miniatura|dereita|Mapa das primeiras migracións humanas, de acordo co ADN. Os números indican milenios antes da nosa era (precisión en debate). A Prehistoria é o período de tempo que vai desde o inicio da evolución humana até os primeiros testemuños escritos. Xa que o comezo da Prehistoria está marcado pola aparición do ser humano non se pode aplicar este comezo ao mesmo tempo en todo o mundo; en África pódese datar en torno aos dous millóns seiscentos mil anos, no Medio Oriente algo menos dun millón oitocentos mil anos, en Asia e Europa arredor dun millón de anos de antigüidade, no resto do mundo estaría por baixo dos 50.000 anos.

Prehistoria, historia e arqueoloxía

Dende o punto de vista máis tradicional, considérase que a Prehistoria é unha especialidade científica que estuda, por medio da escavación, os datos deste período da Historia que precedeu á invención da escritura. Os restos arqueolóxicos son a principal fonte de información e para estudalos utilízanse numerosas disciplinas auxiliares, coma a física nuclear para efectuar datacións absolutas, a análise por espectrómetro de masas de compoñentes líticos, cerámicos ou metálicos, a xeomorfoloxía, a edafoloxía, a tafonomía, a trazaloxía, para as pegadas de uso, a paleontoloxía, a paleobotánica, a estatística non paramétrica, a etnografía, a paleoantropoloxía, a topografía e o debuxo técnico, entre outras moitas ciencias e técnicas. De maneira que hai un gran número de persoas que consideran a Prehistoria coma unha especialidade dentro da Historia, pero con moitas máis técnicas e disciplinas.

A metodoloxía de base para a obtención de datos na Prehistoria é a Arqueoloxía, polo que ata hai moi pouco Prehistoria e Arqueoloxía confundíanse constantemente. Nos ámbitos académicos da Europa continental, a Prehistoria é unha especialidade da Historia, sendo habitual que haxa departamentos de Prehistoria dentro das facultades de Historia e tamén é normal que o financiamento das investigacións corra a cargo de institucións de orientación humanística ou da propia administración estatal. En cambio, en América e nas Illas Británicas, a Prehistoria está supeditada á Arqueoloxía (Arqueoloxía procesual), a cal, á súa vez, se ve normalmente como unha especialidade da Antropoloxía, cuxo alcance, en calquera caso, non se limita ás fases preliterarias da Historia, senón a calquera período pretérito, aínda que sexa moi recente. Ademais, a organización dos departamentos de Arqueoloxía anglosaxóns adoita ser diferente ao asociarse a miúdo ás Ciencias Naturais, incluíndo laboratorios propios e sistemas de financiamento ligados a organismos enfocados a tales ciencias (en Estados Unidos, por exemplo, a National Science Foundation e en Gran Bretaña o Natural Environment Research Council) ou fundacións máis relacionadas co sector privado.

Os últimos estadios da Prehistoria, a Protohistoria, englobarían, segundo algunhas interpretacións, os períodos sen escritura de certas culturas contemporáneas dos pobos históricos, cuxos textos dan unha información adicional sobre estes grupos ágrafos, e segundo outras, aquelas sociedades en proceso de formación dun estado, pero que non teñen escritura. Estas definicións son bastante limitadas, sendo a primeira escasamente útil fóra do ámbito europeo. Así, debido á complexidade do concepto, é pouco utilizado, e as culturas protohistóricas adoitan incluírse tanto no estudo da Prehistoria como nos primeiros momentos da Historia antiga.

