miniatura|300px|Estas gráficas mostran os diferentes tipos de selección xenética. En cada gráfica, a variable do eixe X é o tipo de trazo fenotípico e a variable do eixe Y é a cantidade de organismos. O grupo A é a poboación orixinal e o grupo B é a poboación despois da selección. A gráfica 1 mostra unha selección direccional, na cal está favorecido un só dos fenotipos extremos. A gráfica 2 mostra unha selección estabilizante, na que se favorece ao fenotipo intermedio con respecto aos trazos extremos. A gráfica 3 mostra unha selección disruptiva, na cal se favorece aos fenotipos extremos en detrimento dos intermedios.
miniatura|225px|Gráfica que mostra os tres tipos de selección.
En xenética de poboacións, a selección disruptiva describe os cambios que se dan nunha poboación na cal os valores extremos dun trazo son favorecidos con respecto aos valores intermedios. Neste caso, a varianza do trazo increméntase e a poboación divídese en dous grupos diferenciados. A maioría dos individuos da poboación adquiren ou ben un dos dous valores periféricos do carácter ou ben o outro, en ambos os extremos da curva de distribución, á vez que os valores intermedios se fan cada vez máis escasos.Sinervo, Barry. 1997. Disruptive Selection in Adaptation and Selection. 13 April 2010.Lemmon, Alan R. 2000. EvoTutor. Natural Selection: Modes of Selection . 13 April 2010.
Introdución
A selección natural é un dos procesos biolóxicos máis importantes que subxace na evolución. Hai moita variabilidade de trazos, e algunhas variacións fan que o individuo teña maior ou menor éxito reprodutivo. O propósito da selección é promover certos alelos, trazos e individuos que teñen unha maior posibilidade de sobrevivir e de reproducirse no seu ambiente específico. A natureza actúa sobre os individuos favorecendo a supervivencia da descendencia máis apta e a súa reprodución ao seu máximo potencial. Canto máis vantaxoso sexa un trazo máis común se fará na poboación. A selección disruptiva é un tipo específico de selección natural que selecciona activamente en contra dos individuos da poboación con características intermedias para un carácter, favorecendo ambos os extremos do espectro. Crese que a selección disruptiva con frecuencia leva a unha especiación simpátrica por medio dun modo de evolución gradualista filética. A selección disruptiva pode ser causada ou influenciada por múltiples factores e tamén ten múltiples resultados, ademais da especiación. Os individuos que viven nun mesmo ambiente poden desenvolver unha preferencia polos extremos dun trazo, en contra dos valores intermedios. A selección pode actuar creando morfoloxías corporais diferentes para acceder ao alimento, como nas formas dos peteiros ou estrutura dental. Isto é máis común en ambientes nos que non hai unha distribución clinal ampla de recursos, o que causa que o heterocigoto teña desvantaxe ou haxa selección en contra do valor medio. A división do nicho permite a selección de patróns diferenciais no uso dos recursos, que poden levar á especiación. En contraste, a conservación dos nichos empurra aos individuos cara aos trazos ecolóxicos ancestrais na carreira evolutiva. Ademais, a natureza tende a unha perspectiva de ‘arrimarse ao sol que máis quenta’ cando se encontra algo beneficioso. Isto pode levar a que ocorra o oposto, e a selección disruptiva finalmente seleccione en contra dos valores medios, xa que cando todos empezan a aproveitarse do recurso este será axiña esgotado e os extremos veranse favorecidos. Ademais, o gradualismo é unha visión máis realista cando se observa a especiación en comparación do equilibrio puntuado. A selección disruptiva pode ao principio intensificar rapidamente a diverxencia tan só manipulando os alelos que xa existen. A miúdo non se fai pola creación de novos alelos, que leva máis tempo. Xeralmente, o illamento reprodutivo completo non ocorre ata que pasan moitas xeracións, pero as diferenzas de comportamento ou morfolóxicas separan as poboacións/especies da súa reprodución en común. Por outra parte, os híbridos ás veces teñen unha fitness reducida que promove o seu illamento reprodutivo.Abrams, P.A., Leimar, O., Rueffler, C., Van Dooren, J.M. 2006. Disruptive selection and then what? Trends in Ecology & Evolution Vol. 21 Issue 5:238-245.
Exemplos
Supoñamos unha poboación hipotética de roedores. A súa cor está determinada por dous alelos con dominancia incompleta: "N" que determina pel negra, e "n", que determina pel branca. Os de xenotipo "NN" terán un fenotipo negro, o de xenotipo "Nn" terano gris (unha cor intermdia entre os extremos), e os "nn" serán brancos.
Se esta poboación de roedores coloniza un ambiente no que hai áreas con rochas escuras e outras con rochas claras, os roedores negros camuflaranse mellor dos depredadores nas áreas de rochas escuras, e os brancos nas de rochas brancas, pero os grises non se camuflan ben en ningunha das áreas, polo que son os que sufrirán unha maior depredación. Como consecuencia deste tipo de presión selectiva, a nosa poboación hipotética de roedores sería seleccionadaa disruptivamente para os valores extremos (negro ou branco), en contra do gris. Este é un exemplo de desvantaxe do heterocigoto que leva a unha selección disruptiva.
