miniatura|250px|Debuxo dun tiburón branco, en Illustrations of the Zoology of South Africa, obra publicada por Andrew Smith en 1838. miniatura|250px|Tiburón branco no Monterey Bay Aquarium (California) en setembro de 2006.

O tiburón branco,Rodríguez Solórzano et al. (1983), p. 34.Rodríguez Villanueva et al. (1992), p. 44.Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multiligüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8, p. 185. Carcharodon carcharias, é unha especie de peixe cartilaxinoso elasmobranquio da orde dos lamniformes (Lamniformes), e familia dos lámnidos (Lamnidae) que se atopa nas augas cálidas e mornas de case todos os océanos do mundo.

Esta especie é a única que sobrevive na actualidade do xénero Carcharodon.

Taxonomía En 1758 Carolus Linnaeus, na 10ª edición do seu Systema Naturae, deulle ao tiburón branco o seu primeiro nome científico, Squalus carcharias. Sir Andrew Smith deulle o nome xenérico Carcharodon en 1833, e en 1873 o nome xenérico foi identificado co nome específico de Linnaeus, tomando o seu nome científico actual, Carcharodon carcharias. O nome específico carcharias vén do grego antigo καρχαρίας karcharías, que significa "agudo" ou "dentado". O nome do xénero, Carcharodon formouse coa raíz Carchar-, de carcharias e a palabra grega οδούς, odoús, que ignifica "dente".

Nomes comúns Esta especie recibiu multitude de nomes ao longo da súa área de distribución. En castelán a denominación máis común é tiburón blanco (semellante ao galego tiburón branco, e ao portugués tubarão-branco —aínda que tamén se emprega, segundo algúns autores, o nome tubarão-de-São-Tomé—Lahuerta Mouriño e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8, p. 185.) pese a que nos últimos tempos abundan os escritos onde se utiliza o nome de gran tiburón blanco (esta última denominación influída polo nome inglés, great white shark).

O cualificativo de "branco" débese talvez a que nalgúns exemplares vellos, co paso dos anos, vai aclarándose o ton mouro do seu dorso até chegar a un gris claro o que, xunto á coloración abrancazada do ventre, lles dá a estes tiburóns o aspecto de pareceren brancos.

En España a denominación tradicional de orixe medieval (cómpre recordar que a propia palabra tiburón procede das linguas caribe, e que por tanto non se incorporou ao castelán (e ao galego) até o século XVI, probabelmente a través do portugués) o identificaba como jaquetón (aumentativo de jaque, ameaza —en galego, xaque—), nome que xunto con distintos adxectivos se aplica tamén a moitas outras especies da familia dos carcarrínidos (Carcharhinidae). Existe tamén o nome jaquetón blanco, derivado da fusión entre o nome anterior e o de tiburón blanco, máis popular na actualidade. O nome de marraxo, que se lle aplica ás veces, pode levar a confusións con outras especies de tiburóns.

No Uruguai dáselle tamén a esta especie o nome de africano, mentres que noutros países optan por denominacións máis truculentas como "devorador de homes". En Cuba tamén se coñece como jaquetón de ley, nome que en España queda reservado á especie Carcharhinus longimanus.

En francés denomínase grand requin blanc; en catalán, tauró blanc ou gran blanc; en italiano, grande squalo bianco, caracarodonte ou pescecane;Giacomo Devoto e Gian Carlo Oli, Dizionario della lingua italiana, Firenze, Le Monnier, 1971. e en alemán, Menschenhai (algo así como tiburón (devorador) dos homes).Bauchot, M. L. e Pras, A. (1982): Guía de de los peces de mar de España y Europa. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0685-6, p. 38. En inglés, ademais de great white shark tamén se lle dan os nomes de great white, white pointer, white shark e white death.

