Pavl Nikolaievich Evdokimov, nado en San Petersburgo o 2 de agosto de 1901 e finado o 16 de setembro de 1970 en Meudon foi un teólogo ruso pertencente á Igrexa Ortodoxa.
Traxectoria Marcado polo asasinato do seu pai en 1907, ingresou na Escola de Cadetes, pasando longos retiros en mosteiros ortodoxos. Inicia estudos de teoloxía en Kíiv e combate durante dous anos no exército branco. Trala derrota, estivo exiliado en Constantinopla e finalmente chega a París en 1923, onde traballa de taxista, pinche, quenda nocturna na Citroën, limpeza de vagóns, conseguindo sobrevivir para licenciarse en filosofía na Sorbona e teoloxía no Instituto de San Serxio. A súa tese foi sobre Dostoievski e o problema do mal. Durante a segunda guerra mundial implícase no Comité intermovementos de axuda aos evacuados; e durante a posguerra organiza unha casa de acollida aos refuxiados en Bievres. Colaborou con varias iniciativas humanitarias e foi profesor do Instituto de Estudos Ecuménicos e no Consello Ecuménico das Igrexas. Foi invitado como observador ortodoxo ao Concilio Vaticano II.
Pensamento Para Pavl Evdokimov, tanto o existencialismo de Jean Paul Sartre, a psicanálise de Sigmund Freud e a filosofía de Feuerbach ou Nietzsche teñen posto de manifesto que o home, arrebolado a un mundo inxusto e hostil dimite e busca unha evasión en ribeiras máis consoladoras. Deus é unha proxección que protexe ao home do enfrontamento co real. Porén, para Evdokimov o ateísmo non contén ningunha explicación construtiva da existencia. Só o marxismo coa súa promesa solidaria de futuro permite rachar o círculo pechado da existencia humana, pero cae tamén no mito dun Paraíso na terra afastado da función do real e do home concreto e inerme, e se desliza cara a un antiteísmo militante que denota un estado pasional netamente patolóxico.
Pero Evdokimov é tamén crítico cunha teoloxía que reduce a Deus a un dato exterior ao Cosmos e á existencia e o converte no fundamento dun sistema de prohibicións inimigo da felicidade, orixe de tabús sociais e coartada para a opresión dos poderosos. No mellor dos casos o cristianismo é unha das formas sociolóxicas típicas, un exemplo chocante de alienación, o que explica o seu fracaso.
Fronte a todo isto Evdokimov presenta como promesa liberadora a tradición dos Pais da Igrexa, en especial os orientais:Gregorio Nacianceno, Gregorio de Nisa, Xoán Crisóstomo...e unha visión renovada e actualizada da teoloxía bizantina, en particular Gregorio Palamas e Nicolás Cabasilas. Un pensamento que non separa mística de teoloxía, experiencia e dogma. O cristianismo, para ser fiel a si mesmo, debe volver a estas fontes da vida espiritual e poder dar unha resposta auténtica ás inquedanzas individuais e sociais da persoa. Esa resposta debe ser ofrecida dende a debilidade propia da Cruz, partindo da base de que Deus acepta ser rexeitado, descoñecido, desbotado, evacuado da súa propia creación.
Obras Dostoïevsky et le problème du mal La Femme et le salut du monde L´Orthodoxia Les Ages de la vie spirituelle L´Art de icône, théologie de la beauté L´Amour foeu de Dieu L´Boission ardent
Véxase tamén
Bibliografía Introdución de Luce Giard en Paul Evdokimov, El Amor Loco de Dios, Madrid 1990, ISBN 84-277-0857-2 Introdución de Olivier Clément en Paul Evdokimov, Las Edades de la Vida Espiritual, Salamanca 2001, ISBN 84-301-1479-3
Categoría:Teólogos ortodoxos Categoría:Nados en 1901 Categoría:Nados en San Petersburgo Categoría:Finados en 1970