Margaret Mead, nada en Filadelfia o 16 de decembro de 1901 e finada en Nova York o 15 de novembro de 1978, foi unha antropóloga pertencente á tradición norteamericana da antropoloxía cultural. Acadou sona entre as décadas de 1960 e 1970 e coas súas aparicións como autora e oradora nos medios de comunicación de masas popularizou o coñecemento da antropoloxía na cultura occidental. Graduouse no Barnard College de Nova York e doutorouse pola Universidade de Columbia.
As súas achegas foron transcendentais para o eido antropolóxico: os seus estudos detallando as actitudes de cara ao sexo nas culturas tradicionais do sur do Pacífico e o sueste asiático convertérona en precursora no emprego do concepto de “xénero” e influenciaron a revolución sexual da década de 1960; tamén, foi defensora dunha ampliación dos costumes sexuais no contexto dunha vida occidental tradicional e relixiosa.
Biografía Margaret Mead naceu en Filadelfia o 16 de decembro de 1901. Foi a primeira de catro irmáns, e naceu no seo dunha familia de pais adiñeirados e de gran riqueza cultural. Medrou nun ambiente no que o seu pai, profesor de economía na Universidade de Pennsylvania, e a súa nai, profesional da socioloxía (Fernández, 2004), provocaron na nena, xa dende pequena, o interese polas ciencias sociais. Quen máis incitou a moza a comezar a súa carreira profesional nesta liña sería a súa avoa paterna, unha muller á que ela consideraba moi competente.
A antropóloga comezou os seus estudos no Colexio Barnard, unha escola exclusiva para mulleres que estaba afiliada á Universidade de Columbia. A autora cursou o maior número de materias en Psicoloxía, unha carreira á que lle prestara especial interese dende a súa nenez. Pouco despois, Mead comezou o seu doutoramento en antropoloxía na Universidade de Columbia; onde coñeceu a quen serían as súas futuras inspiracións en canto á súa dedicación no estudo de campo: Franz Boas e Ruth Benedict.
A pensadora herdou de F. Boas o relativismo cultural. A autora fixo fincapé nel, sinalando a aprendizaxe que se podía obter a través do estudo doutras sociedades. A pensadora apoiaba a diversidade cultural coma un recurso, e nunca como un inconveniente (Admin, L., 2022) Neste contexto, Mead decidiu viaxar a diferentes sociedades para corroborar a súa tese; onde compararía varias culturas consideradas “primitivas” coa súa cultura nativa, a norteamericana. Así, permaneceu en Samoa en 1925 e, máis tarde, nas Illas do Almirantado entre 1928 e 1929. Foi entón cando se decata de que as súas suposicións eran certas e, polo tanto, decidiu divulgalas. Desta etapa destacan as súas obras: Coming of age in Samoa. A psycological study of primitive youth for Western Civilisation (Facéndose maior en Samoa. Un estudo psicolóxico da xuventude primitiva para a civilización universal) do ano 1928; Growing up in New Guinea. A comparative study of Primitive Education (Crecendo en Nova Guinea. Un estudo comparativo sobre a educación primitiva) do ano 1930 e Social Organization of Manu´a (A organización social de Manu´a), do mesmo anoMargaret Mead: biografía de esta antropóloga e investigadora, 2022.
En relación ás obras citadas, supoñen un complexo e completo estudo acerca da relación entre a psicoloxía e a personalidade individual dos condicionamentos e pautas impostas polo marco cultural de cada tradición (Fernández, 2004). Deste modo, ademais de expoñer a súa postura, a autora realizaría unha serie de críticas cara ás teses do sociólogo Lucien Lévy-Bruhl sobre a mentalidade prelóxica dos pobos “primitivos”, así como á tese do doutor Sigmund Freud sobre a estreita relación entre a mentalidade primitiva e a infantil.
