La Centuria foi unha revista mensual editada en Ourense entre 1917 e 1918.
Historia e características Apareceu en xuño de 1917 co subtítulo Revista neosófica-Orense-España. Estaba dirixida por Vicente Risco, e os seus administradores foron Arturo Noguerol e Florentino Cuevillas. Foi unha publicación literaria de corte modernista e un intento de renovar o panorama intelectual da Galicia da época desde unha posición inconformista e inadaptada. Nas súas páxinas publicaron un amplo grupo de escritores situados entre o simbolismo e o modernismo como Xavier Bóveda, Eduardo del Palacio, Ramón Villarino de Sáa, Primitivo Rodríguez Sanjurjo, Francisco Álvarez de Nóvoa e Rafael Cansinos Assens. Tamén incluíu as primeiras entregas literarias de Otero Pedrayo. Os debuxos das portadas son de Risco, Ramón París e Jesús Soria.
A presenza do futuro grupo Nós ten compoñentes moi diversas: Cuevillas publicou ensaios en castelán sobre "Rusia y su revolución" e Arturo Noguerol unha serie de notas de socioloxía política, todos en castelán. A única colaboración en galego é o poema "As florinhas dos tojos" de Antonio Noriega Varela. Xunto a eles, apareceron entregas de autores máis vangardistas como Evaristo Correa Calderón e o poema filosófico "El reproche de mi alma" de Cansinos Assens. Entre as notas curiosas, os traballos de Primitivo R. Sanjurjo e os horóscopos asinados co seu pseudónimo Beta Herculis. Outros colaboradores foron Emilio Amor, E. Álvarez, Benito Fernández, Eduardo del Palacio e Sebastián Risco.
A revista foi a plataforma de Risco para abrir portas no mundo cultural galego, coa difusión na súa sección "Letras contemporáneas" de escritores como Mallarmé, Rimbaud, Meredith, Tagore, Chesterton, Gustav Kahn etc. O mesmo Risco publicou o seu “Preludio a toda estética futura”, unha reflexión intelectual arredor da arte como fuxida da realidade e a defensa da vocación elitista do artista.
Só apareceron sete números, rematando en xullo de 1918.
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos Grupo Nós Lista de publicacións impresas da provincia de Ourense
Categoría:Revistas galegas Categoría:Prensa escrita de Ourense Categoría:Revistas en lingua castelá Categoría:1917 en Galicia