miniatura|Xardín francés no Pazo de Castrelos, Vigo. miniatura|Parte do macizo nun xardín inglés. A xardinaxe, xardinaría ou xardinería, é a práctica, arte ou actividade de cultivar ou coidar plantas como parte da horticultura. Dáse principalmente en xardíns con plantas ornamentais que se cultivan polas flores, a follaxe ou pola aparencia xeral. As plantas útiles, como as hortalizas de raíz, as de folla, as froitas, as herbas, cultívanse para alimentación, como colorantes, ou para uso medicinal ou cosmético. Porén en lingua galega, e en xeral nas linguas latinas, o termo xardinaxe só designa o eido ornamental, deixando o eido do cultivo de especies útiles e comestíbeis á olericultura, pomoloxía, fruticultura, ou horticultura en xeral.
Un xardineiro, é aquel que practica a xardinaxe, xa sexa de xeito profesional coma por hobby.
A xardinaxe vai logo dende os pomares e bulevares, cun ou máis tipos diferentes de árbores, arbustos, ou herbáceas, até os xardíns residenciais, incluíndo céspedes, plantas en vasos e contedores, tanto de exterior coma interior. A xardinaría pode ser moi especializada, centrándose nunha soa especie ou cultivo, ou acoller un gran número de especies vexetais en plantacións mixtas. Ademais se envolve moito no cultivo intensivo das plantas, de xeito que se diferenza da agricultura ou do sector forestal.
Galicia salienta polos xardíns históricos dos pazos, influenciados pola xardinaxe moderna inglesa. Tamén polos xardíns, pomares e hortas nos eidos privados característicos do espallamento territorial do país onde se mesturan especies autóctonas e foráneas, froiteiras e ornamentais.
Historia miniatura|Xardín forestal do horticultor Robert Hart en Shropshire, Inglaterra. O xardín forestal, un sistema de produción baseada en plantas para a alimentación, é a forma de xardinaxe non ornamental máis antiga do mundo. Os xardíns forestais orixináronse en tempos prehistóricos ao longo da beira dos ríos selvosos e ao pé dos outeiros húmidos das rexións monzónicas.
A medida que os pobos foron mellorando a contorna e o xeito de vida, fóronse identificando as especies arbóreas útiles (froiteiras, videiras, madeira...), desbotando as non útiles. Ás veces seleccionáronse e incorporáronse a hortas e xardíns especies foráneas, como é o caso do castiñeiro en Galicia.
Despois do xurdimento das primeiras civilizacións, os individuos máis ricos comezaron a crear xardíns con propósitos puramente estéticos. As pinturas das tumbas exipcias do 1500 antes de Cristo proban a existencia das primeiras hortas ornamentais e intentos de deseño da paisaxe; adoitan representar encoros con lotos arrodeados por ringleiras simétricas de acacias e palmeiras.
Os xardíns ornamentais xa eran coñecidos no mundo antigo, o exemplo de máis sona é o dos desaparecidos Xardíns pénsiles da Babilonia, unha das Sete marabillas do mundo antigo, así coma patrimonio da humanidade; os romanos tamén gostaban dos xardíns e atrios.
O deseño de xardíns remóntase ao antigo Exipto, onde os ricos empregábanos principalmente para se abeirar do sol. Os exipcios asociaban as árbores e os xardíns cos deuses; estes xardíns adoitaban estar coutados de valados ou sebes con palmeira en ringleiras. Entre as especies máis populares estaban as datileiras, os sicómoros, as figueiras, as amendoeiras e os salgueiros. Estes xardíns eran símbolo dun status social elevado. Ademais os antigos exipcios tiñan viñas, sendo o viño xa un distintivos das clases sociais acomodadas. Roseiras, papoulas, margaridas e lis eran tamén plantas comúns nestes verxeis.
Os asirios tamén foron coñecidos polos seus fermosos xardíns. Estes acostumaban ser largos e amplos, moitos usados para cazarías e outros para lecer. Alciprestes e palmeiras eran das árbores máis soadas. Crese que cando o imperio asirio caeu Babilonia desenvolveuse coma un vizoso imperio cos xardíns pénsiles coma símbolo de fortaleza.
