José Ignacio Peleteiro Ramallo, coñecido como Jota Peleteiro ou simplemente Jota, nado na Pobra do Caramiñal o 6 de xuño de 1991, é un exfutbolista galego que xogaba de mediapunta.

Formado na canteira do Celta de Vigo, non encontrou sitio no primeiro equipo, polo que saíu cedido primeiro ao Real Madrid Castilla e logo ao Eibar. No club vasco foi un dos xogadores máis destacados da tempada 2013/14, sendo elixido no once ideal da Segunda División, e na antepenúltima xornada de liga anotou o histórico gol que lle deu ao equipo o ascenso á Primeira División por primeira vez na súa historia. En 2014 puxo rumbo a Inglaterra, onde fichou polo Brentford, equipo do Championship co que tivo destacadas actuacións ata 2017, período entre o cal xogou cedido un ano co Eibar na Primeira División.

Entre 2017 e 2019 militou no Birmingham City, tamén da segunda categoría inglesa, e a continuación fichou polo gran rival histórico de dito club, o Aston Villa, co que debutou na Premier League. Na tempada 2020/21 xogou en Primeira División co Alavés, club no que se retirou aos 30 anos.

Traxectoria

Comezos Formouse como futbolista no Xuventú Aguiño de Ribeira, onde permaneceu até o segundo ano da categoría infantil. Nunha edición do torneo de fútbol base Vigo Cup chamou a atención dos responsables da canteira do Celta de Vigo, e fichou polo equipo celeste. Foi subindo polas diferentes categorías do club e na tempada 2008/09 proclamouse campión da División de Honra Xuvenil, ademais de acadar o subcampionato da Copa de Campións Xuvenil, perdendo a final ante o Fútbol Club Barcelona. En abril de 2010 firmou un contrato profesional co equipo para as cinco seguintes tempadas.

Celta de Vigo B No verán en 2010 realizou a pretemporada co primeiro equipo en Melgaço, e esa tempada pasou a xogar co Celta B, adestrado por Milo Abelleira, na Segunda División B. Debutou na primeira xornada de liga, marcando un dos catro goles do seu equipo ante o Badajoz (0-4). Titular na maioría de partidos, as súas boas actuacións fixeron que en decembro comezase a adestrar co primeiro equipo, dirixido por Paco Herrera. O 29 de xaneiro de 2011 debutou na Segunda División, nun partido fronte ao Barça B no que entrou nos minutos finais como substituto de Enrique de Lucas.

Pechou a súa primeira tempada como profesional con 32 partidos co filial (e 6 goles) e 4 encontros co primeiro equipo. Na tempada 2011/12 disputou 36 partidos co filial, todos eles como titular, e marcou 16 goles, cifra que o colocou como o terceiro máximo goleador do grupo I da Segunda B, superado só polos tamén galegos Joselu e Rubén Rivera. O seu bo rendemento espertou o interese do Real Madrid, que o incorporou como cedido no verán de 2012 para xogar co seu filial na Segunda División, despois de que o adestrador do Celta, Luis Enrique, o incluíse entre os seus descartes para a vindeira tempada.

Cesión ao Castilla A súa cesión ao Real Madrid Castilla supuxo unha freada á súa carreira, pois case non contou para o adestrador José Alberto Toril, que só lle concedeu 48 minutos de xogo en toda a tempada. Durante o seu paso por Madrid protagonizou máis noticias da prensa rosa que deportivas, ao comezar unha relación con Jessica Bueno, coñecida polos medios por ser a antiga parella de Kiko Rivera.

Cesión ao Eibar Para a tempada 2013/14 volveu saír cedido, desta vez ao Eibar, tamén de Segunda División. Axiña se converteu nunha importante peza do equipo vasco, adestrado por Gaizka Garitano e nun dos mellores xogadores da liga. Disputou un total de 37 partidos e marcou 11 goles, un deles o histórico tanto ante o Alavés na antepenúltima xornada, que supuxo o ascenso do Eibar á Primeira División por primeira vez na súa historia. Ao remate da tempada foi un dos candidatos ao premio ao mellor centrocampista de ataque da Segunda División, que foi finalmente para Ayoze Pérez, e foi elixido no once ideal do campionato.

Brentford No verán de 2014 deixou o Celta de Vigo e asinou contrato co Brentford, equipo que viña de ascender ao Championship, o segundo nivel do fútbol inglés. Debutou co seu novo club o 19 de agosto, nunha vitoria por 1-2 sobre o Blackpool en Bloomfield Road, onde saltou ao campo na segunda parte como substituto de Moses Odubajo. Marcou o seu primeiro gol o 27 de setembro, no seu sétimo encontro co equipo, nunha vitoria por 2-0 diante do Leeds United en Griffin Park.

