Roberto Suárez Pier, coñecido como Róber Pier, nado en Oleiros o 16 de febreiro de 1995, é un futbolista galego. Xoga de central na Cultural Leonesa, da Primeira Federación.

Traxectoria

Comezos Formouse futbolisticamente nas canteiras do Victoria e do Deportivo da Coruña, ao que chegou en idade cadete. Na tempada 2012/13 compaxinou o equipo xuvenil co Fabril, co que disputou 18 partidos esa campaña, con José Luis Devesa como adestrador. Continuou tres anos máis no filial, todos en Terceira División, superando a centena de partidos.

Deportivo da Coruña O 2 de decembro de 2015 estreouse co primeiro equipo do Deportivo, xogando como titular nun partido de Copa do Rei contra a UE Llagostera no Nou Estadi de Palamós, con vitoria coruñesa por 1–2. O 12 de marzo de 2016 debutou en Primeira División, nunha derrota a domicilio contra o Atlético de Madrid (3–0). Róber entrou substituíndo ao mancado Manuel Pablo. Disputou un total de seis encotros co equipo de Víctor Sánchez esa tempada.

Levante Na tempada 2016/17 saíu cedido ao Levante, da Segunda División. Xogou máis da metade dos encontros e sumou o seu primeiro gol como profesional nun partido contra o Girona no Ciutat de València. O equipo adestrado por Muñiz proclamouse campión da categoría e logrou o ascenso á Primeira División.

A súa cesión ao club valenciano prolongouse dous anos máis, nos que o central galego disputou 48 partidos en Primeira e marcou o seu primeiro gol na categoría, nun empate 1-1 fronte ao Eibar. Na penúltima xornada da tempada 2018/19 contra o Girona, sufriu a rotura do ligamento cruzado anterior do xeonllo dereito, quedando fóra dos terreos do xogo durante máis dun ano.

A pesar da súa lesión, o Levante fíxose co xogador en propiedade en setembro de 2019, despois de tres anos de cesións por parte do Deportivo. Reapareceu nos terreos de xogo o 28 de xuño de 2020, nun partido ante o Betis no Ciutat de València, substituíndo nos instantes finais ao serbio Nemanja Radoja. Pouco a pouco foi recuperando peso no equipo, e tralo descenso a Segunda, converteuse en titular indiscutible na tempada 2022/23. Pechou o seu paso polo club valenciano cun total de 184 encontros e 3 goles.

Sporting de Gijón En 2023 asinou co Sporting de Gijón, tamén de Segunda, onde se fixo cun posto no once inicial dende o comezo. Na súa primeira campaña liderou a defensa do club asturiano xunto ao tamén galego Pablo Insua, e disputou sen éxito a promoción de ascenso a Primeira. A continuación viviu unha segunda tempada máis complicada, con problemas físicos e irregularidades tanto a nivel individual como colectivo. Nos seus dous anos en Xixón xogou un total de 75 partidos oficiais, nos que anotou dous goles.

Atlas En xuño de 2025 deixou o Sporting e puxo rumbo a México, onde fichou como novo xogador do Atlas. Foi titular en seis dos primeiros dez encontros do conxunto de Guadalaxara trala súa chegada, pero unha lesión en setembro afastouno do equipo varias semanas. Trala súa recuperación non entrou nos plans do adestrador Diego Cocca, que o deixou fóra dos onces titulares e máis tarde das convocatorias do equipo, polo que non volveu disputar ningún minuto. Pechou o seu paso polo club con só só cinco partidos da liga mexicana e dous da Leagues Cup.

Cultural Leonesa En agosto de 2026 regresou ao fútbol español, asinando como novo xogador da Cultural Leonesa, da Primeira Federación.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en lapreferente.com . Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en 1995 Categoría:Nados en Oleiros Categoría:Futbolistas de Oleiros Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Levante UD Categoría:Xogadores do Sporting de Gijón Categoría:Xogadores do Atlas de Guadalajara Categoría:Xogadores da Cultural Leonesa