O Caimán do río Tea, é unha banda de rock bravú fundada en Ponteareas no ano 1991.

Traxectoria Despois duns anos de aprendizaxe saltan á fama coa participación na sección musical do programa da TVG Xabarín Club coa canción "Estou na lavadora". Esta canción tería bastante repercusión, sendo incluída no recompilatorio A cantar con Xabarín editado por BOA en 1994.

Ese mesmo ano ao igual que outros grupos coma Os Rastreros, Os Diplomáticos de Monte-Alto e Os Skornabois reúnense en Chantada, na taberna El caballero de Viana, para asinar o Manifesto de Viana e establecer as bases do movemento bravú. Co tempo tamén participarían no disco recompilatorio Unión Bravú (Edicións do Cumio, 1996) coa canción "Manolo Pescadilla".

En 1995 asinan co selo Sons Galiza, onde coinciden con Yellow Pixoliñas, e lanzan o seu primeiro disco Feito na Casa, producido por Miguel Costas e no que parodian a portada do disco de Bruce Springsteen Born in the U.S.A.

Ese mesmo ano gañan o Certame Galego da Canción e como premio editan o disco Certame Galego da Canción Xuventude 95 (Xunta de Galicia, 1995), composto por cinco cancións. Volven participar no Xabarín Club coa canción "Ven a bailar" e no ano 1998 gravan o seu último traballo, un sinxelo autoeditado con dúas cancións.

Finalmente o Caimán do río Tea desaparece e anos despois, en 2006, apareceu Capitán Furilo, no que se mantén a formación orixinal salvo Xosé Cambra, que foi substituído por Oscar T. Este grupo acabaría tendo un corte musical totalmente diferente.

No ano 2013 volveron xuntarse para concertos e participar no certame Rock in Río Tea"El festival ´Rock in Río Tea´ reunirá a seis grupos locales en el parque da Concordia", Faro de Vigo, 20 de xuño de 2013 ..

Compoñentes Rafa Leiras - Voz e Guitarra Miki Flojeras - Guitarra Xosé Cambra - Batería Ramón Fernández - Baixo

Discografía 1995: Feito na Casa, (Sons Galiza) 1995: Certame Galego da Canción Xuventude 95 (Xunta de Galicia) 1998: Falcon Records (Autoeditado)

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Biografía do grupo Discografía do grupo

Categoría:Grupos musicais de Ponteareas Categoría:Grupos musicais formados en 1991 Categoría:Grupos musicais de rock Categoría:Música de Galicia sen imaxes Categoría:Grupos musicais en galego Categoría:Grupos musicais do Xabarín Club