A vila romana de Camarzana de Tera é unha edificación romana situada en Camarzana de Tera (provincia de Zamora). Foi localizada no século XIX durante a construción da estrada entre Benavente e Ourense (actual N-525), ao apareceren varios fragmentos de mosaico que foron depositados no Museo de Zamora. Estudosos como Manuel Gómez-Moreno suxiren a posibilidade de que a ábsida da actual igrexa parroquial reciclase unha das estancias principais da vila. No ano 2007 realizáronse diversas escavacións que permiten comprobar o interese da descuberta e a súa singularidade dentro da Gallaecia e mesmo dentro da Península Ibérica, onde non son frecuentes os restos de mosaico conservados.
Escavacións As escavacións arqueolóxicas sacaron á luz 15 habitacións articuladas arredor dun perístilo -ou patio porticado-, cunha estancia destacada, posiblemente un triclinium cun mosaico figurado cun emblema central en que se representa a Orfeo rodeado de animais e arredor oito cartelas con representacións de cabalos e o seu nome epigrafado con teselas. A existencia de textos teselados é altamente excepcional nesta zona da Península Ibérica.
Nos cadros centrais afrontados aparecen cráteras con felinos rampantes. A imaxe central aparece rodeada por escenas de cacería nas que se dá conta de animais como xabarís ou cervos. Entre estas escenas nos laterais curtos aparecen cráteras con felinos e vides das que saen acios e varios paspallases. O tema de Orfeo pacificando as feras aparece noutros dez mosaicos documentados na Península Ibérica. Ademais existen outras seis habitacións cubertas con mosaicos. Os corredores que delimitan o perístilo están enfeitados con mosaicos de temas xeométricos segundo o esquema de peltas, moi ben conservado. No posible oecus, o mosaico do pavimento representa unha figura humana que terma co brazo dunhas rendas de coiro craveteado que amarran, posiblemente, un boi podendo corresponder a unha representación do mito do rapto de Europa. A escena está rodeada por unha greca cun tritón entre cornucopias. Hai, tamén, outras estancias sitas a un nivel máis elevado en que tamén se localizan motivos figurativos de gran cualidade, entre os que hai unha figura feminina adobiada con alfaias e fíbulas.
A súa situación nun dos vales máis fértiles da rexión e a súa proximidade ao trazado da vía Astúrica-Brácara Augusta convértea nun enclave fundamental para completar o coñecemento sobre o artellamento da poboación e a explotación económica do territorio na época baixoimperial na Gallaecia.
Véxase tamén Outros artigos Vila romana de La Olmeda
Ligazóns externas Páxina oficial do recinto
Camarzana Categoría:Provincia de Zamora Categoría:Artigos sen imaxes Categoría:Vilas romanas Categoría:Sitios arqueolóxicos de Castela e León Categoría:Mosaicos romanos