Eduardo Daniel Sousa Iglesias, máis coñecido como Edu Sousa, nado en Tui o 15 de xullo de 1991, é un futbolista galego. Xoga de porteiro no Pontevedra, da Segunda División RFEF.

Traxectoria Tras pasar brevemente polas canteiras do Areosa, o Celta de Vigo e o Atlético de Madrid, chegou en 2007 ao Deportivo da Coruña. Militou tres anos equipo xuvenil do club, e na tempada 2009/10 debutou co Fabril na Terceira División, nun encontro ante o Coruxo en Abegondo, participando así do ascenso á Segunda División B. Pasou os dous seguintes anos no filial, pero sen apenas participación, ao ter por diante ao porteiro Diego Rivas primeiro e máis tarde a Marc Martínez.

En 2012, despois de cinco anos no Deportivo, deixou o club e asinou co Pontevedra B, de Preferente. Disputou 35 partidos co filial e na tempada 2013/14 fíxose coa titularidade no primeiro equipo do Pontevedra, da Terceira División. Defendeu a portería de Pasarón durante os seguintes sete anos, logrando o ascenso a Segunda B e acumulando 251 partidos oficiais. Exerceu ademais como capitán do equipo.

En 2020 deixou Pontevedra despois de oito anos e puxo rumbo a Castela-A Mancha, onde fichou polo Talavera. No club manchego coincidiu de novo con David Añón, co que compartira equipo tanto no xuvenil do Deportivo, como no Fabril e no Pontevedra. Xogou un total de 52 partidos co Talavera en dúas tempadas, a segunda delas nova Primeira División RFEF, perdendo a categoría ao remate da campaña.

Tralo descenso do club regresou a Galicia, onde ingresou de novo no Deportivo da Coruña, unha década despois da súa saída do club. Debutou co equipo o 9 de outubro de 2022, nun partido da Primeira División RFEF diante do Rayo Majadahonda, conseguindo manter a portería a cero. No Deportivo contou con poucas oportunidades, sendo a titularidade para Ian Mackay. Con todo, xogou seis partidos e substituíu a Mackay trala súa expulsión no treito final do partido de volta das semifinais da promoción de ascenso ante o Castellón, na que o club coruñés quedou eliminado.

Tras rematar o seu contrato regresou ao Pontevedra, equipo da Segunda División RFEF.

Palmarés Fabril Terceira División (1): 2009/10.

Pontevedra Terceira División (1): 2014/15.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en deportivo-la-coruna.com Datos do xogador en futbolme.com Datos do xogador en futbol-talentos.es

Categoría:Nados en 1991 Categoría:Nados en Tui Categoría:Futbolistas da provincia de Pontevedra Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Pontevedra CF B Categoría:Xogadores do Pontevedra CF Categoría:Xogadores do CF Talavera de la Reina Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes