A Virxe das Dores é unha advocación da Virxe María. Tamén é coñecida como Virxe da Amargura, Virxe da Piedade, Virxe das Angustias, Virxe da Caridade, Virxe da Soidade ou A Dolorosa.
A Virxe das Dores aparece frecuentemente representada no momento da Piedade co seu fillo Xesús morto no seu colo, tralo Descendemento da cruz, e outras veces con expresión de desconsolo ao pé da Cruz, sostendo sedente a coroa de espiñas do seu fillo.
En ocasións, represéntase con sete espadas que lle traspasan o corazón en alusión ás sete dores: A profecía de Simeón. A persecución de Herodes e a fuxida a Exipto. Xesús perdido no Templo durante tres días. María encontra a Xesús, cargado coa Cruz. A Crucifixión e Morte de Xesús. María recibe a Xesús baixado da Cruz. A sepultura de Xesús.
Veneración A súa imaxe é procesionada durante a Semana Santa, sendo a patroa de numerosas localidades dos países de tradición católica. É moi venerada en España, Portugal, Panamá, México e Colombia. En Galicia é a patroa, entre outros lugares, de Escairón, Lalín e Couto; ademais un considerábel número de romarías galegas fanse na honra da Virxe das Dores.
A súa festa celébrase o 15 de setembro. Os cambios no calendario litúrxico introducidos polo Concilio Vaticano Segundo (1962-1965) suprimiron a celebración que se facía o venres anterior ó Domingo de Ramos, coñecido tradicionalmente como Venres de Dores.
É patroa de Ecuador, Eslovaquia, do estado de Mississippi.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Parroquias de Galicia baixo a advocación de santa María das Dores
Categoría:Advocacións da Virxe María Categoría:Santos patróns de parroquias de Galicia