Un demo é, segundo o cristianismo, un anxo que se rebelou contra Deus e que pasou a loitar pola perdición da humanidade. Na antigüidade, porén, o termo tiña outra connotación, referíase a un xenio que inspiraba os individuos tanto para o ben coma para o mal.
Nas relixións do Oriente Medio, así como nas derivadas das tradicións abrahámicas, incluíndo a demonoloxía medieval cristiá, un demo é considerado un "espírito impuro", o cal pode causar unha posesión demoníaca e pode ser expulsado polo ritual do exorcismo. No ocultismo de Occidente e a maxia renacentista (unha mestura de maxia greco-romana, demonoloxía xudía e tradición cristiá), un demo é unha entidade espiritual que pode ser conxurada e controlada. Na literatura moitos dos demos foron anxos caídos.
Etimoloxía O termo «demo» vén do grego δαιμών (transliteración: daimōn), a través do termo latino daemonium, designando un espírito moi sabio.
O demo en Galicia
En Galicia, o demo recibe numerosas denominacións populares: abelurio, cachán, cachano, cachizo Cachan, cachano e cachizo son unha referencia evidente ós pecados sexuais., demachiño (máis propiamente, aplícase a demos pequenos como o diano burleiro), démaro, demiño, demócharo, democho, demóncaro, demonche, demoncre, demontre, demóñaro, demoño, demoro, déncaro, dencho, déngaro, denllo, dentre, deño, diabo, diabro, diantre, diaño, mafarrico, rabeno, rabudo, resalgario, sucio / zucio ou trasno. Tamén se lle denomina mediante nomes propios, como Donai (que pode proceder de Adonai, un dos nomes que recibe Deus na Biblia), Leonardo, Pedro, Perecho, Perello, Perete, Xan ou Xan Moxico, ou Xuncras (posible contaminación con Xudas).
E, finalmente, denominacións eufemísticas coas que se pretende non pronunciar o seu nome, por se o demo o puidese interpretar como que se lle invoca: o Cornudo, o Escuro, o das botas, o das zapatillas, o dos dentes longos, o Nemigo, o Pecado, o Rabudo, Papá Xarriña. Resulta común referirse a el como Arrenegado sea! Todos estes nomes para designar o demo cóllense das seguintes fontes: DRAG, Xosé Luís Franco Grande, Eladio Rodríguez González e Vítor Vaqueiro..
Por suposto, tamén se utilizan as denominacións literarias máis clásicas, como Belcebú,Derivado de Baal Zebub, un deus filisteo ante o que rei Ocozías consultou cando estivo caeu ó chan desde o piso alto do palacio (2 Reis 1,2)., Luzbel e Lucifer (que resplandece O nome, que se traduciría por luz bela, fai alusión a que antes era o anxo máis fermoso e luminoso, xa que o nome de lucifer designaba o planeta Venus, destacando o seu brillo. San Xerome foi quen aplicou o nome de Lucifer ó anxo caído, que perde a súa gloria polo seu pecado.), Satán ou Satanás.Nome que vén do hebreo Satan, que significa adversario ou acusador. "Deus botou do ceo o gran dragón, serpe antiga, chamado Satán e Satanás, o que fai extraviar a todos os homes: botouno á terra; e os seus anxos con el" (Apocalipse 12, 9).
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Xosé Luís Franco Grande (1972): Diccionario galego-castelán, Galaxia, Vigo [en Diccionario de diccionarios] Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo. Vítor Vaqueiro (2011): Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, ed. Galaxia, Vigo, s.v. demo''.
Outros artigos Diabo Demo (xudaísmo) Mefistófeles Amdusias
Categoría:Terminoloxía relixiosa Categoría:Mitoloxía cristiá Categoría:Ocultismo