A Ilustre e Venerable Confraría do Santísimo Rosario é unha das oito confrarías que existen na Semana Santa de Viveiro. Ten a súa sede na igrexa de Santa María do Campo, en Viveiro.
Historia A primeira referencia documentada sobre a Semana Santa de Viveiro remóntase ao século XIII, coa fundación das súas confrarías máis antigas. No ano 1282 naceu no desaparecido convento de Santo Domingo da localidade a Ilustre e Venerable Confraría do Santísimo Rosario, tamén coñecida como a confraría dos nobres. Este sobrenome debíase a que dela formaban parte as principais liñaxes nobiliarias de Viveiro. Esta irmandade celebraba as funcións do Domingo de Ramos, cunha procesión arredor da igrexa. O Venres Santo realizaba o descendemento de Xesús da cruz, así como a Procesión do Santo Enterro.
Porén, durante a Contrarreforma leváronse a cabo accións destinadas a reducir as escenificacións públicas da Semana Santa, co fin de opoñerse ao avance do protestantismo en Europa. A popularidade existente entre os devotos levou ao bispo frei Antonio de Guevara a prohibir o que el denominaba «representacións e farsas do mundo», aínda que deu a súa aprobación para realizar a procesión da Vera Cruz.
No século XIX, despois da guerra napoleónica, continuou a celebración da Semana Santa, aínda que non estivo exenta de problemas, xa que se viu afectada por acontecementos como os procesos de desamortización. No ano 1851 foi demolido o convento de Santo Domingo, polo que a Confraría do Rosario pasou á capela das Dores, situada na igrexa parroquial de Santa María do Campo.
Durante o comezo do século XX manifestouse en Viveiro unha corrente de anticlericalismo que fixo diminuír o número de confrades das dúas confrarías existentes naquela altura. Ante esta situación, o párroco de Santa María do Campo fixo un chamamento para animar á inscrición de novos confrades. Estas inscricións, xunto con diversos donativos, foron fundamentais para a revitalización da Semana Santa viveirense. Despois desta iniciativa, a Confraría do Rosario encargou ao mestre valenciano José Tena a imaxe do Cristo Xacente, así como as imaxes de San Xoán e de María Madalena.
Estandarte O estandarte da Ilustre e Venerable Confraría do Santísimo Rosario foi confeccionado polas Escravas do Santísimo de Ferrol entre os anos 1976 e 1978. O seu tecido é de raso branco, con bordados en fío de ouro. Na parte central represéntase o símbolo mariano «Ave María», enmarcado por un gran rosario sobre o que, á súa vez, se asenta unha coroa. Os bordos decóranse con motivos florais e a súa base remata en tres frechas, das que colgan flocos e borlas.
No reverso do estandarte aparece bordada tamén en fío dourado a inscrición «Ilustre e Venerable Confraría do Santísimo Rosario», así como a data de confección en números romanos.
Procesións Durante a Semana Santa, a Ilustre e Venerable Confraría do Santísimo Rosario encárgase de sacar as seguintes procesións:
Descendemento de Xesús da Cruz (Venres Santo). Procesión do Santo Enterro (Venres Santo).
Notas
Véxase tamén Outros artigos Semana Santa de Viveiro Historia da Semana Santa de Viveiro Venerable Orde Terceira Franciscana Confraría do Santísimo Cristo da Piedade Irmandade do Prendemento Irmandade das Sete Palabras Irmandade da Santa Cruz Confraría do Nazareno dos de Fóra Confraría da Misericordia
Categoría:Semana Santa de Viveiro