Pechou a súa primeira tempada nas illas británicas con 46 partidos e 11 goles, sendo un dos xogadores máis destacados do Brentford e contribuíndo á clasificación do equipo para a fase de ascenso. Ademais foi elixido no once ideal da xornada en dúas ocasións. Comezou a tempada 2015/16 sufrindo unha lesión nos ligamentos do xeonllo que precisou dunha intervención cirúrxica, polo que pasou varios meses de baixa. Reapareceu en decembro e disputou catro partidos máis, antes de regresar a España no mercado invernal por motivos persoais.

Cesión ao Eibar En xaneiro de 2016 anunciouse o seu regreso ao Eibar, nunha cesión por 18 meses. O seu debut na Primeira División tivo lugar no estadio de San Mamés, na xornada 21 da tempada 2015/16, nunha derrota por 5-2 ante o Athletic Club. Disputou un total de 20 partidos co equipo de Mendilibar no que restaba de tempada e na primeira metade da seguinte, antes de ser recuperado polo Brentford en xaneiro de 2017.

Regreso a Brentford De volta en Brentford disputou 21 encontros de liga nos que marcou 12 goles, entre eles un triplete diante do Rotherham United. As súas destacadas actuacións en febreiro, con cinco goles e dúas asistencias en cinco partidos, fixeron que fose candidato a mellor xogador do mes. A pesar de xogar só media tempada co club, acabou como o terceiro máximo goleador do equipo, só por detrás de Lasse Vibe e Scott Hogan.

Birmingham City Comezou a tempada 2017/18 co Brentford, pero a finais de agosto de 2017 foi traspasado ao Birmingham City, tamén da segunda categoría inglesa. Foi un dos seis debutantes do Birmingham na xornada 6 ante o Norwich City, que rematou con derrota pola mínima. Comezou no Birmingham como titular pero acabou perdendo a confianza do adestrador Steve Cotterill e caeu dos onces iniciais a partir de decembro. Regresou á titularidade coa chegada ao banco de Garry Monk en marzo, e converteuse nun dos xogadores máis importantes do equipo no treito final da tempada, contribuíndo de xeito destacado a saír dos postos de descenso e á salvación do equipo.

Na tempada 2018/18 disputou case tódolos partidos de liga, a maioría deles como titular e pechou o seu paso polos Blues cun total de 75 encontros, 8 goles e 11 asistencias.

Aston Villa O 5 de agosto de 2019 deixou o Birmingham para fichar polo gran rival histórico do club, o Aston Villa, tamén de Birmingham, no mesmo día no que Gary Gardner realizou o camiño inverso. O Aston Villa viña de ascender á Premier League, e no equipo reencontrouse co seu antigo adestrador no Brentford, Dean Smith. Debutou na máxima categoría inglesa o 10 de agosto, nun partido contra o Tottenham de Pochettino no Tottenham Hotspur Stadium de Londres, partido que acabou en derrota por 3-1. Marcou o seu único gol co club o 25 de setembro, nunha vitoria por 3-1 sobre o Brighton & Hove Albion, correspondente á EFL Cup.

Con todo, despois do primeiro terzo da competición, apenas volveu dispoñer de minutos, situación que non mellorou co inicio da tempada seguinte. Finalmente, o 3 de outubro de 2020 deixou o club, despois de chegar a un acordo para a rescisión do seu contrato.

Deportivo Alavés Ao día seguinte de deixar o Aston Villa, asinou un contrato por un ano co Deportivo Alavés, da Primeira División. Disputou un total de 25 partidos co equipo vasco, polo que pasaron ata tres adestradores durante a tempada 2020/21, e que acabou salvando a categoría nas xornadas finais despois de ocupar postos de descenso durante varias semanas. Ao remate da campaña confirmou a súa marcha do club. A pesar de ter ofertas de varios equipos, a falta de motivación polo fútbol levouno á retirada con só 30 anos.

Selección galega Foi convocado pola selección galega para o partido contra Venezuela disputado no estadio de Riazor o 20 de maio de 2016, que finalizou con empate (1–1).

Trala retirada do fútbol Despois de colgar as botas fundou a empresa Ramalloc Innovation Corporation, centrada na innovación e a introdución de novas tecnoloxías no sector agrario.

Vida persoal Dende o ano 2013 mantivo unha relación coa modelo sevillana Jessica Bueno, coa que casou en 2015 e coa que tivo dous fillos: José Ignacio e Alejandro. Separáronse a finais de 2022. En febreiro de 2024 anunciou a súa conversión ao islam e catro meses despois casou coa modelo serbia Ajla Etemovic na cidade saudita de Abha.

Palmarés Eibar Segunda División (1): 2013/14.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Perfil en Soccerbase.com

Categoría:Nados en 1991 Categoría:Nados na Pobra do Caramiñal Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Futbolistas da Pobra do Caramiñal Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Celta de Vigo B Categoría:Xogadores do Real Madrid Castilla Categoría:Xogadores do SD Eibar Categoría:Xogadores do Brentford FC Categoría:Xogadores do Birmingham City FC Categoría:Xogadores do Aston Villa FC Categoría:Xogadores do Deportivo Alavés Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Galicia