Óliver Laxe Coro, nado en París o 11 de abril de 1982, é un director, guionista e actor de cinema galego. Dirixiu catro filmes ata a data, resultando galardoados os catro no Festival Internacional de Cine de Cannes: en 2010 gañou o Premio Fipresci polo seu filme Todos vós sodes capitáns, en 2016 gañou o Gran Premio da Semana da Crítica polo seu traballo en Mimosas, en 2019 foi distinguido co Premio de Xurado, na sección "Un Certain Regard" pola película O que arde e en 2025 recibiu o Premio do Xurado por Sirāt.
Tras Víctor Erice, é o segundo español que presentou as súas catro primeiras películas en Cannes.
Traxectoria Naceu en 1982 en París, sendo fillo de dous inmigrantes galegos que se coñeceran nunha festa de inmigrantes da sala Bataclan. Seu pai, Jacinto Lage Cabana, é natural da Ponte de Outeiro, en Castro de Rei, mentres que súa nai é de Vilela, en Navia de Suarna, e ambos traballaban en París como porteiros nun edicidio dun dos distritos máis ricos da cidade. Viviu na capital francesa ata os seis anos, xunto a seus pais e seu irmán Felipe, e asistiu ao Colexio Federico García Lorca, operado polo goberno español.
En 1988, despois de que seu pai gañase un concurso de fotografía en París e fose contratado como fotógrafo en Manlleu, a familia instalouse brevemente en Cataluña, pero pouco despois regresaron a Galicia. Na adolescencia, estudou na Coruña, onde cursou o bacharelato no IES Monelos. Con dous metros de estatura, xogou ao baloncesto na canteira do Básquet Coruña, onde ocupaba a posición de pivote.
Tras completar os seus estudos secundarios trasladouse a Pontevedra e estudou durante dous anos Publicidade e Relacións Públicas na Facultade de Comunicación de Pontevedra, período no que viviu na praza da Verdura da capital pontevedresa e descubriu o cinema de autor no Cineclub de Pontevedra. En Pontevedra acostumaba reunirse cos estudantes da Facultade de Belas Artes e montar alí as súas instalacións artísticas. Posteriormente marchou a Barcelona, onde se graduou en Comunicación Audiovisual na Universidade Pompeu Fabra, realizando entre medias un Erasmus en Londres.
A súa filmografía comezou na capital inglesa, onde xunto a Enrique Aguilar rodou a curtametraxe E as chemineas decidiron escapar (2006). Logo trasladouse a Tánxer, onde rodou as curtametraxes Suena una trompeta, ahora veo otra cara (2007) e París #1, coas que obtivo varios premios en certames cinematográficos. Alí creou o proxecto Dao Byed, un obradoiro cinematográfico para os nenos pobres do Magreb. Desta experiencia, inspirada noutra similar de Lev Tolstoi con nenos labregos rusos, saíu a súa primeira longametraxe, Todos vós sodes capitáns (2009), coa que gañou o premio FIPRESCI no Festival Internacional de Cine de Cannes 2010 e o Premio Revelación Chano Piñeiro á mellor dirección revelación nos Premios Mestre Mateo de 2010.
En 2016 rodou a longametraxe Mimosas, que se estreou tamén no Festival de Cannes, onde conseguiu o Gran Premio da Semana da Crítica. Este filme tamén lle valeu o Premio Mestre Mateo á mellor dirección.
Aparece como actor no seu filme Todos vós sodes capitáns, así como en Moussem les morts (Vincent Le Port e Jean-Baptiste Alazard, 2010) e en The Sky Trembles and the Earth Is Afraid and the Two Eyes Are Not Brothers (Ben Rivers, 2015), cuxa primeira parte é un "como se fixo" de Mimosas.
En 2019, presentou no Festival de Cannes O que arde na sección "Un Certain Regard", sendo a primeira vez que se presenta unha película en galego nunha sección oficial. Gañou o Premio do Xurado. Neste caso, coma nos anteriores, Televisión Española rexeitou participar na película; en cambio si contou co apoio da TVG, de Agadic e da Deputación de Lugo. En 2020 instalouse en Vilela (Son, Navia de Suarna), onde restaurou a casa familiar de seus avós.
En 2025 acadou o Premio do Xurado no Festival de Cannes con Sirāt, o seu cuarto galardón no certame. En xaneiro de 2026, o filme recibiu cinco galardóns nos Premios do Cinema Europeo, nas categorías de Mellor deseño de produción, Mellor deseño de son, Mellor montaxe, Mellor dirección de cásting e Mellor fotografía. Uns días despois recibiu dous nomeamentos aos Premios Óscar, nas categorías de Mellor filme internacional e Mellor son.
Filmografía Como director
Longametraxes Todos vós sodes capitáns (2010) Mimosas (2016) O que arde (2019) Sirāt (2025)
Curtametraxes Las chimeneas decidieron escapar (2006) Suena la trompeta ahora veo otra cara (2007) París #1 (2008) O salvaxe leva o seu tempo (2018)
Como actor Todos vós sodes capitáns (Óliver Laxe, 2010) Moussem les morts (Jean-Baptiste Alazard e Vincent Le Port, 2010) O quinto evanxeo de Gaspar Hauser (Alberto Gracia, 2013) The Sky Trembles and the Earth Is Afraid and the Two Eyes Are Not Brothers (Ben Rivers, 2015) Love Me Not (Lluís Miñarro, 2019) Krabi, 2562 (Ben Rivers e Anocha Suwichakornpong, 2019)
Galardóns e nomeamentos Festival de Cannes Ano Categoría Filme Resultado2010Premio FipresciTodos vós sodes capitáns Gañador2016Gran Premio da Semana da CríticaMimosas Gañador2019Premio do Xurado, sección "Un Certain Regard"O que arde Gañador2025Premio do XuradoSirāt Gañador
Premios Mestre Mateo Ano Categoría Filme Resultado2008Mellor obra experimentalParís # 1Nomeado2010Premio Revelación Chano Piñeiro- Gañador2016Mellor directorMimosas GañadorMellor guiónMimosasNomeado2019Mellor directorO que arde GañadorMellor guiónO que ardeNomeado2025Mellor películaSirātGañadorMellor directorSirātNomeadoMellor guiónSirātNomeado
Premios Goya Ano Categoría Filme Resultado2019Mellor direcciónO que ardeNomeado2025Mellor direcciónSirātNomeadoMellor guión orixinalSirātNomeado
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Oliver Laxe en IMDb Oliver Laxe en Filmaffinity Oliver Laxe en Novo Cinema Galego
Categoría:Nados en París Categoría:Nados en 1982 Categoría:Directores de cinema de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade Pompeu Fabra Categoría:Premio Mestre Mateo á mellor dirección Categoría:Premio Revelación Chano Piñeiro Categoría:Nados na diáspora galega