Durante a tempada 2015–16 o Deportivo da Coruña competiu na Primeira División (afrontando a súa 44ª campaña na máxima categoría), logrando o 15.º posto na clasificación. Tamén competiu na Copa do Rei, alcanzando os oitavos de final.

Resumo da tempada Xuño O 3 de xuño o club anunciou a renovación de Manu Sotelo por catro tempadas, adestrador de porteiros desde a campaña 2013–14. Ese mesmo día anunciouse que o equipo realizará a concentración de pretempada, entre o 6 e o 17 de xullo, nas instalacións do Hotel Golf Balneario de Guitiriz.

O 4 de xuño anunciouse que o club e Meliá Hotels renovaban a súa vinculación unha campaña máis, con descontos para o club e os socios. Horas máis tarde anunciouse que a lista de convocados por Víctor Sánchez para iniciar a pretempada o 2 de xullo son: Germán Lux, Álex Bergantiños, Pablo Insua, Haris Medunjanin, Juan Domínguez, Fabricio, Laure, Luisinho, Albert Lopo, Diego Seoane, Saúl e Luis Fernández.

O 19 de xuño o club anunciou a fichaxe do defensa Fernando Navarro por dúas tempadas, con opción a outra terceira, logo de desvincularse do Sevilla FC.

O 20 de xuño anunciouse a renovación de Albert Lopo por un ano máis, con opción a dous segundo obxectivos.

O 26 de xuño anunciouse a fichaxe do defensa central Alejandro Arribas, procedente do Sevilla FC, firmando por tres tempadas, con opción a catro.

O 30 de xuño o club anunciou a reincorporación do dianteiro catalán Oriol Riera (logo da cesión de xaneiro a xuño), procedente do Wigan Athletic FC, firmando por tres campañas en propiedade polo Deportivo.

Xullo O 6 de xullo anunciouse a incorporación do centrocampista Luis Alberto Romero, cedido por unha tempada polo Liverpool FC, converténdose na terceira fichaxe do club coruñés.

O 16 de xullo anunciouse unha nova cesión do lateral Juanfran Moreno, esta vez procedente do seu novo club, o Watford FC. Chega cedido por unha tempada.

O 22 de xullo o club anunciou un acordo co Benfica para unha nova cesión de Sidnei, por unha campaña.

O 23 de xullo o club deu a coñecer un novo acordo para o financiamento de toda a súa débeda, quedando fixada coas entidades bancarias nun importe total de 14 millóns de euros, cuxo vencemento final queda fixado na tempada 2031–32. Engade que, en total, a débeda privilexiada reduciuse nos últimos 18 meses nun total de 12,2 millóns de euros.

O 24 de xullo anunciouse a fichaxe do centrocampista Cani, firmando por unha temporada, logo de desvincularse do Villarreal CF.

O 27 de xullo firmou por 4 tempadas o centrocampista coruñés Pedro Mosquera, logo de desvincularse do Elche CF.

Agosto O 2 de agosto o club presentou o seu Código Ético, que recolle as obrigas que deben ter as persoas que representan o club. Artéllase nunha serie de protocolos internos.

O 3 de agosto anunciouse a fichaxe do centrocampista arxentino Fede Cartabia, cedido por unha campaña polo Valencia CF.

O 6 de agosto o club anunciou a contratación do centrocampista francés Fayçal Fajr, cedido por un ano polo Elche CF, con dous anos máis no suposto de que o club ilicitano non retorne a Primeira División.

O 7 de agosto anunciouse unha nova cesión para o dianteiro burelao Luis Fernández, marchando durante unha tempada ao SD Huesca.

O 8 de agosto anunciouse a cesión do xogador do filial Samuel Piette durante unha tempada ao Racing de Ferrol, de Segunda División B. Horas máis tarde anunciouse a rescisión do contrato do mediocentro portugués, tamén do filial pero tendo debutado co primeiro equipo, Paulo Teles.

