A psicose é un termo xenérico empregado en psiquiatría e psicanálise para referirse a un estado mental descrito como unha escisión ou perda de contacto coa realidade. As persoas que experimentan psicoses poden presentar alucinacións ou delirios e poden exhibir cambios na súa personalidade e pensamento desorganizado. Estes síntomas poden ser acompañados por un comportamento infrecuente ou estraño, así como por dificultade para interactuar socialmente e incapacidade para levar a cabo actividades da vida diaria. O termo "psicose" é moi amplo e pode incluír dende experiencias aberrantes relativamente normais até expresións catatónicas de esquizofrenia e trastorno bipolar.American Psychiatric Association, 1994 The Diagnostic and Statistical Manual Revision IV (DSM-IV)

Unha ampla variedade de elementos do sistema nervioso, tanto orgánicos como funcionais, poden causar unha reacción psicótica. Isto levou á crenza de que a psicose é como a «febre» das enfermidades mentais, un indicador serio pero non específico. Porén, moitas persoas teñen experiencias infrecuentes e de distorsión da realidade nalgún momento das súas vidas, sen volverse discapacitadas ou nin sequera angustiadas por estas experiencias.

Como resultado, certa corrente de investigadores argumenta que a psicose non está fundamentalmente separada dunha conciencia normal, senón máis ben é un continuum con conciencia normal. Dende esta perspectiva, as persoas que son diagnosticadas clinicamente como psicóticas poden estar a ter simplemente experiencias particularmente intensas ou angustiantes.

Notas

Categoría:Psiquiatría Categoría:Termos médicos