Outro exemplo estudado foi o do salmón Oncorhynchus kisutch, no que os machos que conseguen fecundar os ovos son os de maior tamaño ou os de menor. Os de maior tamaño porque vencen aos outros na competencia por fecundar os ovos e os de menor porque fecundan os ovos de forma oportunista pasando desapercibidos entre as rochas e fecundándoos cando teñen a oportunidade. Os de tamaño intermedio son desfavorecidos na selección porque non poden vencer aos grandes e tampouco pasan desapercibidos.La selección natural
Selección disruptiva e especiación simpátrica
Crese que a selección disruptiva é unha das principais forzas que impulsa a especiación simpátrica nas poboacións naturais. As vías que levan da selección disruptiva á especiación simpátrica xeralmente non teñen tendencia á desviación; é un efecto dominó que depende da consistencia de cada factor. Estas vías consisten en que a selección disruptiva se basee na competición intraespecífica, que miúdo leva ao illamento reprodutivo, e finalmente á especiación simpátrica. É importante ter presente que a selección disruptiva non sempre ten que basearse na competición intraespecífica, polo que nalgúns casos ese paso da vía pode ser eliminado. No seu lugar o que pode ocorrer é que a selección disruptiva manteña os polimorfismos, o que pode causar un illamento reprodutivo, e finalmente á especiación.Sharloo W. 1969. Stable and disruptive selection on a mutant character in drosophila III polymorphism caused by a developmental switch mechanism. Genetics 65 :693-705
Cando a selección disruptiva está baseada na competición intraespecífica, á súa vez promove a diversificación de nichos ecolóxixos e os polimorfismos. Se dous morfos, ou formas, dun fenotipo ocupan diferentes nichos, isto promovería unha menor competición polo uso dos recursos. A selección disruptiva obsérvase en maior medida en poboacións de alta densidade que nas de baixa densidade, porque a competición intraespecífica é máis común cando se acompaña por unha elevada densidade de poboación. Isto débese a que nas poboacións de alta densidade adoitan haber unha maior competición polos recursos, o que favorece os polimorfismos e os cambios de nichos para evitar unha competición tan forte. Se un morfo non ten necesidade dos recursos usados polo outro morfo, entón é probable que non sinta a necesidade nin de competir nin de interaccionar, e isto favorece que os dous morfos sigan estando presentes na poboación.Martin A. R. and Pfenning D.W. 2012.Widespread disruptive selection in the wild is associated with intense resource competition. BMC Evolutionary Biology 12: 1-13 Aínda que esta teoría non necesariamente ten moitas evidencias nas que apoiarse nas poboacións naturais, si foi observada moitas veces en situacións experimentais nas que se usaban poboacións existentes. Estes experimentos probarían ademais que, baixo as situacións axeitadas (que se describiron arriba), a teoría podería considerarse correcta en situacións naturais.
Cando a competición intraespecífica non está funcionando, a selección disruptiva pode malia todo orixinar especiación simpátrica, e isto faino por medio do mantemento dos polimorfismos. Unha vez que se manteñen os polimorfismos na poboación, e se está tendo lugar apareamento selectivo, entón este é unha maneira na que a selección disruptiva pode levar á poboación na dirección dunha especiación simpátrica. Se diferentes morfos teñen diferentes preferencias de apareamento entón pode producirse apareamento selectivo, especialmente se o trazo polimórfico é un "trazo máxico" ou trazo que está baixo selección ecolóxica e á súa vez ten un efecto colateral sobre o comportamento reprodutivo. Nunha situación na que o trazo polimórfico non é un "trazo máxico" entón terá que haber algún tipo de penalización na fitness para aqueles individuos que non se aparean selectivamente e un mecanismo que cause que o apareamento selectivo teña que evolucionar na poboación. Por exemplo, se unha especie de bolboretas desenvolve dous tipos de patróns no debuxo das ás, que é fundamental para propósitos de mimetismo no seu hábitat preferido, entón o apareamento entre dúas bolboretas con diferentes patróns de ás produciría un heterocigoto desfavorable. Por tanto, as bolboretas tenderán a aparearse con outras que teñan omesmo patrón de ás promovendo un incremento da fitness, e finalmente eliminando o heterocigoto. Este heterocigoto desfavorable xera presión por un mecanismo que causa apareamento selectivo, que levará ao illamento reprodutivo debido á produción de barreiras post-apareamento. Actualmente é moi común observar especiación simpátrica cando a selección disruptiva está mantendo os dous morfos, especificamente cando o trazo fenotípico inflúe na fitness en vez de na elección de apareamento.
En ambas as situacións, unha onde a competición intraespecífica funciona e a outra onde non, se están a darse todos estes factores, isto levará a un illamento reprodutivo, que pode orixinar unha especiación simpátrica.
Outros resultados da selección disruptiva polimorfismo dimorfismo sexual plasticidade fenotípica
Importancia
A selección disruptiva é de especial importtancia na historia do estudo da evolución, xa que está implicada nun dos of "casos fundamentais" da evolución, como é o das poboacións de pimpíns observadas por Darwin nas illas Galápagos. Alí Darwin observou que as especies de pimpíns eran bastante similares como para que claramente fosen descendentes dunha soa especie orixinal. Porén, mostraban unha variación disruptiva no tamaño do peteiro. Esta variación parecía estar relacionada adaptativamente co tamaño da semente dispoñible nas illas onde cada unha vivía (peteiros grandes para sementes grandes, e pequenos para sementes pequenas). Os peteiros de tamaño medio tiñan dificultade de recoller as sementes pequenas e non eran rexos dabondo para as sementes grandes, polo que non eran adaptativos.
Aínda que é certo que a selección disruptiva pode orixinar especiación, isto non é un proceso tan rápido ou directo coma outros tipos de especiación ou cambio evolutivo. Isto introduce o concepto de gradualismo, que é unha lenta pero continua acumulación de cambios durante longos períodos de tempo. Isto débese en gran medida a que os resultados da selección disruptiva son menos estables que os resultados da selección direccional (a selección direccional favorece aos individuos que están só nun dos extremos do espectro).