O 12 de agosto, tras varias semanas de negociacións, anunciouse a contratación do mediocampista coruñés Lucas Pérez cun contrato por catro tempadas. A súa fichaxe, en propiedade, supuxo un desembolso de 1.500.000 euros para o club branquiazul.

O 15 de agosto o club anunciou a cesión do central arzuán Pablo Insua, por unha tempada, no CD Leganés, de Segunda División.

O 23 de agosto anunciouse un novo amigábel para o 2 de setembro contra o CD Lugo, esta vez en Riazor, e con motivo Memorial Moncho Rivera (organizado polo club coruñés Victoria CF) en beneficio da Cociña Económica da cidade.

O 24 de agosto anunciouse a contratación do porteiro asturiano Manu Fernández, volvendo de novo á disciplina deportivista logo de catro anos, fichando por unha tempada. Horas máis tarde o club anunciou a contratación do atacante uruguaio Jonathan Rodríguez, cedido por unha tempada polo SL Benfica, que xa pasara recoñecemento médico días atrás.

O 31 de agosto o club anunciou a cesión de Bicho, cedido a anterior campaña no FC Barcelona B, ao CD Leganés, de Segunda División. Igualmente, a entidade branquiazul anunciu a saída do tamén xogador do filial Álvaro Queijeiro, cedido por unha campaña ao Pontevedra CF, de Segunda División B.

Setembro O 1 de setembro o club anunciou que pagara toda a débeda prevista para a tempada 2015–16, unha cantidade que ascende a 3.169.861,80 euros máis 99.177,59 de xuros.

O 2 de setembro disputouse o XVII Memorial Moncho Rivera (anunciado o 23 de agosto), que se saldou con vitoria deportivista fronte o CD Lugo nos penaltis, logo de empatar o partido (2–2). Co fin benéfico do encontro, lográronse recadar 27.215 euros para a Cociña Económica da Coruña.

O 4 de setembro foi presentado o centrocampista arxentino Jonás Gutiérrez, que firmou por unha tempada polo club coruñés, logo de desvincularse do Newcastle United FC tras o mercado estival. Horas máis tarde, o club anunciou a renovación de Álex Bergantiños e Laure Sanabria, até xuño de 2018.

O 8 de setembro o club anunciou o falecemento de Madriles, porteiro branquiazul na década de 1950.

O 27 de setembro o club anunciou un acordo de patrocinio cos comentaristas chineses "La Liga es divertida". Así, durante unha tempada, verase ese slogan nos pantalóns dos xogadores, en caracteres orientais. A presentación fíxose ao saltar o equipo ao terreo de xogo antes da xornada 6, incluíndose unha pancarta en chinés na que o club felicitou a festa nacional chinesa a todos os seareiros chineses que seguen a Liga.

Outubro O 7 de outubro o club deu a coñecer o programa "Destino Riazor", polo cal facilitará o desprazamento a Riazor de socios, peñistas, e seareiros en xeral desde distintos puntos da provincia e do territorio galego, mediante unha rede de rutas en autocar. Estas inícianse en Fisterra, Santiago de Compostela, Cedeira, Verín, Lugo e Pontevedra, con diversas paradas durante o traxecto. Dous días máis tarde anunciarían dous traxectos máis (desde Muros e Ribadeo, respectivamente), facendo así un total de oito rutas.

Novembro O 11 de novembro o club anunciou un partido amigable en Melgaço contra o FC Paços de Ferreira o venres día 13, nunha fin de semana de parón ligueiro por partidos das seleccións nacionais. O encontro rematou en empate (0–0).

O 21 de novembro disputouse en Riazor o primeiro derbi galego da tempada, con victoria deportivista (2–0). Durante o transcurso do partido, un seareiro faleceu tras sufrir un paro cardíaco.