<center style="margin-top: 1em">Cronoloxía de aparición da especie humana<center> Escala en millóns de anos As etapas das especies marcadas cun *<small> son estimadas. Fontes : - - - </div>

Prehistoria en África África é o berce da humanidade, e actualmente tamén o continente no que máis poboación continúa utilizando tecnoloxías prehistóricas. Resulta sinxelo concluír que a prehistoria de África é a máis longa e complexa de todo o mundo. Pero isto non se viu sempre así, xa que durante o século XIX e ata mediados do XX se cría que a nosa orixe era asiática. Esta teoría debíase a que os fósiles de homínidos máis antigos dos que se tiña constancia daquela procedían de alí: o Home de Xava e o de Pequín. Tal visión cambiou radicalmente cos traballos realizados en África austral e oriental; os publicados a partir dos anos cincuenta do século XX remontaron a antigüidade dos fósiles africanos de Australopithecus e Homo a hai catro millóns de anos.Iniesta (1998), pp. 36–37

África subsahariana Na África subsahariana naceron e evolucionaron boa parte das especies de homínidos antepasados nosos. De alí saíu o Homo ergaster para colonizar Asia e Europa, o Homo antecessor cara á Península Ibérica e, finalmente, o Homo sapiens para estenderse por todo o mundo. Posteriormente, no corazón do continente floreceron importantes culturas que foron decaendo, unhas pola súa propia dinámica interna e, outras pola continua sangría provocada pola explotación colonial e/ou escravista, que comezou na época dos cartaxineses, e foi perpetuada polos romanos, os árabes e os europeos (estes últimos a partir da Idade Moderna).

Paleolítico da África subsahariana Na África subsahariana para o Paleolítico, adoita utilizarse a periodización anglosaxoa, aínda que esta obvia toda a fase de desenvolvemento correspondente ao xénero Australopithecus: ESA (Early Stone Age o Idade da Pedra temperá) refírese ao período comprendido dende a aparición do primeiro membro do xénero Homo, hai máis de dous millóns e medio de anos, ata hai uns 200.000. Divídese en dúas etapas: olduvaiense e acheulense. miniatura|300px|A garganta de Olduvai 2011.

A industria olduvaiense é a máis antiga do mundo. Aínda que recibiu o seu nome do sitio arqueolóxico epónimo de Olduvai, en Tanzania, os restos máis antigos atopados apareceron máis ao norte, en Etiopía, concretamente na conca do río Omo, onde a investigadora francesa Hélène Roche datou ferramentas talladas no río de Kada Gona (Rexión de Afar), por medio do potasio-argon, en 2,6 millóns de anos de antigüidade. A olduvaiense é unha industria composta, fundamentalmente, por cantos tallados e lascas. Atribúeselle normalmente ao Homo habilis ou ao Homo rudolfensis, aínda que segundo certos investigadores as especies máis intelixentes de Australopithecus (por exemplo o Australopithecus garhi) tamén puideron elaborar ferramentas, asunto que presenta numerosas controversias.

A industria achelense apareceu hai 1,5 millóns de anos, ao parecer ligada a unha nova especie humana, probablemente Homo ergaster, aínda que existe un certo hiato evolutivo en canto aos fósiles deste período. O Achelense africano, sen dúbida o orixinario, caracterízase polo emprego do biface, o fendedor, o canto tallado, a raedeira, os denticulados e unha serie de técnicas e métodos relativamente avanzados, coma a técnica Levallois e as súas variantes africanas, que son moitas máis que as europeas.

MSA (Middle Stone Age ou Idade da Pedra intermedia), é o período que vai dende hai 200.000 anos ata hai 30.000. Desenvolvéronse industrias moi similares entre si, para as que se estableceron numerosas variantes rexionais baseadas, sobre todo, na influencia da materia prima local, que condicionou a tecnoloxía e a tipoloxía lítica.

En África oriental e austral (Pietersburg e Bambata) destaca o Stillbaiense, que se estende polo sur de África ata Rodesia e a zona oriental. Caracterízase polas raedeiras, as puntas triangulares, as puntas foliáceas bifaciais e as lascas laminares. Outra industria propia das chairas de Suráfrica é o Fauresmithiense, que ten un forte compoñente Levallois e pezas de tradición achelense coma bifaces, fendedores etc., pero de pouco tamaño. As industrias de África central son máis arcaicas, coma o Sangoense, que parece un Achelense tardío. É difícil atribuír grupos humanos a cada unha desas industrias; quizais as máis arcaicas correspondan a Homo rhodesiensis e as máis evolucionadas aos primeiros Homo sapiens, ou talvez a Homo sapiens idaltu ou outra subespecie, cuxos restos se documentan nos asentamentos de Border Cave e Klaisies River Mouth, Suráfrica, e en Herto, Etiopía.

