Pteronura brasiliensis, xeralmente chamada na literatura internacional cun nome equivalente a londra xiganteWrobel Murray, Elsevier's dictionary of mammals: in Latin, English, German, French and Italian, Elsevier, 2007, 2007, 857 p., é unha especie de animal carnívoro fluvial de Suramérica da familia dos mustélidos, na cal é a especie de maior tamaño, de aí o seu nome, xa que chega aos 1,7 m de lonxitude. A diferenza do que é característico nos mustélidos, a londra xigante é unha especie social que forma grupos familiares xeralmente de tres a oito membros. Os grupos están baseados nunha parella reprodutora dominante, están extremadamente cohesionados e son moi cooperativos. Aínda que xeralmente son pacíficas, a especie é territorial e observáronse agresións entre distintos grupos. É un animal diúrno, activo exclusivamente nas horas de luz solar. É a especie de londra máis ruidosa, e documentáronse dela diferentes vocalizacións que expresan alarma, agresividade e serven para tranquilizar.

A área de distribución da londra xigante abrangue a parte central norte de Suramérica, e vive principalmente na cunca do río Amazonas e na rexión do Pantanal.

A súa distribución viuse moi reducida nas últimas décadas e agora é descontinua. Décadas de furtivismo para obter a súa pel aveludada, que chegaron ao seu máximo nas décadas de 1950 e 1960, fixeron diminuír considerablemente as súas poboacións. A especie está na lista das especies en perigo desde 1999 e a súa poboación silvestre estímase que está por debaixo dos 5 000 exemplares. As Güianas son un dos últimos bastións reais para a especie, que tamén ten un menor número de exemplares, pero unha protección significativa na cunca amazónica peruana. É unha das especies de mamíferos máis ameazadas no Neotrópico. A degradación e perda do seu hábitat é a súa maior ameaza actual. A londra xigante é tamén rara en catividade; en 2003, só había en catividade 60 destes animais.

A londra xigante mostra unha serie de adaptacións axeitadas para a súa forma de vida anfibia, como un pelame excepcionalmente denso, unha cola con forma de á, e pés palmados. A especie prefire ríos e correntes de auga doce que adoitan inundarse estacionalmente, e pode tamén atoparse en lagos e mananciais de auga doce. Constrúe grandes campamentos preto das súas áreas de alimentación, limpándoas de gran cantidade de vexetación. A súa dieta é esencialmente piscívora, baseada maiormente en peixes caraciformes e siluriformes, mais tamén come ás veces cangrexos, tartarugas, serpes e pequenos caimáns.Groenendijk, J., Hajek, F. & Schenck, C. 2004. Pteronura brasiliensis. In: IUCN 2006. 2006 IUCN Red List of Threatened Species. (http://www.iucnredlist.org/search/details.php/18711/all ) Non ten predadores naturais importantes agás os humanos, aínda que debe competir polos recursos alimenticios con outras especies, como as londras da especie Lontra longicaudis e especies de caimáns.

Nome O nome xenérico Pteronura, deriva do grego antigo pteron/πτερον (á ou pluma) e ura/ουρά (cola), o que fai referencia á súa distintiva cola con forma de á. Un nome moi común que recibe na literatura en múltiples idiomas é o equivalente a londra xigante, debido ao seu tamaño. No Brasil chámanlle tamén ariranha (voz tupí-guaraní), xunto con lontra-gigante, onça-d'áuga e lobo-do-río.FERREIRA, A. B. H. Novo Dicionário da Língua Portuguesa. Segunda edição. Rio de Janeiro: Nova Fronteira, 1986. p.163

Taxonomía e evolución miniatura|Cabeza de londra xigante no instituto de investigación do Museo Paraense Emílio Goeldi.

