Pablo Olmedo Garmendia, nado en Madrid o 13 de abril de 1929 e finado en Vigo o 15 de abril de 1980, foi un futbolista que xogaba na demarcación de dianteiro.

Traxectoria Debutou en Primeira División co Real Madrid con só 19 anos o 12 de setembro de 1948. Malia que na súa primeira tempada anotou 15 goles en 24 encontros, recalou no Celta de Vigo cedido por unha tempada, nunha operación na que o Real Madrid fichou Gabriel Alonso e Sobrado.

No equipo olívico fixo moi bo ano, disputando 26 encontros e anotando 6 goles, poñendo como colofón un 6-1 contra o Deportivo da Coruña en Balaídos. Olmedo retornou ao Real Madrid para disputar a Copa de España, en cuxa primeira eliminatoria se enfrontou ao Celta con vitoria madrileña. No verán de 1953 volvía formar parte das negocicións entre Celta e Real Madrid, froito das cales o Celta traspasaba ao gardameta Pazos a cambio do porteiro Adauto Iglesias, Pedro Cantero e o propio Pablo Olmedo. Estas negociacións non foron nada fáciles, e Bernabeu deulle un ultimato ao centrocampista para que firmase un contrato de tres anos polo Celta.

Pese a este truculento regreso permaneceu no Celta ata o ano 1960 converténdose nun xogador decisivo do equipo neses anos. As súas mellores tempadas foron a 53-54, na que anotou 11 tantos en 29 partidos, e a 54-55 na que marcou 15 goles superando como máximo goleador do equipo a Mauro, con 12 tantos. Nas tempadas seguintes a raíz de problemas coas lesións nas costas e co adestrador Pasarín, polos que foi apartado do equipo, foi perdendo peso no equipo, ata que o Celta descendeu a Segunda División, onde Olmedo xogou os últimos partidos co Celta. Deixou ao Celta despois de 8 tempadas e 54 goles anotados, 45 deles en primeira división.

Tras deixa-lo fútbol seguiu vivindo en Vigo, onde morreu con 51 anos a causa dun infarto. Notas

Categoría:Futbolistas da Comunidade de Madrid Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1929 Categoría:Personalidades sen imaxes Categoría:Finados en 1980