LSA (Late Stone Age ou Idade da Pedra tardía) é o último período do Paleolítico da África subsahariana. As industrias típicas de África oriental son núcleos discoides, pezas foliáceas bifaciais e microlitos xeométricos. En África central viviu o Lupembiense, cuxos artefactos máis característicos son grandes pezas bifaciais e unhas puntas lanceoladas finamente talladas. No sur de África atopouse unha cultura aparentemente máis sofisticada, a Wiltoniense, de características microlíticas e laminares que se foi estendendo cara ao norte e perdurou ata épocas históricas, incorporando numerosas innovacións e chegando incluso a neolitizarse parcialmente. Por último, no Sahel hai industrias emparentadas co período anterior e con trazos protoneolíticos, como ocorre co Gumbiense de Etiopía, un pobo de pastores nómades que coñecían a cerámica. En moitos destes lugares tales tecnoloxías mantivéronse sen apenas cambios ata a expansión bantú ou ata a colonización europea, coma por exemplo, a cultura Gwisho.

Idade dos Metais na África subsahariana miniatura|150px|Escultura nixeriana do século XVI.

A metalurxia na rexión subsahariana non pasou polas clásicas fases do Vello Mundo, isto é (cobre, bronce e ferro, aparecendo só evidencias de fundición do ferro e nunhas datas moi temperás respecto a Europa. Ata mediados dos anos setenta do século XX relacionábase a expansión lingüística do grupo bantú por África central e austral (a partir do século V a. C. e á custa de, sobre todo, as linguas xoisanas) coa do metal. Pero os datos arqueolóxicos posteriores desmentiron este modelo de tradición colonialista. Así, as datacións máis antigas relacionadas con artefactos férreos sitúanse contra o 1800 a. C. no que actualmente é o deserto de Níxer. Sobre o 1300 a. C. para algúns puntos da África oriental, o 900 a. C. na zona do Congo e o 500 a. C. en Zambia e Zimbabwe.

O proceso lingüístico bantú está aínda lonxe de ser ben comprendido e os estudosos sosteñen diversas teorías acerca da súa xénese e desenvolvemento. Pode ser que os Nok de Nixeria, que vivían nos vales dos ríos Níxer e Benue, e eran capaces de fundir e forxar o ferro hai 2.500 anos estean relacionados coa orixe dos bantús, aínda que non existen probas.

Aínda que a maioría dos grandes reinos de África centro-occidental mantiveron fortes lazos de dependencia comercial coas áreas islámicas do norte, xa históricas, as súas fontes narrativas seguiron estando baseadas nas tradicións orais. Existen noticias deles grazas aos viaxeiros e misioneiros musulmáns que alcanzaron o centro do continente e deixaron constancia nos seus escritos. Ese foi o caso dun xeógrafo que descubriu no século VIII o imperio de Ghana. Os rexistros orais puxéronos por escrito en árabe grazas a historiadores de Tombuctú, que durante o século XVII recolleron tradicións que se remontaban aos séculos XIII-XIV, relacionadas co imperio de Malí. En cambio, do imperio Monomotapa, que floreceu entre os séculos XI e XV grazas aos contactos comerciais cos musulmáns asentados na costa do océano Índico, non hai documentos escritos ata a chegada dos portugueses.

Noroeste de África A África mediterránea tivo, durante a Idade da Pedra, unha periodización equivalente á europea, Paleolítico e Neolítico. Despois, a influencia da civilización exipcia e a chegada de colonizadores fenicios aceleraron o ritmo evolutivo respecto a Europa.

Idade da Pedra no norte de África