Decembro O 2 de decembro anunciouse que a FIFA estimara as alegacións formuladas polo club á demanda presentada por Roderick Miranda, nas que esixía 213.750 euros netos dunha suposta débeda, inadmitindo así a pretensión do xogador. Este mesmo día debutou o equipo na edición 2015–16 da Copa do Rei, nunha victoria a domicilio contra o UE Llagostera (1–2). Neste partido estreáronse esta campaña co equipo o meta Manu Fernández, o defensa Saúl García, o mediocampista Haris Medunjanin e os canteiráns Róber Suárez e Miguel Filipe Nunes Cardoso.

O 3 de decembro o club celebrou unha xunta xeral de accionistas, onde se deu a coñecer que a débeda da entidade elévase a 106 millóns de euros (dos cales 63 millóns son coa Axencia Tributaria). Conseguiuse reducir o déficit patrimonial en 7 millóns de euros (sendo este actualmente de 90 millóns), e sacando un beneficio de 6 millóns de euros tras a tempada 2014–15. Con todo, as contas e o orzamento para a tempada 2015–16 foron aprobados por máis do 93% dos accionistas. Ademais, anunciouse a creación, para a seguinte tempada, dun equipo feminino.

O 4 de decembro o meta Fabricio Agosto foi operado con éxito no seu xeonllo esquedo, logo dunha recaída na súa lesión. Estará de baixa uns seis ou sete meses.

O 10 de decembro o club anunciou que a Audiencia Provincial da Coruña desestimou a reclamación do asesor xurídico do anterior Consello de Administración, Germán Rodríguez Conchado, na que demandaba a cantidade de 616.792,02 euros en concepto de honorarios correspondentes a procedementos xudiciais e administrativos durante o ano 2013.

O 24 de decembro anunciouse a cesión do defensa Saúl García, sen minutos en liga, ao CD Tenerife até o final da temporada.

Xaneiro O 4 de xaneiro foi presentado o porteiro internacional croata Stipe Pletikosa como novo xogador do Deportivo. Xogará co dorsal número 13 (en substitución do mancado Fabricio) e firmou por unha campaña con opción a outra máis.

O 7 de xaneiro o club informou da incorporación do centrocampista catalán Pol Calvet para reforzar o equipo filial, por unha tempada con opción a máis.

O 8 de xaneiro, debido a un forte temporal, apareceron asolagadas diversas zonas do estadio de Riazor, ocasionando importantes estragos.

O 20 de xaneiro o Comité de Competición decidiu anular a tarxeta amarela que recibira Pedro Mosquera, no partido fronte á Real Sociedad en Anoeta e que rematou en empate (1–1).

O 29 de xaneiro o club anunciou un acordo con Haris Medunjanin para a rescisión do seu contrato.

Marzo O 2 de marzo produciuse o debut na portería do croata Stipe Pletikosa, cunha derrota a domicilio fronte o Athletic Club (4–1).

Abril O 6 de abril o club anunciou a renovación de Germán Lux (por unha tempada) e Celso Borges (por tres tempadas, con opción a unha máis).

O 12 de abril o club lamentou o pasamento do ex xogador Guillermo Muñoz "Hallulla" (que militou entre 1973 e 1978 no Deportivo), finado en Chile o día anterior.

Maio O 8 de maio o equipo certificou a permanencia a falta dunha xornada, logo de vencer o Villarreal CF a domicilio (0–2), tras seis xornadas sen coñecer a victoria.

O 9 de maio o club anunciou que imporá a súa máxima distinción, a insignia de ouro e brillantes, a Arsenio Iglesias nun acto que terá lugar no descanso do derradeiro partido de liga, fronte o Real Madrid en Riazor.

O 12 de maio o representante de Luisinho ofreceu unha rolda de prensa onde acusou a Víctor Sánchez del Amo de "querer destruír" a carreira do xogador, logo de varias xornadas afastado do equipo por decisión técnica, alegando motivos persoais entre eles. Indicou que todo ocorreu tras unha liorta nun adestramento entre Lucas Pérez e Oriol Riera, na que se propiciou un enfrontamento entre Luisinho e Víctor. Ademais, engadiu que o adestrador manipulou o equipo de xogadores en contra do lateral.