Mykhail Mykytsei (en ), coñecido como Miguel Mykycej durante a súa etapa arxentina, nado o 17 de outubro de 1934 en Horokholyna (Ucraína) e finado o 20 de maio de 2017 Bos Aires (Arxentina), foi un eclesiástico católico ucraíno, bispo de Santa María do Patrocinio en Bos Aires entre 1999 e 2010. Traxectoria Naceu o 17 de outubro de 1934 en Horokholyna, entón parte da Segunda República Polaca (hoxe en Ucraína). Emigrou coa súa familia ao Paraguai en 1938, e en 1945 trasladouse novamente con eles a Bos Aires. En 1948 ingresou na congregación dos Fillos da Divina Providencia como aspirante, facendo os votos temporais o 11 de febreiro de 1954 e os perpetuos o 11 de febreiro de 1961.
En 1959 marchou a Roma a estudar Teoloxía na Pontificia Universidade Lateranense. Alí foi ordenado sacerdote o 21 de abril de 1963 polo metropolita de Galicia Yosyf Slipyi. Á súa volta a Arxentina exerceu o seu ministerio na súa congregación e atendendo as comunidades ucraínas.
O 23 de xuño de 1990 foi nomeado bispo auxiliar de Santa María do Patrocinio en Bos Aires e bispo titular de Nazianzus polo papa Xoán Paulo II. Recibiu a consagración episcopal o 14 de outubro de mans do bispo de Bos Aires Andrii Sapeliak, e tivo como co-consagrantes principais ao bispo de San Xoán Bautista en Curitiba Efraím Basílio Krevey e ao bispo de San Roque de Presidencia Roque Sáenz Peña Abelardo Francisco Silva. Residiu en Posadas, atendendo dende alí ás comunidades ucraínas do norte da Arxentina. O 20 de xaneiro de 1998 foi nomeado administrador apostólico da eparquía, e o 24 de abril de 1999 foi nomeado bispo da eparquía. Foi un grande impulsor da implantación e consolidación da súa congregación en Ucraína.
Retirouse o 10 de abril de 2010. Logo do seu retiramento continuou a traballar colaborando na eparquía, na catedral e noutras comunidades. Finou o 20 de maio de 2017 en Bos Aires, na sé da eparquía.
Notas
Categoría:Nados en 1934 Categoría:Nados na rexión de Ivano-Frankivsk Categoría:Finados en 2017 Categoría:Bispos da Igrexa católica bizantina ucraína Categoría:Bispos católicos da Arxentina Categoría:Bispos católicos de Ucraína Categoría:Bispos católicos do século XX Categoría:Bispos católicos do século XXI Categoría:Personalidades sen imaxes Categoría:Relixiosos católicos de Ucraína Categoría:Fillos da Divina Providencia