Descrición Características xerais

Os tiburóns brancos caracterízanse polo seu corpo fusiforme, alongado e forte. O fociño é cónico, curto e groso. A boca, moi grande e arredondada, é parabólica (ten forma de arco), e permanece sempre entreaberta, deixando ver polo menos unha fileira de dentes do maxilar superior, moi grandes, planos, e unha ou dúas da inferior, mentres a auga penetra nela e sae continuamente polas cinco aberturas branquiais. Se este fluxo se detivera, o tiburón afogaría por carecer de opérculos para regular o paso correcto da auga, e afundiría, xa que non ten tampouco vexiga natatoria, polo que se vé condenado a estar en continuo movemento. miniatura|esquerda|Tiburón branco atacando unha presa. miniatura|esquerda|Tiburón branco en augas de Suráfrica.

Durante o ataque ás súas presas, as fauces ábrense até tal punto que a forma da cabeza se deforma, pois a mandíbula desarticúlase do cranio, pechando logo cunha forza 300 veces superior á dunha mandíbula humana.

Os dentes son grandes, serrados, de forma triangular e moi anchos. Ao contrario que outros tiburóns, non teñen diastema nin redución de ningún dente, se non que toda a queixada está provista de dentes aliñados e igualmente capaces de aferrar, cortar e esgazar. Detrás das dúas fileiras de dentes principais, os tiburóns brancos teñen dúas ou tres máis en continuo crecemento que suplen a frecuente caída de dentes con outros novos. A base do dente carece de raíz e está bifurcada, dándolle unha aparencia inconfundíbel en forma de punta de frecha.

Os orificios nasais (narinas) son moi estreitos, e os ollos son pequenos, arredondados e completamente negros. Detrás da cabeza, nos costados, sitúanse cinco fendeduras branquiais, dúas aletas pectorais ben desenvolvidas e de forma triangular, e cerca da aleta caudal, outras dúas pelvianas, moito máis pequenas. A caudal está moi desenvolvida, ao igual que a primeira aleta dorsal moi grande e coa marxe posterior libre minúscula, de forma inconfundíbel. Outras dúas aletas pequenas (segunda dorsal e anal) cerca da cola, completan o aspecto deste animal.Rodríguez Villanueva, Op. cit.

A pesar do seu nome, este tiburón só é branco na súa parte ventral, mentres que a dorsal é de cores variadas, desde gris cincenta a azulada. Este patrón, común en moitos animais acuáticos, serve para confundirse coa luz solar (en caso de mirarse desde abaixo) ou coas escuras augas mariñas (no caso de facelo desde arriba), constituíndo unha camuflaxe tan simple como efectiva.

Porén, a denominación de "tiburón branco" podería ter a súa lóxica, ademais do xa apuntado do aclarado da cor coa idade, no caso de avistárense exemplares albinos que, aínda que son moi raros, existen. En 1996 pescouse nas costas de El Cabo (Suráfrica) unha femia nova de apenas 145 cm que exhibía esta rara característica.

Sentidos

As terminacións nerviosas do extremo frontal do fociño recollen a menor vibración ocorrida na auga e guían ao animal cara á posíbel presa que estea causando esa perturbación. Outros receptores (coñecidos como ampolas de Lorenzini, unhas células especializadas situadas ao redor dos orificios nasais, permítenlle captar tamén campos eléctricos de frecuencia variábel que probabelmente use para orientarse nas súas migracións. Ademais, o seu olfacto é tan potente que detecta a presenza dun par de moléculas de sangue entre un millón de moléculas de auga a varios quilómetros de distancia, atraéndoo e facéndoo máis agresivo. A vista ten menos importancia, pero tamén está ben desenvolvida e desempeña un papel moi importante na aproximación final á presa e ao seu peculiar modelo de espreita e ataque desde debaixo da mesma.

Tamaño A lonxitude máis frecuente entre os tiburóns brancos adultos é de 4 a 5,5 m (sendo os machos menores que as femias), aínda que se citaron casos de individuos excepcionais que superaban amplamente esas medidas (até os 6 m). Na actualidade non se pode asegurar cal é realmente o tamaño máximo nesta especie, feito que está reforzado pola existencia de notas antigas e pouco fiábeis sobre animais realmente xigantescos. Varios destes casos analízanse na obra The Great White Shark.Ellis e McCosker (1991).

