Juan Morás Veiguela, coñecido como Juananco, nado na Coruña o 24 de xuño de 1928 e finado o 14 de marzo de 1989, foi un pescador e futbolista galego. Xogaba de centrocampista e destacou no Xuvenil e no Deportivo da Coruña.
Traxectoria Naceu no barrio coruñés de San Roque de Fóra, e comezou a xogar ao fútbol no Deportivo Ciudad e no Sin Querer. Neste último foi descuberto por Rodrigo, que o levou con el ao Fabril e logo ao Xuvenil. Xogou varios anos no Xuvenil, exercendo como capitán, e na tempada 1953/54 conseguiu un histórico ascenso á Segunda División.
En 1954 pasou a formar parte plenamente do primeiro equipo do Deportivo da Coruña, aínda que xa tiña xogado dous partidos de liga con este en 1950. Foi o único xogador do equipo en disputar todos os encontros da tempada 1954/55 na Primeira División, con Eduardo Toba no banco, e compartindo centro do campo con xogadores como Cuenca, Gárate ou Lechuga. Na xornada 21 marcou o seu único gol coa camiseta do Deportivo, batendo ao gardameta do Atlético de Madrid, Adolfo Riquelme, en Riazor (1-0). Disputou dúas tempadas máis na máxima categoría e outras dúas en Segunda, aínda que na última delas non dispuxo de minutos, e sumou un total de 101 partidos co equipo. En febreiro de 1959, ante a falta de minutos, regresou ao Xuvenil en calidade de cedido.
Tralo remate da tempada deixou o Deportivo e marchou a Asturias, onde fichou polo CP La Felguera, onde xogou unha campaña e media.
A continuación regresou á Coruña, onde militou en varios clubs modestos como o Sporting Coruñés, o Orillamar o Orzán ou o Torre, ademais de continuar coa súa profesión, pescador.
Naufraxio do La Isla En outubro de 1970 tivo unha destacada participación nas labores de rescate tralo naufraxio do buque pesqueiro La Isla, que se afundiu fronte á Torre de Hércules cando regresaba do Gran Sol. Juananco dirixíase ao seu barco pesqueiro, o Segunda Isabelita, para saír a faenar xunto ao seu irmán Luis, Benito Canzobre, Gonzalo Pardo e Santiago Varela, todos eles veciños de San Pedro de Visma: souberon entón do naufraxio do La Isla e decidiron saír na busca dos posibles náufragos. Foron os primeiros en chegar ao perigoso lugar, moi preto das rochas, e conseguiron salvar ao único supervivente (Ramón Seoane) e rescatar o primeiro dos catorce cadáveres que deixou o sinistro.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol Datos do xogador en aupadeportivo.com
Categoría:Nados en 1928 Categoría:Finados en 1989 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo Xuvenil Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Orzán SD Categoría:Mariñeiros