques piratas no Adriático nace co papa Sisto V en 1587.

E conta este sucedido:

O culto relixioso a estes cruceiros segue vixente na actualidade e pode comprobarse aínda hoxe a presenza de cirios, lampadiñas ou flores colocadas polos fieis no interior da capeliña; nalgúns casos, son ramos de flores deixados polas noivas tras casar. Castelao fala e debuxa o de Tállara (Lousame), con peto de ánimas e alumeado cun farol de aceite Clodio González cita casos nos que esta iluminación foi substituída por luz eléctrica.. Nun cuestionario sobre o folclore galego recollido en 1883 recóllese o costume de que a dona, a nai ou a filla dun mariñeiro colocaba a imaxe da Virxe cara ao rumbo que tiña que levar, pedindo o seu amparo na travesía. Aínda se facía así hai pouco en Cespón (Boiro).

Outros ritos propiciatorios relacionados cos cruceiros de capela son os seguintes: as mozas deixaban ós pés da Virxe trenzas de pelo para recupera-lo seu amor, que fora perdido ou roubado (no de Tállara, Lousame); atar no fuste do cruceiro unha peza de roupa dunha muller que ía dar a luz, que non se retiraba ata que rematase o parto (no de Sóñora, Rois, de 1601); atar un ramal cando se extravía un animal ou un obxecto (Carrais, Rois).

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

González Pérez, Clodio (1995-1998) Os Cruceiros de Capela I (II), II, III, IV, V e V (II) en Cuadernos de Estudios Gallegos, IEGPS, CSIC.

González Pérez, Clodio: Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada s. v. cruceiro.

Ligazóns externas Cruceiros de Lousame