Ramón González Figueroa, nado na Coruña en 1898 e finado na mesma cidade o 4 de novembro de 1977, foi un futbolista galego. Xogaba de interior esquerdo e destacou especialmente no Vigo Sporting e no Deportivo da Coruña. A súa fichaxe polo este último en 1923, xunto ás de Otero e Chiarroni, pouco despois de que a fusión do Vigo Sporting co Fortuna dese orixe ao Celta de Vigo, provocou unha batalla legal entre os dous clubs e foi o detonante da actual rivalidade Celta-Deportivo. Disputou 103 partidos oficiais co Deportivo entre 1924 e 1931, retirándose como o máximo goleador histórico do club con 89 goles. Na actualidade ocupa o sétimo lugar entre os maiores anotadores da historia do club.
Foi internacional coa selección española, coa que gañou a medalla de prata nos Xogos Olímpicos de 1920.
Traxectoria Comezou xogando no Fabril, dende o mesmo ano da creación do club, e a continuación pasou ao Real Club Coruña. No club de Monelos coincidiu con outros grandes dianteiros da súa época como Paco González ou Pepe Torres, e debutou no Campionato de Galicia. Militou no club ata a desaparición deste en 1919.
Ese mesmo ano mudouse a Vigo, onde ingresou no Vigo Sporting. Co club vigués disputou con máis éxito o Campionato de Galicia, proclamándose campión xa na súa primeira tempada (1919/20), por diante do Deportivo da Coruña. En 1921 foi mobilizado polo exército xunto a varios dos seus compañeiros para participar na guerra do Rif, encadrado no Rexemento de Murcia de Vigo. Ao seu regreso sumou o seu segundo título galego na tempada 1922/23 e disputou ademais a Copa de España, marcando dous goles na edición 1922/23. miniatura|Ramón González e Antonio Bilbatúa na guerra do Rif (1921). O 11 de marzo de 1923 foi o autor do único gol no derradeiro derbi entre o Vigo Sporting e o Fortuna de Vigo, pouco antes de que estes dous equipos se fusionasen para formar o Celta de Vigo. Tras o nacemento do Celta, os xogadores do Vigo Sporting Otero, Chiarroni e Ramón González abandonaron o club e ficharon polo Deportivo da Coruña. O feito foi considerado unha afronta para o club vigués e sería un dos detonantes da histórica rivalidade co equipo coruñés. As protestas do Celta, que acusaron o Deportivo de ter subornado aos xogadores vigueses, levaron a Federación Galega a inhabilitar os tres futbolistas tránsfugas, acusándoos de profesionalismo, mentres que o Deportivo foi descualificado do Campionato de Galicia. Porén, o Deportivo recorreu ante a Real Federación Española de Fútbol, a cal se pronunciou en favor dos herculinos e anulou a sanción contra o club por entender que non existira suborno, instando á FGF a que readmitise o Deportivo no campionato, aínda que si mantivo a sanción sobre os tres xogadores por existir duplicidade de fichas. A FGF enviou un escrito de protesta á RFEF, mais esta reafirmouse na súa decisión, polo que a FGF convocou unha asemblea extraordinaria na que acordou por maioría aceptar o veredicto da RFEF.
En 1924 puido xogar finalmente co Deportivo, converténdose xa en abril dese ano no capitán, e co tempo, nun dos xogadores máis emblemáticos do club. Unha das súas primeiras grandes actuacións co club chegou en xuño dese mesmo ano, cando lle marcou 7 goles en dous partidos ao Dundee FC escocés. Ese mesmo ano marcou o seu primeiro triplete en partido oficial co Deportivo, nun partido do campionato galego ante o Pontevedra Athletic no campo de Riazor, e un mes despois converteuse no primeiro futbolista na historia do club en marcar catro tantos nun mesmo partido oficial, na goleada por 8-0 sobre o Unión Sporting de Lavadores. Pechou a súa primeira tempada no club coruñés con 11 goles en 9 partidos oficiais, cifra que superou na seguinte campaña, con 19 goles en 15 partidos. Durante eses anos e os seguintes formou unha efectiva á esquerda no ataque coruñés xunto ao seu futuro cuñado, o extremo Emilio Pereiro.
