o CD1 (cluster de diferenciación 1) é unha familia de glicoproteínas expresada na superficie de varias células presentadoras de antíxenos humanas. Están relacionadas coas moléculas do MHC de clase I, e están implicadas na presentación de antíxenos lipídicos ás células T. Porén, a súa función exacta non se coñece. Nos humanos, as moléculas CD1 están codificadas no cromosoma 1.

Tipos As glicoproteínas CD1 poden clasificarse en dous grupos que difiren na súa ancoraxe lipídica.

CD1a, CD1b e CD1c (moléculas CD1 grupo 1) exprésanse en células especializadas na presentación de antíxenos.

CD1d (CD1 grupo 2) exprésase nunha ampla variedade de células.

CD1e é unha forma intermedia, que se expresa intracelularmente, e o seu papel non está claro actualmente.

En humanos Grupo 1 As moléculas CD1 grupo 1 fan a presentación de antíxenos lipídicos alleos, e especificamente de varios compoñentes da parede celular micobacteriana, a células T específicas de CD1. Comprenden: CD1a, tamén chamado RT4 e HTA1. CD1b. CD1c, tamén coñecido como BDCA-1.

Grupo 2 Os antíxenos naturais CD1 grupo 2 non están ben caracterizados, pero un glicolípido sintético chamado alfa-galactosilceramida, que foi orixinalmente illado a partir dun composto atopado nunha esponxa mariña, ten unha forte actividade biolóxica.

As moléculas do CD1 grupo 2 activan un grupo de células T, coñecidas como células T asasinas naturais (NKT) debido á súa expresión de marcadores da superficie de NK como CD161. As células NKT actívanse por antíxenos presentados por CD1d, e producen rapidamente citocinas Th1 e Th2, representadas tipicamente pola produción de interferón-gamma e IL-4.

O ligando do grupo 2 (CD1d) alfa-galactosilceramida está actualmente en ensaios clínicos en fase I para o tratamento de cancros non hematolóxicos avanzados.

Importancia diagnóstica Os antíxenos CD1 exprésanse non timocitos corticais, pero non en células T maduras. Isto a miúdo tamén ocorre nas células de neoplasmas derivadas desas poboacións, de modo que a presenza de antíxenos CD1 pode utilizarse en inmunohistoquímica de diagnóstico para identificar algúns timomas e cancros derivados de precursores de células T. En particular, o CD1a é un marcador específico para as células de Langerhans, polo que pode tamén usarse na diagnose da histiocitose de células de Langerhans. Outras condicións que poden presentar positividade para o CD1 son a leucemia mieloide e algúns linfomas de células B.

En vacas e ratos Os ratos carecen de moléculas CD1 grupo 1, e no seu lugar teñen dúas copias de CD1d. Así, os ratos véñense usando intensamente para caracterizar a función do CD1d e as células NKT dependente de CD1d nunha variedade de modelos de enfermidades.

Viuse recentemente que as vacas carecen de moléculas CD1 grupo 2, e teñen un conxunto ampliado de moléculas CD1 grupo 1. Debido a isto e ao feito de que as vacas son un hóspede natural de Mycobacterium bovis, que tamén é un patóxeno humano, espérase que estudando as vacas se teña unha idea de como funciona o sistema de presentación de antíxenos CD1 grupo 1.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas MeshName - CD1+Antigen Mapa de antíxenos CD de rato Mapa de antíxenos CD humanos

Categoría:Antíxenos CD Categoría:Inmunoloxía