Li He (chinés tradicional: 李賀; chinés simplificado: 李贺; pinyin: Lǐ Hè; Wade-Giles: Li3 Ho4), nado en 791 e finado en 817, foi un escritor chinés da dinastía Tang. O seu nome de cortesía foi Changji, e tamén foi coñecido como Guicai ou Shigui; os xaponeses coñéceno como Ri Ga.

Impediuselle realizar os exames imperiais debido a un tabú co seu nome. Morreu moi novo, e sempre destacou polo seu aspecto enfermizo. Foi un poeta dilixente, escribindo inmediatamente calquera verso que se lle ocorría, aínda estando fóra da casa, completando o poema ao volver ao fogar. A súa obra explora o fantasmal, o sobrenatural e mais o fantástico.

A súa popularidade e lugar no canon literario chinés variou co paso dos séculos. O seu estilo idiosincrático foi moi imitado durante a dinastía Qing. Durante esta época, a súa popularidade viuse afectada por un cambio nos gustos literarios, e as súas pezas foron excluídas da importante compilación San bai Tang shi 三百唐诗 ("Trescentos poemas dos Tang"). Porén, a súa obra recuperouse ao longo do século XX; foi un dos poetas de Tang máis apreciados por Mao Zedong.

Fontes O capítulo 137 do Jiu Tang shu 舊唐書 ("O antigo libro dos Tang") e o capítulo 203 do Xin Tang shu ("O novo libro dos Tang") ofrecen un breve resumo da biografía de Li He.

Li Shangyin, un poeta da xeración posterior a Li He, escribiu Li He xiao chuan 李賀小傳 ("Unha pequena biografía de Li He"). Du Mu, no 831, redactou un prefacio aos poemas de Li He, menos emotivo ca o libro de Li Shangyin, pero no que apenas hai datos biográficos.

As historias oficiais baseanse nestes rexistros previos, especialmente na obra de Li Shangyin.

Nomes O seu nome de cortesía era Changji, polo que tamén é coñecido como Li Changji. Así mesmo, foi chamado Guicai 鬼才 ("Talento demoníaco"), xa que o seu estilo morboso contrasta cos de Li Bai (chamado Tiancai 天才 ou "talento do ceo") e Bai Juyi (alcumado Rencai 人才 ou "talento humano"). Este título foille outorgado polo erudito da dinastía Song Qian Yi.

Outro dos seus nomes foi Shigui 詩鬼 ("O demo da poesía"), tamén en referencia a Li Bai (Shixian 詩仙 ou "inmortal da poesía") e a Du Fu (Shisheng 詩聖 ou "sabio da poesía").

Traxectoria

Primeiros anos A súa familia estaba emparentada coa dinastía gobernante, mais pertencía a unha rama secundaria que caera en declive en xeracións anteriores, polo que na época de Li He posuían un rango moi baixo. As historias oficiais da dinastía Tang refírense a el como "descendente de Zheng Wang", mais non hai consenso sobre a identidade deste Zheng Wang. A teoría máis aceptada é que se trata de Zheng Xiao Wang Liang, un dos tíos de Li Yuan, o primeiro emperador dos Tang, aínda que outras teorías o identifican con Zheng Wang Yuan Yi, décimo terceiro fillo de Li Yuan.

Li He naceu en 790 ou 791; é probable que nacera no ano do cabalo, xa que vinte e tres dos seus poemas conservados empregan este animal como símbolo do propio poeta. Nativo do condado de Fuchang (na actual provincia de Henan), comezou a compoñer poesía aos sete anos, e cando tiña só quince foi comparado co mestre de yuefu Li Yi.

Carreira política Cando contaba con vinte anos, intentou presentarse aos exames imperiais, pero prohibiuselle por un tabú co seu nome: o primeiro carácter do nome do seu pai, Jinsu 晉肅, é homófono co primeiro carácter de Jinshi 進士, o nome do grao que tería obtido de superar os exames. Este rexeitamento podería ser un pretexto elaborado polos seus rivais, que tiñan envexa do seu talento poético.

Han Yu, que admiraba a súa poesía, escribiu o seu Hui bian 諱弁 para animalo a facer os exames, pero Li He non tivo éxito. Serviu só durante tres anos nun posto moi baixo, antes de regresar ao seu pobo natal.

Falecemento Li He é descrito sempre como enfermizo. Era un home extremadamente fraco, cunha soa cella, e que deixaba crecer moito as súas unllas. Morreu no ano 816 ou 817, sendo un oficial pobre de baixo rango, á idade de vinte e seis ou vinte e sete. Segundo o Li He xiao chuan, na hora da súa morte foi visitado por unha figura escarlata que o informou de que o señor do ceo (shangdi 上帝) o convocara para escribir poesía.

Obra alt=Escolma dos poemas de Li He|miniatura|Páxina do Li He ge shipian 李賀歌詩篇 Li He foi un poeta do chamado período Tang medio, entre finais do século VIII e comezos do IX. Entre as súas influencias literarias, están os seus contemporáneos Meng Jiao e Han Yu. Tamén se teñen identificado influencias chamánicas do Chu Ci 楚辭 e da particular poesía de Li Bai.

Consérvanse arredor de 240 poemas de Li He. Segundo o Xin Han shu, a escasa cantidade de pezas conservadas débese á estrañeza da súa obra e á súa morte temperá. Unha anécdota recollida no Taiping guangji 太平廣記 (978) conta que lle solicitaron a un curmán de Li que compilase os seus poemas; porén, este curmán desprezaba ao poeta, polo que se desfixo de moitos dos seus escritos.

Hai dúas antoloxías principais dos seus traballos: Li He ge shipian 李賀歌詩篇 ("Escolma de cancións e poemas de Li He"), e mais o Waiji 外集 ("Escolma adicional").

O Li He xiao chuan descríbeo como un poeta dilixente, que levaba sempre unha vella bolsa con papel para escribir e, sempre que se lle ocorría un verso, o anotaba e o gardaba dentro. Ao volver a casa, reunía as novas liñas nun poema.

A súa poesía é única, chea de imaxes fantásticas e infrecuentes, de onde procede o seu alcume de Guicai. Practicamente ningún dos seus poemas está en verso regular (un estilo moi popular, coñecido como jintishi 近體詩), e adoitan conter palabras de mal agoiro como "avellentar" (lao 老) ou "morte" (si 死). En poemas como Tianshang yao 天上谣 ("Balada celestial") e Meng tian 夢天 ("Un soño do ceo"), escribiu de maneira evocativa sobre o mundo dos deuses e o Buda.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Poemas inéditos de Li He. 李贺 (La literatura china traducida en España)

Categoría:Nados en 791 Categoría:Finados en 817 Categoría:Escritores da China Categoría:Finados por tuberculose Categoría:Escritores en lingua chinesa