Os elementos ricos en adenilato-uridilato ou elementos ricos en AU (ou AREs, do inglés AU-rich elements) son secuencias de ARN que se encontran nas rexións 3' UTR de moitos ARN mensaxeiros que codifican protooncoxenes, factores de transcrición nuclear, e citocinas. Os elementos ricos en AU son un dos determinantes máis comúns da estabilidade do ARN en células de mamíferos.

Un elemento ricos en AU defínese como unha rexión dun ARNm con abundancia das bases adenina e uridina. Xeralmente marcan o ADN para a degradación. A degradación do ARN dirixida polos elementos ricos en AU está influenciada por moitos factores exóxenos, como a presenza de ésteres forbol, ionóforos de calcio, citocinas, e inhibidores da transcrición. Estas observacións suxiren que os elementos ricos en AU xogan un papel crítico na regulación da transcrición xénica durante o crecemento celular e diferenciación, e a resposta inmunitaria.

Os elementos ricos en AU divídense en tres clases con diferentes secuencias. A mellor caracterizada é a dos elementos ricos en AU que teñen unha secuencia central de AUUUA dentro de secuencias ricas en U (por exemplo WWWU(AUUUA)UUUW, onde W é A ou U). Isto encóntrase dentro dunha secuencia de 50-150 bases, e a miúdo se requiren repeticións da secuencia central AUUUA para que funcionen.

Varias proteínas (por exemplo, HuA, HuB, HuC, HuD e HuR) únense a estes elementos e estabilizan o ARNm mentres que outras (AUF1, TTP, BRF1, TIA-1, TIAR, e KSRP) destabilízano; os miARNs poden tamén unirse a algúns deles. A proteína HuD (tamén chamada ELAVL4) únese aos elementos ricos en AU, aumentando a vida media dos ARNm que teñen estes elementos nas neuronas durante o desenvolvemento e plasticidade do cerebro.

AREsite é unha base de datos para os xenes que conteñen elementos ricos en AU ou AREs que foi desenvolvida recentemente co obxectivo de fornecer información sobre a caracterización bioinformática detallada de elementos ricos en AU.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Original publication discovering AU-rich elements mRNA Translational blockade by AU-rich elements Brief introduction to mRNA regulatory elements ARED: AU-rich element database Transterm page for AU-Rich Element AREsite: An online resource for the analysis of AREs

Categoría:ARN Categoría:Expresión xénica Categoría:Xenética molecular