O condado de Alameda (en inglés Alameda County) é un dos 58 condados de California. Foi fundado en 1853 e conta cunha poboación de 1,474.368 habitantes (2008). A súa capital é a cidade de Oakland.
O condado de Alameda é un dos 9 condados que integran a populosa área da Baía de San Francisco.
Historia O condado fundouse o 25 de marzo de 1853 a partir dunha gran porción do condado de Contra Costa e dunha máis pequena do condado de Santa Clara.
O nome procede dun regato chamado rego da Alameda (en español Arroyo de la Alameda, en inglés Alameda Creek), que cruza o condado. Os salgueiros e platanáceas ao longo das ribeiras do rego lembráronlle aos primeiros exploradores españois o aspecto das alamedas, e de aí o nome.
A capital do condado no momento da fundación estaba localizada en Alvarado, hoxe un lugar abandonado. Moveuse a San Leandro en 1856, onde o pazo de xustiza quedou destruído por un devastador tremor de terra en 1868. A capital volveu mudar para a vila de Brooklyn dende 1872 ata 1875. Brooklyn é na actualidade parte de Oakland, que vén sendo a sede do condado dende 1873.
Gran parte do que agora se considera unha rexión intensamente urbana, con grandes cidades, desenvolveuse a partir de arrabaldes de San Francisco a finais do século XIX e principios do século XX. A progresión histórica dende as terras de nativos americanos aos españois, e de aí aos ranchos mexicanos, ás granxas e hortas, e de aí ás cidades e urbanizacións, foi compartida co veciño condado de Contra Costa.
Véxase tamén Ligazóns externas Páxina do Condado de Alameda