Galileo foi unha nave espacial estadounidense lanzada cara Xúpiter o 18 de outubro de 1989 mediante o transbordador espacial Atlantis desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral, na misión STS-34. Foi nomeada en honor de Galileo Galilei.

Características A Galileo foi lanzada coa misión de facer un estudo en profundidade do sistema xoviano, incluíndo a atmosfera do planeta, a súa magnetosfera e os seus satélites. A bordo levaba unha sonda deseñada para descender a través da atmosfera de Xúpiter e tomar datos a unha profundidade de ata 100 km. A sonda sería liberada da nave principal antes da inserción en órbita de Xúpiter. Ademais, Galileo fixo tarefas adicionais, como o sobrevoo de dous asteroides do cinto principal e a observación do impacto do cometa Shoemaker-Levy 9 contra Xúpiter en xullo de 1994.

Dado que non existía un foguete o suficientemente potente para envialo directamente cara Xúpiter, Galileo fixo varios sobrevoos de Venus e a Terra para acelerar e obter a velocidade suficiente para chegar ao planeta destino, nunha órbita que se denominou VEEGA (Venus-Earth-Earth Gravity Assist, Asistencia Gravitatoria Venus-Terra-Terra). Galileo aproveitou para facer observacións científicas durante os sobrevoos.

Durante a etapa de voo interplanetario, o 11 de abril de 1991, descubriuse que a antena de alta ganancia, que ía pregada para quedar protexida da radiación solar nos primeiros momentos da misión, non se despregara correctamente, condenando a misión a usar a antena de baixa ganancia e proporcionar un retorno científico reducido. O problema da antena compensouse en parte con melloras no software de a bordo da nave e coa extensión da duración da misión en varias ocasións.

Galileo atopouse cos asteroides 951 Gaspra (outubro de 1991) e 234 Ida (agosto de 1993) e foi a única nave situada na posición adecuada para observar o impacto en directo da cometa Shoemaker-Levy 9 contra a parte nocturna de Xúpiter. A sonda atmosférica foi soltada da nave principal o 12 de xullo de 1995, entrando na atmosfera xoviana o 7 de decembro dese mesmo ano.

Ademais do problema da antena, o 11 de outubro de 1995 a cinta magnética na que Galileo rexistraba datos comezou a dar problemas, que puideron ser resoltos.

A nave estabilizábase mediante rotación dual: unha parte da nave rotaba continuamente a 3 r.p.m., mentres que a outra podía rotar ou permanecer estática. A parte en rotación permanente albergaba os instrumentos de campos e partículas, o sistema de propulsión, os ordenadores e a maior parte dos sistemas de soporte. A outra parte proporcionaba unha plataforma estable para os instrumentos que necesitaban apuntado, como o sensor estelar, as cámaras e os xiroscopios.

O sistema de propulsión, construído na República Federal de Alemaña, estaba formado por 12 propulsores de 10 N de pulo e un motor principal de 400 N. As comunicacións en banda S tiñan lugar mediante dúas antenas omnidireccionais de baixa ganancia capaces dunha velocidade de ata 40 bps. A antena de alta ganancia, que fallou en despregarse, tería tido 4,8 m de diámetro e tería permitido velocidades de máis de 100 kbps. Os ordenadores de a bordo eran redundantes para aumentar a fiabilidade e a protección contra fallos.

A alimentación eléctrica era proporcionada por dous xeradores termoeléctrico de radioisótopos (RTG polas siglas en inglés) que proporcionaban 570 vatios de potencia ao inicio da misión e 485 cara ao final. A nave tiña un mastro de 11 m de lonxitude no que se aloxaban algúns dos instrumentos científicos.

Galileo foi dirixida a unha reentrada atmosférica en Xúpiter o 21 de setembro de 2003 como medida para evitar unha hipotética contaminación do satélite Europa unha vez finalizada a misión da nave.

Instrumentos Galileo levaba os seguintes instrumentos:

NIMS (Near-Infrared Mapping Spectrometer): espectrómetro para estudar a atmosfera e facer análises químicos das superficies lunares. UVS (Ultraviolet Spectrometer): espectrómetro ultravioleta para o estudo dos gases. SSI (Solid-State Imager): cámara de estado sólido cun CCD de 800 x 800 píxeles. PPR (Photopolarimeter): fotopolarímetro para medir a enerxía radiante e reflectida. MAG: magnetómetros. DDE (Dust Detection Experiment): experimento de detección de po. PLS (Plasma Investigation): estudo do plasma. EPD (Energetic Particle Detector): detector de partículas enerxéticas. PWS (Plasma Wave Investigation): estudo de ondas de plasma. Sistema de ciencia mediante radio.

A sonda atmosférica estaba composta por un módulo de frenado que incluía un escudo térmico e un cobertor posterior para a reentrada e o control térmico. Un paracaídas de 2,5 m de diámetro frenaba a sonda despois da expulsión do escudo e o cobertor. A sonda dispoñía de transmisores redundantes en banda L, un paquete de instrumentos e baterías de sulfuro de litio cunha capacidade total de 18 Ahr. A taxa de datos cara a Galileo era de ata 128 bps. A sonda contiña os seguintes instrumentos:

Experimento de estrutura atmosférica: medía a temperatura, presión e deceleración. Espectrómetro de masas: medía a composición atmosférica. Detector da abundancia de helio: medía a composición de helio na atmosfera. Nefelómetro: medía as nubes na atmosfera e o tamaño das partículas en suspensión. Radiómetro de fluxo de rede: mide a diferenza vertical do fluxo de enerxía radiante a diferentes alturas. Partículas enerxéticas e raios: mide as emisión en radio e luz asociadas cos raios e as partículas enerxéticas dos cintos de radiación de Xúpiter.

Notas

Véxase tamén

Categoría:Satélites artificiais