Henrique de Borgoña, nado no 1066 en Dijon e finado o 24 de abril de 1112 en Astorga, foi un nobre de orixe francesa, conde de Portugal desde 1093 ata a súa morte e pai do primeiro Rei de Portugal, Afonso I.

Fillo de Henrique de Borgoña (1035-1066), último dos fillos do duque Roberto I de Borgoña, Roberto o Vello, e de Sibila de Barcelona, era neto do rei de Francia Roberto II o Piadoso. Foi irmán de Hugo I de Borgoña, duque de Borgoña, e de Eudes I de Borgoña, así mesmo duque de Borgoña.

Tamén era parente de Raimundo de Borgoña, e do papa Calisto II.

Traxectoria Orixes e primeiros anos Non se coñece con exactitude a data nin o lugar de nacemento de Henrique de Borgoña. Algúns autores aputan que naceu en Dijon, daquela a capital do ducado de Borgoña, no ano 1066. Outros autores apuntan ao ano 1069 ou 1070. O seu pai era Henrique de Borgoña, chamado o Donzel —un fillo do duque Roberto I de Borgoña (fillo á súa vez do rei Roberto II de Francia)— e a súa nai foi Sibila de Barcelona. Dous irmáns máis vellos, Hugo e Eudes, herdarían o título.

A súa tía paterna, Costanza de Borgoña da casa ducal de Borgoña, casara co rei Afonso VI de León, da dinastía Ximena.

Como fillo máis novo, Henrique tivo escasas oportunidades de adquirir títulos e fortuna por herdanza, e por esa razón procurou riqueza e poder na Península Ibérica. Así, Henrique chegou en 1087 ao reino de León xunto ao seu parente Raimundo de Borgoña, ofrecendo os seus servizos a Afonso VI "o Bravo", participando nas campañas bélicas entre monarcas cristiáns e musulmáns.

Ambos os nobres borgoñóns chegaron como cruzados para loitar contra os almorábides. As vitorias militares dos borgoñóns e a altura das súas relacións familiares en Europa propiciaron a conveniencia de enlaces matrimoniais.

Así, en 1092, Afonso casou a súa filla natural Urraca con Raimundo de Borgoña, outorgándolle un impoortante dote: o goberno das terras galegas, desde o Ortegal até Coímbra, co título de condes de Galicia, tanto a Raimundo como a Urraca.

Dous anos máis tarde, en 1093, o outro cruzado, Henrique de Borgoña, tomaba a man da filla máis nova de Afonso VI, Tareixa.

Conde de Portugal miniatura|290px|Representación gótica de Tareixa de Portugal (dereita).Tombos A e B da Catedral de Santiago, e Tombo de Toxosoutos, Lousame. Contra 1095 Afonso VI outorgou a este último matrimonio o novo condado de Portugal, formado cos territorios do sur do Reino de Galicia situados entre o Miño e o Mondego (en realidade, a influencia deste condado chegaba case até o río Texo, isto é, á zona fronteiriza co norte da Lusitania.

O novo condado portucalense pasou a prestarlle vasalaxe directa, desvisculándoo do de Galicia. O rei de León pretenderia así limitar o poder do conde Raimundo de Borgoña.

Ao enviuvar a raíña Urraca de León —media irmá de Tareixa— por cuestións políticas e estratéxicas contrae matrimonio con Afonso I de Aragón. Henrique de Borgoña, aproveitando os problemas, conflitos familiares e políticos xurididos en torno á súa cuñada a raíña Urraca, declarou a independencia do condado de Portugal.

Henrique morreu o 24 de abril de 1112 en Astorga, sendo sepultado na Sé de Braga. Á súa morte a súa viúva Tareixa gobernou o condado durante a minoría do futuro Afonso I de Portugal que só contaba con tres anos.

Porén, en 1128 o xove Afonso Henriques rebelouse contra a súa nai, que pretendia manterse no goberno do condado. Por iso, en 1139, Afonso reafirmouse independente de León, proclamándose rei de Portugal, recibindo o recoñecmento oficial do reino de León, en 1143, polo Tratado de Zamora, asinado o 5 de outubro dese ano co seu primo Afonso Raimúndez, que entón xa era o rei Afonso VII de León e Castela, e a do papado en 1179.

Descendencia

Do seu matrimonio con Tareixa de León tivo sete fillos: Afonso (1094—1108); Urraca Henriques (ca. 1095-despois de 1169), que casou co nobre galego Bermudo Pérez de Traba, fillo de Pedro Froilaz de Traba, conde de Traba, descendente de Vímara Peres; Sancha Henriques (ca. 1097–1163), que aparece en 1129 como a esposa de Sancho Núñez. Unha das súas fillas, María Sánchez, foi abadesa do Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes; Tareixa de Portugal (ca. 1098); Henrique Henriques (1106–1110); Afonso Henriques, o futuro Afonso I de Portugal (1109–1185); e Pedro, abade do Mosteiro de Alcobaça onde recibiu sepultura.

Árbore xenealóxica

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Amaral, Luís e Barroca, Mário Jorge: Teresa, a Condessa-Rainha. ISBN 978-9896446086 Bartlett, Robert (2009): La formación de Europa: Conquista, colonización y cambio cultural, 950-1350. València: Publicacions de la Universitat de València ISBN 84-370-5691-8. Sinopse. López Sangil, José Luis (2002): La nobleza altomedieval gallega, la familia Froílaz-Traba. Noia - A Coruña: Editorial Toxosoutos, S. L. ISBN 84-95622-68-8.

Outros artigos Afonso VI de León Afonso Henriques Afonso Raimúndez Raimundo de Borgoña Tareixa de León Urraca de León

Categoría:Historia de Portugal Categoría:Dinastía de Borgoña Categoría:Nados en 1066 Categoría:Nados en Dijon Categoría:Finados en 1112 Categoría:Historia medieval de Galicia Categoría:Nobres de Galicia do século XI Categoría:Nobres de Galicia do século XII