miniatura|Expresión dos xenes de regra par even-skipped e fushi tarazu en bandas alternantes nas fases iniciais do embrión de Drosophila. Cada banda corresponde a un parasegmento. Un xene da regra par (pair-rule gene) é un tipo de xene implicado no desenvolvemento dos embrións segmentados dos insectos. Os xenes da regra par defínense polo efecto dunha mutación nese xenes, a cal causa a perda dos patróns normais de desenvolvemento en segmentos alternantes.

Os xenes da regra par foron descritos primeiramente por Christiane Nüsslein-Volhard e Eric Wieschaus en 1980. Utilizaron un exame xenético (genetic screen) para identificar os xenes necesarios para o desenvolvemento embrionario na mosca da froita Drosophila melanogaster. Nas Drosophila normais non mutadas cada segmento embrionario produce pelos ou sedas chamadas dentículos nunha banda situada no lado do segmento próximo á cabeza (o lado anterior). Descubriron cinco xenes, chamados even-skipped, hairy, odd-skipped, paired e runt, nos cales as mutacións causaban a delecións dunha rexión particular de cada segmento alternado. Por exemplo, no even-skipped, perdíanse as bandas de dentículos de segmentos alternados, o cal daba lugar a un embrión que tiña a metade das bandas de dentículos con respecto ao normal. En traballos posteriores identificaron máis xenes da regra par nas fases iniciais do embrión de Drosophila, como o fushi tarazu, odd-paired, sloppy paired, e tenm.

Unha vez que os xenes da regra par foron identificados a nivel molecular viuse que cada xene se expresa en parasegmentos alternados, é dicir, rexións do embrión que están moi relacionadas cos segmentos, pero que están lixeiramente fóra de rexistro. Cada parasegmento inclúe a parte posterior dun (futuro) segmento, e a parte anterior do seguinte segmento (en posición máis posterior no parasegmento). As bandas de expresión dos xenes da regra par corresponden aos das rexións perdidas no mutante. A expresión de xenes da regra par en bandas depende da regulación directa de xenes gap e de interaccións reguladoras entre os propios xenes da regra par.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Embrioxénese de Drosophila

Ligazóns externas

The Interactive Fly: http://www.sdbonline.org/fly/aignfam/gapnprl.htm

Categoría:Embrioloxía Categoría:Xenética molecular