Tras anos de estudo, doutorouse en antropoloxía no ano 1929 na Universidade de Columbia; conseguindo no ano 1954, un posto no mesmo centro como profesora adxunta de antropoloxía. No ano 1926, unirase ao Museo Americano de Historia Natural, en Nova York, como, por unha banda, asistente do director e, por outra, como directora de etnoloxía dende 1946 ata 1969. Ademais das súas leccións impartidas na Universidade de Columbia, Mead colaborou con outras universidades de prestixio tales como a Universidade de Nova York, a Universidade Emory, a Universidade Yale e a Universidade de Cincinnati. Ademais fundou o departamento de antropoloxía na Universidade de Fordham.
En canto á vida persoal, o ano 1922 a estudante coñece a unha das persoas que máis transcendería ao longo da súa carreira como antropóloga; a profesora Ruth Benedict, con quen tería unha moi estreita e lonxeva relación durante o resto da súa vida. Este é un aspecto destacable a ter en conta posto que, tal e como deixou plasmado en numerables das súas obras, Mead foi recoñecida polas súas teses activistas, moi comprometidas co feminismo e os dereitos humanos. Así, defendía o amor libre e a súa liberdade sexual con frecuencia. Deste modo, non dubidou en demostralo ao longo da súa vida. Mead era declaradamente bisexual, tendo ao longo da súa vida dúas relacións lésbicas de larga duración; tal cuestión, en varias ocasións, ocasionoulle situacións incómodas cos seus amantes, de modo que estes trataban, en van, de ignorala e arruinarlle a súa carreira como antropóloga de éxito.
Estivo casada tres veces; primeiro co arqueólogo pensilvano Luther Cressman e, máis tarde, con dous dos seus compañeiros de profesión: Reo Fortune e Gregory Bateson. Nesta etapa, Mead escribiu Sex and temperament in three primitive societies (O sexo e o temperamento en tres sociedades primitivas), do ano 1935, Cooperation and competition among primitive peoples (Cooperación e competición entre os pobos primitivos), do ano 1937 e Balinese character. A Photographic analysis (O carácter balinés: unha análise fotográfica), de 1942.
Bateson e Mead coñecéronse durante a súa viaxe a Nova Guinea, entre os anos 1931 e 1933 e con el tería a súa única filla, Mary Catherine Bateson, tamén antropóloga. A súa neta, Sevanne Margaret Kassarjian, é unha actual actriz de teatro e televisión que traballa baixo o nome de Sevanne Martin.
Precursora do concepto de "xénero" O termo “xénero”, na actualidade, fai referencia ao conxunto de características e significados socialmente atribuídos ás diferenzas sexuais (roles, comportamentos, capacidades, sentimentos, etc.) mediante os que se constrúe a masculinidade e a feminidade como categorías diferenciadas e se clasifica as persoas como homes ou mulleres; estas atribucións presentan unha gran variabilidade cultural e histórica, sendo relativas e arbitrarias. Así, o concepto de “xénero” supón a impugnación do determinismo biolóxico: establece unha diferenza entre unha base natural, o sexo, e a elaboración cultural desa mesma base, o xénero, en tanto que as diferenzas entre a masculinidade e a feminidade non brotan da bioloxía.
Non foi ata os anos 70-80 que se comezou a falar de xénero tal e coma o entendemos a día de hoxe; con todo, este concepto estaba xa implícito nas achegas de moitas pensadoras da teoría feminista, tanto do eido filosófico, principalmente con Simone de Beauvoir, coma do antropolóxico, no que se atopa Margaret Mead. Mead é considerada coma unha das pioneiras do concepto de xénero, por acharse este implícito na maioría das súas obras. A autora realizou etnografías e análises transculturais das relacións de xénero (antropoloxía de xénero); a antropoloxía conta coas ferramentas necesarias para desmontar teorías androcéntricas para mostrar a diversidade e variabilidade cultural e “desnaturalizar o propio” e, tamén, para analizar e deconstruír as relación de poder desde o feminismo.