Os xardíns da antiga Roma eran coñecidos polas súas estatuas e esculturas, sempre presentes na vida romana. Deseñábanse con sebes e videiras e contiñan gran cantidade de flores, coma Acanthus, centáureas (Centaurea cyanus), sasafrán (Crocus spp.), ciclames (Cyclamen spp.), xacintos (Hyacinthus orientalis), lis (Iris spp.), hedras, cantroxos, lirios (Lilium candidum), mirtas (Myrtus commun), amarelles, papoulas (Papaver rhoeas), romeu (Rosmarinus officinalis) e violas (Viola odorata). Os leitos de flores ou macizos xa eran populares nos atrios dos romanos máis podentes. miniatura|200px|Un xardineiro a traballar, 1607.
A Idade Media representa un período de declive no que se refire á xardinaxe. Despois da caída de Roma a xardinaxe tivo só o propósito de menciñar (cultivo de herbas medicinais), ou para enfeitar igrexas, altares e aras.
Os xardíns islámicos deseñáronse seguindo os modelos persianos e acostumaban estar choídos por valados ou muros e divididos en catro seccións con canles de auga. Adoitaban ter no centro do patio unha pía, un pequeno encoro ou un pavillón ornamental. Característico dos xardíns islámicos son os mosaicos e azulexos usados para decorar os s e fontenlas cos que se enfeitan os atrios.
A finais do século XIII, europeos ricos comezaron a cultivar xardíns para lecer, para o cultivo de plantas medicinais e hortalizas. Choeron os xardíns con muros e valados para os abeirar de animais bravos e ter illamento. Nos dous séculos a seguir, comezou en Europa a sementeira de céspedes, macizos de flores e enreixados de roseiras e rubideiras. As froiteiras eran comúns nestes xardíns. Asemade xorden os xardíns dos mosteiros, cheos de flores e plantas medicinais, onde monxes e freires podían gozar da natureza e se relaxar.
Os xardíns dos séculos XVI e XVII era simétricos, proporcionados e equilibrados cunha aparencia máis clásica. Moitos deles deseñábanse arredor dun eixo central, ficando divididos en partes iguais son sebes de buxos e outras especies. Adoitaban ter leitos de flores dispostos en figuras xeométricas separadas polos buxos e carreiros de grixo ou pedrullo.
Na Renacenza enfeitábanse con esculturas, topiaria e fontes que a miúdo tiñan chafarices con xogos de auga. No século XVII popularízanse en Inglaterra os knot gardens (literalmente xardíns de entrelazados), cheos de complexos deseños con labirintos de sebes. Comeza en Europa asemade o cultivo de novas flores coma os tulipáns, maravallas (Calendula officinalis) ou xirasois.
No século XVIII, os xardíns ficaron coma un privilexio reservado para as clases podentes. Os novos movementos paisaxistas, sempre encabezados en Inglaterra, tórnanos máis naturais, sen muros ou deseños xeométricos. Os xardíns deste tempo, acostuman ter grutas e furnas feitas con matos, pavillóns, quioscos, pontes, pontellas e toleiras coma imitacións de pequenos templos. Xa no século XIX os xardíns tórnanse accesíbeis ás clases medias dos países máis evolucionados, coma Inglaterra. En 1804 fórmase precisamente nese país a Horticultural Society (Sociedade hortícola). Os xardíns do XIX incorporan novas árbores de especies exóticas coma as araucarias (Araucaria araucana) ou as camelias. Os xardíns de rocallas tamén comezan no século XII.
O século XX vén marcado por unha revolución artística en todos os eidos, tamén na xardinaxe, onde xorden innumerábeis estilos.
En Galicia a xardinaría formal xorde na Idade Moderna nos pazos cun estilo propio moi influenciado pola xardinaxe inglesa. A xardinaría colle folgos no século XIX co deseño de alamedas co desenvolvemento das grandes cidades coma Vigo e A Coruña, axeitando antigos campos de feiras e carballeiras en novos parques e xardíns urbanos.
Excluíndo os pazos e casas grandes, a xardinaxe popular non colle forma en Galicia até ben entrado o século XX. Anterior a estas datas o xardín galego só acollía especies útiles e comestíbeis: pomares de froiteiras, viñas, soutos ou hortas ocupaban o eido arredor da casa. Algún signo ornamental podía atoparse á beira das casas: hortensias, margaridas, roseiras, e pouco máis.