O 21 de marzo de 1926 anotou cinco goles nun partido da Copa do Rei contra o Real Unión Deportiva de Valladolid e na campaña seguinte superou o seu propio récord, anotando seis goles ante o mesmo rival. Foi a primeira e única vez na historia na que un futbolista do Deportivo anotou seis goles nun mesmo partido oficial.
En novembro de 1927 nun partido contra o Eiriña en Pontevedra, sufriu un forte choque contra o defensa Solla, tendo que ser retirado do campo inconsciente. Algúns xornais chegaron a publicar erroneamente o seu falecemento, pero o xogador reapareceu só unha semana despois, marcando un gol no derbi ante o Celta de Vigo que decidiu o campionato galego a favor do club coruñés. Xogou algúns partidos máis, pero en marzo de 1928, o club deulle unha licenza para descansar uns meses e recuperarse dos efectos do golpe. Volveu xogar en xullo e durante as seguintes dúas tempadas continuou engordando as súas estatísticas goleadoras co club, pero cun rendemento menor que en anos anteriores. Formou parte do equipo deportivista nas súas dúas primeiras campañas na Segunda División, trala creación das ligas nacionais.
Deixou o fútbol en 1930, pero en outubro de 1931 regresou para xogar un último partido contra o Racing de Ferrol no antigo Campo de Riazor, correspondente ao Campionato de Galicia. Chamado por Félix Gila para substituír ao lesionado Paco León, formou na dianteira xunto a Pepe Torres, Triana, Chacho e Diz. A continuación retirouse definitivamente da práctica do fútbol como o máximo goleador histórico do Deportivo, status que mantivo ata 1940, cando foi superado por Chacho.
Selección española As súas grandes actuacións co Real Vigo levárono a ser convocado por Paco Bru para a estrea da selección española nos Xogos Olímpicos de 1920 en Anveres. Con todo, sufriu de febre xa durante a viaxe en tren e non puido debutar no torneo olímpico, no que o seu equipo conseguiu a medalla de prata. Aínda que pasou eses días na cama dun hospital, converteuse no primeiro medallista olímpico coruñés e nun dos tres primeiros medallistas galegos xunto aos seus compañeiros Moncho Gil e Luis Otero..
Familia Casou en 1928 con María Pereiro Rey, irmá do tamén futbolista do Deportivo Emilio Pereiro, coa que tivo un fillo, chamado tamén Ramón. Foi tío de Luis e Ramón Precedo, ámbolos dous futbolistas e adestradores.
Estatísticas ClubTempadaSegunda DivisiónCopaC. GaliciaTotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesReal Club Coruña1917/18 -- --????1918/19 -- --4141Total club----4141Real Vigo1919/20 --1010201920/21 ----52321922/23 --326597Total club--42127169Deportivo1924/25 ----9119111925/26 --10751215191926/27 --151451120251927/28 --10118418151928/29103 --7717101929/30117201022391931/32 -- -- 1-10Total club21103732454710389Total carreira21104134615512399
Palmarés Vigo Sporting
Campionato de Galicia (3): 1918/19, 1919/20 e 1922/23.
Deportivo da Coruña
Campionato de Galicia (3): 1926/27, 1927/28 e 1930/31.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en Peña deportivista Os Zorros . Datos do xogador en BDFutbol .
Categoría:Nados en 1898 Categoría:Finados en 1977 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Real Club Coruña Categoría:Xogadores do Real Vigo Sporting Club Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Galicia Categoría:Xogadores do Celta de Vigo internacionais coa selección de fútbol de Galicia Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Futbolistas olímpicos de Galicia Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 1920 Categoría:Medallistas olímpicos en fútbol Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1920 Categoría:Medallistas olímpicos de prata por España