Durante décadas, moitos libros de referencia no campo da ictioloxía, así como o Libro Guinness dos Récords, recolleron dous tiburóns brancos como os máis grandes xamais capturados; un deles era un exemplar de 11 m presuntamente capturado en augas do sur de Australia, cerca de Port Fairy, na década de 1870, e o outro era un individuo de 11,3 m que quedara atrapado nunha rede para arenques en Novo Brunswick, Canadá nos anos 30 do século pasado.

miniatura|esquerda|Tamaño do tiburón branco respecto ao ser humano.

Ao abeiro desta lonxitude máxima, os avistamentos de tiburóns brancos de 7 a 10 m de longo foron considerados até certo punto comúns e aceptados sen gran discusión. Porén, varios investigadores puxeron en dúbida a fiabilidade do relato de Port Fairy, facendo fincapé na gran diferenza de tamaño entre este individuo e calquera dos outros tiburóns brancos capturados. Un século despois da captura estudáronse as mandíbulas do animal, aínda conservadas, e púidose determinar que o seu auténtico tamaño corporal rondaba os 5 m. A confusión puido ser produto dun fallo tipográfico, un erro derivado do paso de unidades anglosaxoas a internacionais (5 m son uns 16,5 pés) ou unha simple exaxeración. Respecto ao exemplar de Novo Brunswick, os expertos cren hoxe en día que debeu tratarse dun peixe bobo ou tiburón peregrino (Cetorhinus maximus), especie cun corpo de forma similar á do tiburón branco e que é frecuente en augas canadenses.

Volvendo a Ellis e McCosker, estes espertos aseguraron na súa obra que os maiores tiburóns brancos roldan os 6 m de lonxitude, e que os informes sobre individuos de 7 m ou máis, aínda que existentes na literatura popular, non están presentes na científica. De forma sarcástica recalcan o feito de que, ao igual que as supostas anacondas e pitóns xigantes, "estes [tiburóns] xigantes tenden a desaparecer cando un observador responsábel se aproxima cunha cinta métrica".

O maior tamaño que Ellis e McCosker consideran como certo é o dun tiburón branco de 6,4 m capturado en augas cubanas en 1945, aínda que apuntan que outros expertos consideran que o seu tamaño debeu de ser algo menor. O peso atribuído (pero non confirmado) a este exemplar foi de 3.270 kg. Desde entón publicáronse noticias de exemplares maiores, pero Ellis e McCosker fan notar que as medicións son a miúdo deficientes e, unha vez verificadas, dan resultados que adoitan estar entre os 6,1 e os 6,4 m. Por exemplo, moitas publicacións falan dun tiburón branco femia de 7 m pescado por Alfredo Cutajar na illa de Malta, en 1987. No seu libro, Ellis e McCosker aceptan que este tiburón parecía ter un tamaño superior á media, pero non consideran como certa a medida de 7,13 m. Durante os seguintes anos, outros expertos tamén encontraron motivos para dubidaren deste dato, debido en parte ao desacordo entre Cutajar e outras testemuñas á hora de fixar as medidas. Finalmente, un analista fotográfico da BBC concluíu, tendo en conta o erro ao que a perspectiva pode levar na fotografía do animal, que o seu tamaño real estaría en torno aos 5,6 m.

Actualmente, a maioría dos expertos están de acordo en que o tamaño máximo que pode alcanzar un tiburón branco é de case uns 6 m de lonxitude e un peso de ao redor de 1,9 t. Os informes sobre tamaños moito maiores que este adoitan considerarse dubidosos e, segundo o Canadian Shark Research Centre (Centro Canadense de Investigación do Tiburón), o tiburón branco máis grande correctamente medido foi unha femia capturada en agosto de 1988 na illa do Príncipe Eduardo, que mediu 6,1 m.