Se ben nos espazos públicos, coma nos campos de feira xa se tiñan plantado especies para dar sombra, principalmente carballos que formaban as populares carballeiras que chegan aos nosos días; moitas delas convertidas en parques. Tamén salientan especies ornamentais nos adros das igrexas (principalmente oliveiras e teixos) e nos cemiterios (alciprestes e teixos).
O espallamento territorial característico de Galicia facilita que a meirande parte das casas teñan hoxe un xardín no seu eido. As condicións climáticas de Galicia (alta humidade e temperaturas pouco extremas) fan posíbel en boa parte do territorio o desenvolvemento de especies atlánticas, mediterráneas e incluso tropicais. Así atopamos unha desorde moi característica no xardín da casa galega de hoxe, onde se mesturan dende especies autóctonas até foráneas, e dende froiteiras a ornamentais; maceiras, videiras, carballos e roseiras conviven nun mesmo verxel con palmeiras, feixoas, oliveiras, camelias ou pradairos xaponeses...
Ver sección 'Galicia' deste artigo.
Tipos miniatura|Xardín de Santa Bárbara, en Braga, Portugal. miniatura|200px|Queipos florais pénsiles en Thornbury, no sur de Gloucestershire, Inglaterra. A xardinaxe particular ou residencial dáse derredor da casa, no espazo coñecido coma eido. Malia que o xardín acostuma acharse no terreo á beira da residencia, tamén pode ficar na terraza ou eirado, nun patio, nun balcón, nunha solaina, nunha xardineira, nun corredor, nun invernadoiro, nun viveiro ou mesmo nun parladoiro ou na soleira dunha fiestra.
A xardinaxe tamén se dá en zonas verdes non residenciais, coma parques, xardíns públicos, xardíns botánicos, zoolóxicos, parques de atraccións, nos bulevares e avenidas, nas alamedas, ou nos xardíns de hoteis, factorías etc. Os xardineiros son os encargados de manter estes terreos. Xardín de interior, é o relativo ao cultivo de plantas de interior dentro da vivenda ou nun invernadoiro. Ás veces comportan ar acondicionado ou sistemas de calefacción. Xardín paisaxista, é o xardín ecolóxico que emprega na plantación especies nativas ou co fin de crear un hábitat axeitado para a vida silvestre. Preténdese crear un xardín en harmonía coa contorna. Este tipo de xardín reduce o consumo de auga para rega, mantemento, custos de fertilización, ademais de incrementar o interese da fauna nativa. Un bo exemplo en Galicia serían as carballeiras. Xardín acuático ou de auga; sería o cultivo de plantas adaptadas a encoros e pozas. Os xardíns de turbeira ou brañas son tamén considerados xardíns de auga, xa que requiren solos lamacentos. Estes xardíns cómpren de coidados especiais. O exemplo máis sinxelo e frecuente de xardín acuático é unha pía chea de auga con algunha planta. Os acuarios con vexetación tamén se incluirían nesta categoría. Xardín en contedor; trátase do cultivo de plantas en vasos, testos, cestas, canastras ou calquera contedor, tanto no interior coma no exterior. Este tipo de xardinaxe é típico en patios, soleiras, atrios, balcóns e terrazas. Tamén é típico pór testos na eira diante da casa. Hügelkultur, é o cultivo de plantas e flores en leitos ou pías de madeira podre, compost ou estrume, dándose a compostaxe in situ.http://www.richsoil.com/hugelkultur/ É un termo do alemán que significa xardín amoreado. Toby Hemenway, destacado autor e profesor de permacultura, considera que soterrar estelas ou achas de madeira en sucos tamén é un xeito de hügelkultur, xa que as plantas non deixan de medrar en madeira en descomposición aínda que sexa nun rego.Hemenway, Toby (2009). Gaia's Garden: A Guide to Home-Scale Permaculture. Chelsea Green Publishing. pp. 84-85. ISBN 978-1-60358-029-8. A hügelkultur practícaa Sepp Holzer como un xeito de xardinaxe forestal e agroforestal, e tamén Geoff Lawton en xardinaría desértica. Pode ser un bo método ecolóxico de fixación de carbono cando se cultiva en grandes volumes de estrume ou restos vexetais ou madeireiros. É tamén unha forma de xeroxardinaxe (xardinaxe con pouco uso de auga).