Onde se pode apreciar con maior claridade a aparición deste concepto na obra de Mead, é na publicación de Sexo e temperamento en tres sociedades primitivas (1935). Este libro é unha recompilación das experiencias e conclusións ás que chega tras o traballo de campo realizado en Papúa-Nova Guinea, onde estudou e analizou o comportamento de tres tribos. Mead foi quen de realizar unha observación precisa e innovadora, tarefa que nos seus tempos non era doada debido á interiorización dos prexuízos existentes, polo que isto outorgou máis valor ás súas percepcións. Así, advertiu que na tribo dos Arapesh os homes e as mulleres comparten un comportamento que asimilariamos ao feminino; que na dos Mundugumor homes e mulleres comparten un comportamento “masculino”; por último, que nos Tchambuli homes e mulleres teñen un comportamento diferenciado pero invertido. Cara ao final da obra, chega á seguinte conclusión: “(…) ya no disponemos de base firme para considerar tales aspectos de conduta como algo propio del sexo (…)” (Mead, p. 308).
Entón, deste xeito, Margaret Mead pasou a falar de “mentalidade” e de “personalidade” e a refutar o bioloxicismo: Mead afirmou que as diferenzas biolóxicas entre sexos non son determinantes para o funcionamento social, senón que é o proceso socializador e a educación o que o determinan. É por isto que Mead pertence á escola “cultura e personalidade” da antropoloxía cultural dos EEUUA escola “cultura e personalidade” da antropoloxía estadounidense enfoca os problemas antropolóxicos desde unha perspectiva psicolóxica. Ademais de Mead, pertenceron a esta escola Edward Sapir e Ruth Benedict, entre outros. Korsbaek, L. e Bautista, A. “La antropología y la psicología”. CIENCIA ergo-sum, Revista Científica Multidisciplinaria de Prospectiva. [Internet]. Toluca, México, 2006, 13(1), 35-46. Dispoñible en: https://www.redalyc.org/articulo.oa?id=10413105 [data de acceso: 26 de maio de 2022].2 Tamén na obra Adolescencia, sexo y cultura en Samoa a autora trata abertamente a cuestión da sexualidade, moi relacionada co concepto de “xénero” e de grande importancia polas súas implicacións na teoría feminista. Así, Mead foi pioneira ao poñer de manifesto o descubrimento do sexo e do valor dos papeis sociais.
Principais estudos antropolóxicos
Maioría de idade en Samoa (1928) Margaret Mead, tras finalizar o seu estudo sobre a adolescencia en Samoa, estuda as relacións entre temperamento, cultura e roles sexuais.
Este estudo comezou no ano 1925, cando pasou oito meses na illa de Ta'ū investigando a 49 adolescentes samoanas de entre 12 e 20 anos, dando froito, grazas a toda a información obtida, á súa primeira monografía Adolescencia e cultura en Samoa (1928).
Mead considera que a personalidade dos individuos adultos é froito directo da súa educación na etapa de nenez e, ademais, que a experiencia da adolescencia varía entre as diversas culturas; así, mentres que o tránsito entre a infancia e a idade adulta nas culturas occidentais é problemática e turbulenta, a adolescencia que Margaret Mead observou entre os samoanos tratábase dun tránsito tranquilo, relaxado, tolerante.
A autora considerou que isto se debía na súa totalidade aos diversos factores socioculturais, até o punto de concluír o seu libro cunha serie de reformas na sociedade estadounidense co fin de reducir os problemas da adolescencia, como promover actitudes tolerantes cara á sexualidade, relaxar o control da familia nuclear sobre os adolescentes e reformar o sistema educativo para que facilitase as eleccións vitais da xente máis nova.“(...) é necesario orientar todos os nosos esforzos educativos a adestrar os nosos nenos para as eleccións que deberán abordar. A educación, no fogar aínda máis que na escola, en vez de constituír a defensa especial dun réxime, unha tentativa desesperada por formar un hábito particular (...) debe ser unha preparación para esas mesmas influencias. (...). Debe ensinarse ás nenas como pensar, non que pensar (…)” (Mead, M., 1993, pp. 226-227) O seu libro tivo tal éxito que, cando regresou ao Pacífico a comezos dos anos 30 para continuar coas súas investigacións de campo, esta xa era considerada como unha antropóloga con experiencia etnográfica, inquietudes teóricas e un estilo de escritura ensaiado con éxito.