Germán Taibo González ou simplemente Germán Taibo, nado na Coruña o 27 de xaneiro de 1889 e finado en París (Francia) en 1919, foi un pintor galego.
Traxectoria Sendo moi novo a súa familia emigra á Arxentina. O rapaz non tardou en amosar o seu talento para a pintura, e con dez anos de idade realizou un retrato dos seus pais, que decidiron envialo á Escola de Belas Artes de Buenos Aires, onde chamou a atención da mecenas María Jáuregui de Pradere, que pagou a súa viaxe e estadía en París cando o rapaz aínda con cumprira os 16 anos.
Taibo ingresou na prestixiosa academia Julien da capital francesa, superando unha dura proba de admisión. As súas visitas aos museos parisienses mostráronlle distintas técnicas, especialmente o impresionismo, que pronto dominaría a súa pintura. De acordo co xornalista e crítico de arte herculino Alejandro Barreiro, Taibo permaneceu na academia Julien seis ou sete anos. En 1908, logo de casar coa que fora modelo de varios dos seus cadros, Simone Nafleux, en 1908 realizou unha viaxe á Coruña, onde entrou en contacto con outros pintores galegos da provincia, con todo, a primeira noticia da produción de Taibo nesa cidade non chegou ata 1912, cando participou na primeira Exposición de Arte Gallego, con catro obras, entre elas o seu autorretrato de 1906. O pintor non asistiu á exposición ao encontrarse traballando na Costa Azul no cadro que o consagraría cunha medalla de prata no Salón dos Campos Elisios ao ano seguinte na capital francesa, A pastoral.
En 1916 expuxo a súa obra no Palace Hotel de Madrid cun grande éxito da crítica e o público, conseguindo vender varias obras, o que lle reporta unha suma de cartos que lle permitiu realizar varias viaxes na procura de atopar escenarios para iniciar unha nova etapa onde a paisaxe pasara a ser a protagonista. Un ano despois presentou de novo algunhas obras na segunda Exposición de Arte Gallego na súa cidade natal, aínda que novamente non asistiu á mostra por encontrarse pintando en París obras como a súa conmovedora Morte de Abel, deixando atrás as súas viaxes pola Costa Azul e Belle-Île-en-Mer (Bretaña) e as súas obras de recreacións paisaxísticas. A epidemia de gripe de 1918 que estaba a causar numerosas mortes levou a Germán Taibo a deixar a capital francesa xunto coa súa muller e a súa filla Raimunda, e regresa á Coruña con varias obras que finalmente quedarían alí. Logo duns meses na cidade e finalizada xa a primeira guerra mundial, Taibo volve a París coa súa familia a finais dese mesmo ano. Con todo, ao pouco de chegar á capital francesa, Taibo enferma da gripe de 1918 e falece o 14 de febreiro de 1919 na súa casa da rúa Moulin Vert cando acababa de cumprir 30 anos e logo de pintar o seu derradeiro cadro, O leñador e a morte. Seu pai, que acudira ao leito do seu fillo, presidiu o cortexo funerario do pintor. miniatura|Costa da Bretaña, ca. 1910, Pinacoteca Francisco Fernández del Riego. Logo da súa morte, as obras que se encontraban no estudio de Taibo cruzaron o Atlántico para ser expostas, con todos os honores, na Exposición de Arte Gallego de Buenos Aires, despois da cal o pai do pintor ofreceulle algúns cadros á cidade da Coruña, que finalmente os adquiriu por 40 000 pesetas.
Galería de imaxes
Notas
Referencias
Véxase tamén Bibliografía
VV. AA. (1984). "Un siglo de pintura gallega, 1880/1980". Buenos Aires: Museo Nacional de Bellas Artes, 1984
Ligazóns externas Obra de Taibo no Museo de Belas Artes da Coruña.
Categoría:Nados en 1889 Categoría:Finados en 1919 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Pintores de Galicia Categoría:Pintores de Galicia coa obra no dominio público Categoría:Finados por gripe