Inspiral Carpets é unha banda de rock alternativo inglesa procedente de Oldham, en Greater Manchester, e formada por Graham Lambert e Stephen Holt en 1983. O grupo chamouse así por unha tenda de roupa que había en Oldham. O seu son xira ao redor de guitarras e teclados psicodélicos.

Traxectoria Os amigos do colexio Graham Lambert e Stephen Holt recrutaron ao batería Craig Gill e formaron Inspiral Carpets en 1983, orixinalmente como unha banda de garage punk. Despois de que pasasen varios membros polo grupo, cara 1987 a formación incluía ao baixista David Swift e ao organista Clint Boon. A banda editou dúas demos noas anos 80, Waiting for Ours e Songs of Shallow Intensity, que incluían cancións que serían regravadas posteriormente.

Fixéronse coñecidos, xunto con bandas como The Stone Roses e Happy Mondays, na escena Madchester de finais dos ano 80. Despois dun flexi-disc interpretando "Garage Full Of Flowers", que se entregaba de xeito gratuíto coa revista de Manchester Debris en 1987, apareceu a casete Cow, o seu primeiro lanzamento. O EP Planecrash, editado polo selo Playtime foi emitido habitualmente polo DJ de Radio 1 John Peel, quen lle pediu á banda gravar unha sesión para o seu programa. No tempo do seu éxito inicial, o grupo gañou algunha notoriedade polas súas camisetas "Cool as Fuck". A banda regravou o seu sinxelo "Find Out Why" como sintonía do programa 8:15 from Manchester. Cando a súa popularidade medraba, a distribuidora Red Rhino Records foi á quebra, facendo que o grupo formase o seu propio selo, Cow Records, en marzo de 1989. A súa primeira edición foi o EP Trainsurfing. Ese mesmo ano Holt e Swift deixaron a banda para formar The Rainkings, sendo substituídos por Tom Hingley, vocalista de Too Much Texas, e por Martin "Bungle" Walsh, do grupo The Next Step. Despois dun feixe de sinxelos publicados a través do seu propio selo (o último deles, "Move", estivo a piques de entrar no top 40 británico), asinaron un contrato coa discográfica Mute Records, e inmediatamente conseguiron entrar chegar ao número 14 da lista de sinxelos con "This Is How It Feels" en 1990. O seu disco de estrea, Life, acadaría o número 2 na lista de álbums nese mesmo ano.

En 1991 o seu segundo álbum, The Beast Inside, non foi tan ben recibido pola crítica, pero aínda así chegou ao quinto posto da lista británica de álbums. Os sinxelos "Caravan" e "Please be Cruel" só acadarían os números 30 e 50 respectivamente, e o seu intento de irromper no mercado estadounidense fallou. Porén, a banda conseguiu un bo número de seguidores en Portugal, Alemaña e a Arxentina, sendo o seu seguinte traballo, Revenge of the Goldfish, o seu principal éxito neses países. O álbum, editado en 1992, foi número 17 no Reino Unido e tivo catro exitosos sinxelos. O seu seguinte disco, Devil Hopping (1994), chegou ao número 10, entrando os sinxelos "Saturn 5" e "I Want You" no top 20. En 1995, despois da publicación de The Singles, un recompilatorio de sinxelos, a banda foi despedida de Mute e separaríase pouco despois.

Discografía Álbum Ano Selo Life 1990 Mute Records The Beast Inside 1991 Mute Records Revenge of the Goldfish 1992 Mute Records Devil Hopping 1994 Mute Records Inspiral Carpets 2014 Cherry Red Records

Véxase tamén Ligazóns externas Páxina oficial

Categoría:Grupos musicais de rock alternativo Categoría:Grupos musicais de madchester Categoría:Grupos musicais de indie rock Categoría:Grupos musicais do condado do Gran Manchester Categoría:Grupos musicais formados en 1983