Eloi Caldeiro Díaz, nado en Sarria o 23 de abril de 1955, é un músico, poeta, escritor e director de compañía discográfica galego, pioneiro na fusión da música galega con outros ritmos.

Traxectoria

Estudou o Bacharelato na súa vila natal, que compaxinou cos estudos de música, actividade que desenvolveu dende moi novo. No ano 1970 comezou a tocar en grupos de música. No ano 1971 fixo a súa primeira incursión no teatro afeccionado. No 1972 dirixe a revista A Lareira onde pública os seus primeiros poemas. En 1974 dirixe o grupo de teatro afeccionado Val de Sarria representado a obra Barriga Verde do escritor Manuel María por todo o país. No ano 1974 percorreu o Camiño Francés para realizar un estudo-investigación sobre o Camiño de Santiago nas Terras de Sarria o cal foi galardoado no Certame Meiga e Trasgos como mellor traballo de investigación histórica do ano seguinte. En 1976 fundou o primeiro grupo de rock en galego, Tebras.

Estudou na Escola Universitaria de Profesores de EXB en Lugo, onde acadou a titulación de mestre na especialidade de ciencias humanas. Entre 1978 e 1980 foi directivo da Asociación Cultural Ergueitos de Sarria.

En 1980 logo da disolución do grupo de rock Tebras fundou o grupo de folk galego Brath, no que continua na actualidade. En 1985 acadou o primeiro premio Galicia de Xornalismo polo programa de radio Folk 7 que se emitía para toda Galiza na cadea de emisoras Ondas Galicia. En 1986 chegou á final deste mesmo premio co programa de cultura galega A Fábula da Terra. Dende 1985 a 1991 foi o director do Festival de música popular e folk Lugofolk, Alcontros de música popular. Este festival complementábase con conferencias de grandes persoeiros do mundo da música e da etnografía.

No ano 1987 logo de aprobar unha oposición a director de centros, comezou a traballar na Xunta de Galicia. En 1988 foi un dos coordinadores da grande exposición do Lugo Romano encargándose da sección audiovisual. Tamén neste ano fundou a compañía de música Sons Galiza, dedicada á gravación e edición discográfica e á edición de libros, nesta compañía editaron e editan discos moitos dos artistas máis representativos da música folk galega, entre eles Luar na Lubre, Na Lúa, Uxía, María Manuela, Xocaloma, Saraibas e Brath. O catalogo actual de Sons Galiza confórmano máis de 3.000 gravacións de música galega, sendo a editora que máis producións discográficas ten lanzado no país. Na edición bibliográfica conta no seu catálogo con autoras/es como: Xavier Rodríguez Barrio, María Xosé Queizán, Fiz Vergara Vilariño, Manuel Forcadela, Xesús Valcarcel, Xosé Lois García Fernández ou propio Caldeiro.

No ano 1992 contratouno a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo para o deseño, realización e produción da programación cultural do Xacobeo; a través da empresa Sons Galiza prográmanse entre o ano 1992 e 1993 máis de 500 eventos entre concertos, recitais de poesía, grupos corais e grupos tradicionais, así como a contratación de artistas internacionais e a edición de máis de 10 CD's promocionais de música galega. De 1996 a 2006 desempeña as tarefas de xerente da cadea de tendas de música marca “Tipo” distribuíndo música nas súas tendas de Lugo, Santiago de Compostela e Ferrol.

En 1998 e co gallo da celebración dos dez anos de Sons Galiza creou o Certame “Galicia Sonsfolk” para a procura de novos valores da música folk galega. No ano 2002 e seguindo a mesma filosofía que no “Certame Galicia Sonsfolk” creou xunto coas Universidades galegas o “Certame Campusons” para grupos de rock e pop cantado en galego.

No ano 2003, deseñou e realizou a colección Son de Galicia, onde se inclúen 41 discos do máis representativo da música feita en Galicia e que se distribuíu por medio do xornal La Voz de Galicia acadando preto de 1 500 000 de copias vendidas en tres meses, circunstancia que fixo que en cerca de 40.000 fogares galegos teñan na actualidade unha historia en CD da música galega.

No ano 2005, deseña e dirixe O son e a Terra unha colección de dez libro-discos, sobre a cultura e o acervo histórico-artístico das comarcas galegas, libros nos que se inclúe a música de cada comarca en dúas versións. Esta colección distribúese co xornal La Voz de Galicia da que se editan cerca de 100.000 exemplares.

Dende o ano 2006 edita e dirixe a revista de cultura galega Nazón. A partir de 2007, comeza a produción e filmación da serie para TV Os Camiños de Santiago en Galicia, que inclúe a música tradicional de cada concello por onde pasa cada camiño. O traballo está a piques de rematar.

Caldeiro ten editados máis de 15 discos de música galega, entre o grupo Brath e os que asina co seu propio nome, e que van dende o folk ao rock pasando polo bossanova ou o chill out. Compuxo música para filmes e series de televisión, ten tres libros de poemas editados e dous que pronto irán ao prelo. Colabora asiduamente en xornais e revistas, así como na radio. Participou durante anos no faladoiro político Despierta Galicia que se emite para toda Galiza neste programa de RadioVoz e foi tamén colaborador no programa da Cadena SER, A vivir que son dos días Galicia.

