Francisco "Pancho" García Fernández, nado en Ferrol o 1 de xullo de 1951, é un exfutbolista galego. Centrocampista histórico do Deportivo da Coruña, é o noveno futbolista con máis partidos na historia do club (331).

Traxectoria Naceu no barrio ferrolán de Esteiro o o 1 de xullo de 1951. Soldador de profesión, traballou na Bazán, ao igual que seu pai, ao tempo que xogaba en equipos modestos como o Esteiro ou o Arsenal. En 1972 pasou ao Racing de Ferrol, club no que militou durante tres tempadas, todas na Terceira División. Na campaña 1973/74 chegou a anotar 15 goles, sendo o segundo máximo anotador do equipo por detrás de Alfonso Castro.

En 1975 fichou polo Deportivo da Coruña e xogou no club coruñés durante a seguinte década completa. Titular na maioría de partidos dese período, viviu o primeiro descenso do club á Segunda División B ao remate da tempada 1979/80. Contribuíu ao ascenso do equipo só un ano despois marcando 10 goles na categoría de bronce. Deixou o club e o fútbol ao remate da tempada 1984/85.

No momento da súa retirada era o segundo futbolista con máis partidos oficiais na historia do Deportivo da Coruña (331), só por detrás do histórico gardameta Acuña (393). Na actualidade ocupa a novena praza.

Despois de deixar o Deportivo dedicouse ao fútbol sala e entre 1985 e 1987 xogou no histórico Chaston da Coruña, co que foi subcampión dunha primitiva liga española, así como de dúas edicións da Copa do Rei oficiosa. En 1989 converteuse no adestrador do equipo na histórica tempada inaugural da División de Honra, a nova máxima categoría do país, xa de xeito oficial, conseguindo asegurar a permanencia. Entre 1994 e 2002 adestrou a selección coruñesa sub-16 de fútbol e estivo tamén aos mandos da selección galega sub-16 e do Calasanz.

No 2013 formou parte da candidatura de Germán Rodríguez Conchado á presidencia do Deportivo da Coruña.

Notas

Categoría:Nados en 1951 Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Futbolistas de Ferrol Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores de fútbol sala de Galicia Categoría:Adestradores de fútbol sala Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia