Juan de la Cosa, nado posiblemente en Santoña, Cantabria entre 1450 e 1460 e finado en Turbaco, Colombia o 28 de febreiro de 1510, foi un navegante e cartógrafo español coñecido por participar en sete das primeiras viaxes a América e por debuxar o mapa máis antigo conservado no que aparece o continente americano.

De la Cosa tivo un papel destacado na primeira e segunda viaxe de Cristovo Colón ás Antillas e en 1499 participou como piloto maior na expedición de Alonso de Ojeda ás costas do continente suramericano. Ao seu regreso a Andalucía, debuxou o seu famoso mapamundi e pouco despois volveu embarcarse cara ás Indias, esta vez con Rodrigo de Bastidas. Nos anos seguintes alternou viaxes a América baixo o seu propio mando con encargos especiais da Coroa, incluíndo unha misión como espía en Lisboa e a participación na Xunta de pilotos de Burgos de 1508. En 1509 emprendeu a que sería a súa derradeira expedición, de novo xunto a Ojeda, para tomar posesión das costas da actual Colombia. De la Cosa morreu nun enfrontamento armado con indíxenas antes de poder chegar a exercer o seu cargo de alguacil maior de Urabá.

Orixe e xuventude miniatura|150px|Monumento a Juan de la Cosa en Santoña (Cantabria). Non se sabe con certeza onde naceu Juan de la Cosa pero a hipótese máis aceptada é que foi en Santoña (Cantabria), xa que se conservan documentos que mostran que foi veciño de Santoña e que a súa muller e filla residiron nesa cidade. Algúns cronistas do século XVI chamáronlle "o biscaíño", o que levou a confundilo con outros mariños chamados Juan Vizcaíno, os cales hoxe se sabe que eran persoas distintas.

Tampouco se coñece a súa data exacta de nacemento, estimada entre 1450 e 1460, nin se teñen datos da súa infancia nin da súa adolescencia. Suponse que de novo debeu tomar parte en navegacións polo mar Cantábrico e, posteriormente, en dirección ás illas Canarias e á África occidental.

As primeiras referencias sólidas proveñen de 1488, cando estaba en Portugal. Nese momento acababa de chegar o navegante Bartolomeu Dias a Lisboa, tras alcanzar o cabo de Boa Esperanza. Os Reis Católicos enviarían a La Cosa a esa cidade en calidade de espía en busca de información e detalles de dito descubrimento, logrando La Cosa volver a Castela antes de que os oficiais portugueses o capturaran.

No inicio da década de 1490, La Cosa atopábase establecido en El Puerto de Santa María (hoxe en día na provincia de Cádiz) e posuía unha nao chamada Marigalante ou Gallega. Crese que por motivos de negocios tivo relacións cos irmáns Pinzón.

Viaxes con Colón ás Indias Primeira viaxe En 1492 participou na primeira viaxe de Cristovo Colón ás Indias a bordo da súa nao, que segundo os cronistas posteriores foi rebautizada Santa María para a ocasión. Exercía o cargo de mestre, sendo Colón o capitán. A embarcación naufragou a noite do 24 ao 25 de decembro do mesmo ano fronte ás costas haitianas. O Diario escrito por Bartolomé de las Casas supostamente a partir das notas de Colón, acusa persoalmente a La Cosa polo incidente, dicindo que ocorreu baixo a súa garda e que ademais fuxiu en vez de prestar socorro ao barco.

Non obstante, en 1494 La Cosa recibiu unha compensación económica de parte dos Reis Católicos polo afundimento da súa nao na primeira viaxe. Dábaselle o dereito a transportar «douscentos cahíces de trigo» desde Andalucía até Biscaia eximíndoo de pagar certas taxas.Orde datada en Medina del Campo o 28 de febreiro de 1494. Conservada no Arquivo de Simancas, Rexistro Xeral do Selo II-1494-130. Este documento, que fala do mariño en termos eloxiosos ("bos servizos que nos fixéstedes") fai pensar aos historiadores que realmente Juan de la Cosa non tivo culpa da perda do seu barco, contrariamente ao que afirma o Diario.

Segunda viaxe Juan de la Cosa participou na segunda viaxe de Colón (1493-1496) e crese que debeu ser un dos cartógrafos da expedición. Mais, segundo unha nómina de pagos datada en 1497 e descuberta por Montserrat León Guerrero en 1998, La Cosa enrolárase como simple mariñeiro na nao Colina, cobrando 1.000 marabedís ao mes."Gente del Segundo Viaje de Cristóbal Colón", Arquivo de Simancas, Contaduría Mayor de Cuentas, 1ª época, marzo 98.

Sábese tamén que Juan de la Cosa tomou parte na exploración da costa de Cuba xa que foi un dos asinantes do xuramento no que Colón lle obrigou aos seus tripulante a declarar que Cuba non era unha illa. Nese documento, datado en xuño de 1494, La Cosa figura como mariñeiro da carabela Niña, se ben podería ser tamén un dos "mestres de cartas de marear" mencionados no texto.Arquivo Xeral de Indias, Patronato 8, ramo 11.

Algúns documentos da segunda viaxe de Colón mencionaban a un mariñeiro chamado Juan Vizcaíno, que algúns historiadores confundiran con Juan de la Cosa. O descubrimento da nómina de pagos de 1497 demostrou que realmente nesta expedición tomaron parte non unha senón dúas persoas chamadas Juan Vizcaíno e ademais Juan de la Cosa, polo que son finalmente de tres persoas diferentes.

Terceira viaxe? A maioría dos historiadores opinan que Juan de la Cosa non participou na terceira viaxe de Colón ás Indias (1498 - 1500). Non obstante, Bartolomé de las Casas escribiu que La Cosa "por entón (1500) era o mellor piloto que por aqueles mares tiña andado en todos as viaxes que fixera o almirante", o cal polo tanto incluiría a terceira viaxe. Tamén se conserva unha declaración dunha testemuña dos Preitos Colombianos que afirmara ver a La Cosa con Colón "cando se descubriu Paria", o cal normalmente se supón que pasou durante a terceira viaxe. Por iso, o historiador Jesús Varela Marcos cre que La Cosa si que participou na terceira viaxe de Colón e debeu regresar a Europa antes que o Almirante.

Expedición de Ojeda En 1499, a Coroa decide poñerlle fin ao monopolio que tiña Colón sobre as navegacións ás Indias e abre o negocio a outros navegantes e empresarios. Isto dá lugar á realización dunha serie de expedicións que os historiadores denominaron viaxes menores, viaxes de recoñecemento e rescate ou tamén viaxes andaluzas, xa que todas se organizaron e partiron desde Andalucía e os que participaron nelas residían maioritariamente nesa rexión.

Juan de la Cosa participou como piloto maior e cartógrafo na primeira destas viaxes, a capitaneada por Alonso de Ojeda (que tamén estivera na segunda viaxe de Colón). A expedición partiu de Cádiz o 18 de maio de 1499 con rumbo ao cabo Aguer e de alí á Gomera. Só 25 días despois encontrábanse ante a desembocadura do río Orinoco. Percorreron minuciosamente a costa suramericana cara a occidente, chegando á península de Coquibacoa e ao cabo da Vela (na actual Colombia). La Cosa foi ferido por unha frecha indíxena. Máis tarde navegaron á illa Española, a pesar de que iso o tiñan prohibido. Non se sabe con exactitude cando retornaron a España, barallándose as datas de novembro de 1499, citado en ou abril-maio de 1500.

Esta viaxe non obtivo apenas beneficios económicos pero La Cosa puido cartografar en detalle a costa da rexión explorada, a cal amosaría despois no seu famoso mapamundi.

O mapamundi miniatura|Mapamundi feito por Juan de la Cosa en 1500. Móstrase o Novo Mundo na parte superior (en verde) e o Vello Mundo na parte central e inferior (en branco).

Tras a súa volta a Cádiz, La Cosa elaborou para os Reis Católicos ou para alguén da súa corte un mapamundi que é o mapa máis antigo conservado no que aparece o continente americano. Está pintado sobre dúas peles de pergamiño unidas en forma de rectángulo irregular de 96 cm de ancho e 183 cm de largo. No extremo occidental do mapa aparece unha efixie de San Cristovo, probable alusión a Colón, situado a poñente das Antillas sobre unha inscrición que di: «Juan de la cosa la fizo en el puerto de S: mã en año de 1500».

Dito mapa reflicte os resultados dos descubrimentos realizados en América durante o século XV; con información procedente das viaxes realizadas por Colón (viaxes de 1492, 1493 e 1498), Alonso de Ojeda, Vicente Yáñez Pinzón, Xoán Caboto, Pedro Álvares Cabral e diversos exploradores portugueses que percorreron África, como Bartolomeu Dias e Vasco da Gama.

La Cosa suxeriu que as terras descubertas no norte e o sur de América podían estar unidas formando un só continente, aínda que coa efixie superior fixo un truco para permitir a posibilidade de que existira un paso marítimo entre ambas en Centroamérica, cousa que Colón cría. Cuba aparece xa identificada como unha illa, en contra da opinión de Colón. En xeral, as Antillas aparecen de maneira completa e de América do Sur móstrase a costa desde o cabo da Vela até o cabo de Santo Agostiño, mostrando unha parte do norte do Brasil. Polo contrario, en América do Norte non se atopan a península de Florida, o golfo de México nin a península do Iucatán. América Central está tapada pola efixie do santo.

O contorno das costas de África aparece debuxado por primeira vez de maneira correcta, grazas ás últimas viaxes de exploración realizadas polos portugueses. A rexión de Europa e o Mediterráneo aparece ben detallada, mentres que amplas zonas de Asia encóntranse baleiras e imprecisas.

O mapa está decorado con rosas dos ventos, bandeiras, barcos, cidades, reis, personaxes da Biblia e figuras mitolóxicas. Represéntanse algúns ríos e a maioría dos topónimos están escritos en castelán antigo.

Expedición de Bastidas

Cara a finais de 1500, o notario sevillano Rodrigo de Bastidas obtivera unha licenza rexia para explorar o Novo Mundo, así que consultou con La Cosa sobre que ruta tomar. Finalmente Bastidas decidiu nomealo piloto maior da expedición. Outro membro da tripulación que se faría famoso máis tarde foi Vasco Núñez de Balboa.

Partiron de Cádiz en outubro de 1500 con dous barcos e percorreron o litoral caribeño desde o cabo da Vela cara ao oeste. Descubriron a desembocadura dun gran río ao que chamaron Magdalena e case naufragaron nas Bocas de Ceniza. Penetraron despois no Golfo de Urabá e chegaron até o actual Puerto Escribanos, en Panamá. Obtiveron cantidades importantes de ouro pero o mal estado das embarcacións obrigounos a dirixirse a La Española, onde foron arrestados polo gobernador Francisco de Bobadilla. La Cosa e Bastidas regresaron a España a finais de 1502.

A raíña Isabel, mediante cédula real datada o 3 de abril de 1503 nomeou a La Cosa Alguacil Maior de Urabá como parte da súa recompensa polos servizos prestado na viaxe con Bastidas e adicionalmente foi nomeado oficial asalariado na recentemente creada Casa da Contratación. Pola súa parte Bastidas foi absolto de todos os cargos dos que o acusara Bobadilla.

Viaxes propias e misións especiais Misión en Portugal En 1503 La Cosa foi a Lisboa, á corte do rei Manuel I de Portugal, cunha misión diplomática ou de espionaxe. Segundo a documentación oficial, entregáronselle 10 ducados de ouro para "yr a Portogal a se ynformar e saber secretamente del viaje que los portogueses hizieron a las Yndias con quatro navios...".Asento do Libro Maior da Contratación do 22 de agosto de 1503. Mais La Cosa foi capturado rapidamente e pouco despois regresou á Corte castelá en Segovia. Alí entregoulle á Raíña "dos cartas de marear de las Yndias", que non se conservaron.

Primeira viaxe ás Indias baixo o seu propio mando