Acadou premios como o antes citado Galicia de Xornalismo, Meigas e Trasgos, O Facho de Poesía ou nomeamentos aos premios da Música da SGAE como mellor canción composta en galego no ano 2000. Foi fundador e presidente da Asociación de Compañías e Produtoras Discográficas Galegas (Agaphono). Colaborou en traballos de investigación: “Informe da Comunicación en Galicia, para o Consello da Cultura Galega que coordinou o escritor Manuel Rivas e a “Industria Cultural en Galicia, traballo colectivo a iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela, sobre a industria cultural galega, dirixido polo catedrático da Facultade de Económicas de Santiago Alberte Meixide e que contou con Victor F.Freixanes, Presidente da Real Academia Galega, como coordinador.

Ademais ten ofrecido conferencias e charlas por toda Galiza e noutros lugares de España, como Madrid, Segovia, Murcia, Asturias, na Universidade Internacional Menéndez Pelayo, Universidade da Coruña, entre outras. Mesmo o ten feito en países como a Arxentina no Centro Gallego de Buenos Aires e o Brasil.

No apartado musical ten editado os seguintes álbums con Brath: Kalaikia, Viaxe Alén de Fisterra, Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro (varios artistas) Lembranza da Auga, Néboa Infinda, Cinco (nomeado aos Premios da Música no ano 2000 pola “Academia de la Música”), Rodeira, O Latexo do Fogo, Bulevar Océano Vol 1, Intres e Codex e Enxebre. Como Eloi Caldeiro ten editado: Colorín (música para nenos/as con versos de Xosé María Álvarez Blázquez); A Terra e a Saudade, música para textos de Ramón Piñeiro; Eloi Caldeiro canta a María Mariño; XX Séculos de Noivado (B.S.O. dunha serie de 13 capítulos para TV); O Ladrón de Reliquias (B.S.O do filme do mesmo nome), Cantos de Nadal e EC “Estado de shock”.

Asemade, dirixiu os documentais “Palabra no tempo que comeza” (María Mariño), “Entre o Miño e o mar de Vigo” (Xosé María Álvarez Blázquez), “A Terra e a Saudade” (Ramón Piñeiro).

En 2012 dirixiu e presentou o programa musical “E-Música” na Televisión de Galicia. Durante os anos 2013, 2014 e 2015 dirixiu o programa para a TVG "Pobos con Música" nos anos 2016 e 2017 o reality show " Feirantes", tamén para a TVG.

Dende o ano 2014 dirixe o xornal dixital "Xornaldelugo.com" e a emisora LugoSiRadio.

Obra literaria Poesía Anacos de siléncio (1986), Sotelo Blanco. O sul da auga (1992), Sons Galiza. A lentura da auga. Muller de auga. Servizos informativos (2008), Atlantia.

Obras colectivas Os escritores lucenses arredor de Ánxel Fole (1986), Concello de Lugo. Concurso Nacional de Poesía O Facho (1978-1989) (1990), Ediciós do Castro. 150 Cantares para Rosalía de Castro (2015, libro electrónico). Informe da Comunicación en Galicia. (Xunta de Galicia) Industria Cultural en Galicia (Fundación Caixa Galicia)

Premios literarios "Meigas e Trasgos de Investigación Histórica sobre o Camiño de Santiago" (1976). 3º premio do Concurso Nacional de Poesía O Facho no 1980. 1º Premio Galicia de Xornalismo" (Xunta de Galicia) (1985).

Obra musical "Kalaikia" Brath (1982), Philips. "Viaxe alén de Fisterra", Brath (1985), Fonomusic. "Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro", Varios Artistas, (1988), Sons Galiza. "Lembranza da Auga", Brath (1988), Sons Galiza. "Neboa Infinda", Brath (1991), Sons Galiza. "Cinco", Brath (1999), Sons Galiza. "Rodeira", Brath (2001), Sons Galiza. "Oceana, a música da fin do mundo", Varios Artistas, (2003), Sons Galiza. "O Latexo do Fogo",Brath (2004), Sons Galiza. "Bulevar Oceano", Brath (2005), Sons Galiza. "Intres", Brath (2006), Sons Galiza. "Eloi Caldeiro canta a María Mariño, (2007), Sons Galiza. "Colorín" Xosé María Álvarez Blázquez, poemas, Eloi Caldeiro, (2008), Sons Galiza. "Música para textos de Ramón Piñeiro", Eloi Caldeiro, (2009), Sons Galiza. "Cantos de Nadal", (2012), Sons Galiza. "Codex" Brath (2013), Sons Galiza. "Estado de Shock", EC, (2014), Sons Galiza. "Enxebre", Aniversario XXXV anos. Brath (2015), Sons Galiza.

Obras audiovisuais "Palabra no tempo que comeza" María Mariño (2007), Miñomedia. "Entre o Miño e o mar de Vigo" Xosé María Álvarez Blázquez, (2008), Miñomedia. "A Terra e a Saúdade", Ramón Piñeiro (2009), Miñomedia. "E-Música", Serie de programas musicais para a TVG (2012), Miñomedia. "Pobos con Música", Serie de programas musicais para a TVG (2014), Cas D'Oleiro 2.0.

Obras colectivas Terras de Sarria, As Serras. Terras de A Ulloa, Melide, Arzúa, con Xulio Xiz, 2008, La Voz de Galicia.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Nados en Sarria Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Poetas de Galicia Categoría:Músicos de Galicia Categoría:Nados en 1955 Categoría:Poetas en lingua galega Categoría:Percusionistas Categoría:Baterías