260px|miniatura|dereita|A zona non cuberta do recinto presenta un peor estado de conservación que a zona cuberta, por mor da vexetación. O campamento romano da Ciadella foi un asentamento militar activo entre os séculos II e IV, sito no tramo viario entre Brigantium e Lucus Augusti, parte da Vía XX, entre as actuais parroquias galegas da Ciadella (Sobrado) e Vilariño (Vilasantar). Nel mantíñanse entre 500 e 600 militares da Cohors I Celtiberorum Equitata civium romanorum, que tiña a súa sede en Lucus Augusti. Esta unidade auxiliar do exército imperial romano tivo como función a vixilancia da Vía XX, traballo que desempeñou entre os anos 123 e 395.

Historia e características A Cohors I Celtiberorum Equitata civium romanorum, formada no ano 80, tería sido trasladada dende Mauritania a Hispania no ano 123, adscrita á Legio VII Gemina (León) por orde do emperador Hadriano, como testemuña a Tessera de Castromao (Celanova), que di: AE 1972, 282: C(aio) Iulio Serio Augurino C(aio) Trebio Sergiano Co(n)s(ulibus) Coelerni ex Hispania Citeriore Conventus Bracarum C(aio) An tonio Aquilo Novaaugustano Praef(ecto) Coh(ortis) I Celtiberorum Liberis Posterisque eorum Hospitium Fecerunt C(aius) Antonius Aquilus cum Coelern nis Liberis posterisque eorum Hospitium fecit legatus egit P(ublius) Campanius LemianusTábula de Castromao Sendo cónsules Caio Serio Augurino e Caio Trebio Sergiano.Os Coelerni do convento Bracaraugustano da provincia Hispania Citerior fixeron pacto de hospitalidadecon Caio Antonio Aquilo, prefecto da Cohors I Celtiberorum, para si, para os seus fillos e para os seus descendentes.Caio Antonio Aquilo realizou pacto de hospitalidade cos Coelerni, para si, os seus fillos e os seus descendentes.Actuou como legado (dos Coelerni) Publio Campanio Leminiano

O recinto foi construído entón, nun planalto de 480 metros sobre o nivel do mar, rodeado por unha pequena cadea montañosa, preto do río Cabalar. Tiña unha muralla perimetral de 172 x 140 metros, coas esquinas redondeadas, e un foxo externo que complementaba as funcións defensivas da muralla. A extensión do campamento era de 2,4 hectáreas. Existían ademais catro portas de acceso ó campamento, e varias torres de vixilancia. No interior había dous edificios principais. Un deles era a Principia (cuartel xeral), de planta case cadrada, que medía 29,5 x 29,6 metros. A carón da Principia estaba o Praetorio (residencia do comandante) de 38 x 29,6 metros. Os dous edificios estaban separados por unha ampla rúa. O resto dos edificios serían barracóns, sanitarios, cortellos para os animais e unha cantina.

Segundo algúns autores, sería neste campamento onde estaría situada a mansio Brigantium da vía XX, ou per loca maritima, do Itinerario de Antonino.

O abandono do campamento tivo lugar no século IV, cando a unidade militar foi trasladada a Iuliobriga (Cantabria). Foi entón cando comezou a súa deterioración, sobre todo na época da ocupación xermánica, malia que nalgunhas épocas foi novamente habitado. No século XIX sofreu o espolio da súa cantaría para a construción de edificios veciños.

miniatura|Ara adicada á deusa fortuna por un oficial, Valerius Lupus, atopada no campamento e conservada no Castelo de Santo Antón (A Coruña). Escavacións As escavacións do recinto comezaron oficialmente en 1934, dirixidas por Ángel del Castillo López e Sebastián González, sendo Castillo quen identificou en 1943 que se trataba dun campamento romano e non unha mansio (paradas oficiais nos camiños romanos). Os materiais atopados no lugar foron abondosos, salientando pezas de cerámica, vidros e utensilios de ferro e bronce. Atopáronse tamén moedas, pertencentes a un rango de tempo que atinxe dende Domiciano (ano 86) até Claudio II (ano 270). A maioría destas pezas atopadas na Ciadella están expostas de xeito permanente no Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de Santo Antón sito na cidade da Coruña.

Boa parte do campamento non está escavado. Unha parte do sitio escavado ten unha cuberta futurista (aceiro e vidro) reutilizada, que protexe ás ruínas dos efectos erosivos. Malia todo, a zona cuberta ocupa unha superficie inferior á décima parte do recinto histórico, de xeito que a maior parte das ruínas están expostas á acción da choiva, do vento e da vexetación.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Arquitectura romana en Galicia Historia de Galicia Romanización de Galicia Aquis Querquennis Aquis Originis Medorra de Fanegas

Ligazóns externas Castramentación Romana . A Cidadela después de Roma, traballo da USC . El campamento romano de Cidadela . Campamento romano de Ciadella (fotos) .

Categoría:Sobrado Categoría:Sitios arqueolóxicos romanos de Galicia Categoría:Fortificacións romanas