As londras forman a subfamilia Lutrinae dentro da familia Mustelidae e a londra xigante é a única especie do xénero Pteronura. Actualmente recoñécense dúas subespecies na obra canónica Mammal Species of the World, que son P. b. brasiliensis e P. b. paraguensis. Descricións incorrectas da especie fixeron que teña moitos sinónimos (a segunda das subespecies denomínase a miúdo P. b. paranensis na literatura).Wozencraft, W.C. (2005). "Order Carnivora". En Wilson, D.E.; Reeder, D.M. Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference (3rd ed.). Johns Hopkins University Press. p. 605. ISBN 978-0-8018-8221-0. OCLC 62265494. P. b. brasiliensis está distribuída na parte norte da área de distribución da especie, incluíndo as cuncas do Orinoco, Amazonas e os sistemas fluviais das Güianas; na parte sur da área da especie vive P. b. paraguensis que se suxeriu se pode encontrar en Paraguai, o Uruguai, sur do Brasil e norte da Arxentina, aínda que pode estar extinta nos tres últimos países. A IUCN considera que a presenza da especie na Arxentina e no Uruguai é insegura. A entrada da base de datos contén unha xustificación de por que esta especie está en perigo. Na Arxentina só hai restos de poboacións escasamente distribuídas en dous ríos. P. b. paraguensis considérase menor e máis gregaria e con diferente dentición e morfoloxía do cranio que a outra subespecie. Porén, Carter e Rosas rexeitaron esta subdivisión en subespecies en 1997, indicando que a clasificación só fora validada unha vez, en 1968, e o espécime tipo de P. b. paraguensis era moi similar a P. b. brasiliensis. O biólogo Nicole Duplaix coida que a división é de "dubidoso valor".

Un xénero extinto, Satherium, crese que é antepasado da actual especie, e tería migrado ao Novo Mundo durante o Plioceno ou Plistoceno temperán. A londra xigante comparte o continente suramericano con outras tres especies de londras do xénero Lontra, que son: Lontra longicaudis, Lontra provocax e Lontra felina. (En Nortemérica hai unha cuarta especie, Lontra canadensis). A londra xigante parece que evolucionou independentemente de Lontra en Suramérica, a pesar do solapamento xeográfico. A londra asiática Lutrogale perspicillata pode ser o seu parente máis próximo vivo, xa que ten un similar comportamento, vocalizacións e morfoloxía cranial. Ambas as especies tamén mostran uns fortes lazos de parella e atención parental na crianza dos fillos.

A análise filoxenética de Koepfli e Wayne de 1998 atopou que a londra xigante ten as secuencias de maior diverxencia dentro da subfamilia das londras, formando un clado diferenciado que, segundo eles, se separou do resto hai entre 10 e 14 millóns de anos. Sinalaron que a especie pode ser unha diverxencia basal entre as londras ou mesmo quedar fóra delas, se se separou aínda antes que outros mustélidos como o armiño, os mustelinos e o visón. Porén, unha posterior secuenciación xenética dos mustélidos, feita en 2005, situou a diverxencia da londra xigante algo despois, hai entre 5 e 11 millóns de anos; a correspondente árbore filoxenética sitúa primeiro a diverxencia de Lontra entre todos os xéneros de londras, e en segundo lugar a de Pteronura, aínda que os rangos da diverxencia se solapan.

Bioloxía e comportamento A londra xigante é gregaria e diúrna. Os primeiros viaxeiros que informaron dela describírona como formando grupos ruidosos que rodeaban as barcas dos exploradores, pero dispúxose de pouca información científica sobre a especie ata que Duplaix fixo uns traballos pioneiros a finais da década de 1970. A preocupación por esta especie en perigo xerou desde entón un gran número de investigacións.

Características físicas miniatura|Londra xigante silvestre facendo o que se chama "subir o periscopio" no Parque estatal de Cantão no Brasil, mostrando as súas distintivas marcas na gorxa miniatura|Cranio visto de lado. Ten un fociño curto como é habitual en mustélidos, e unha pronunciada crista saxital, polo que ten unha trabada moi poderosa.

A londra xigante distínguese claramente doutras londras por características morfolóxicas e de comportamento. Ten a maior lonxitude corporal de todos os mustélidos, aínda que a londra mariña pode ser máis pesada. Os machos miden entre 1,5 e 1,7 m de lonxitude da cabeza á cola e as femias entre 1 e 1,5 m. A cola ben musculada do animal supón uns 70 cm da lonxitude corporal total.Boitani, Luigi, Simon & Schuster's Guide to Mammals. Simon & Schuster/Touchstone Books (1984), ISBN 978-0-671-42805-1 Os primeiros informes de pelames e animais vivos suxerían que hai machos excepcionalmente grandes de ata 2,4 m; a caza intensiva probablemente reduciu a frecuencia de espécimes tan masivos. Os seus pesos están entre 26 e 32 kg en machos e 22 e 26 kg en femias. A londra xigante ten a pelame de pelo máis curto de todas as especies de londras; é normalmente de cor marrón chocolate, pero pode ser avermellada ou beixe, e parece case negra cando está mollada. A pelaxe é extremadamente densa, polo que a auga non pode penetrar ata a pel. Os pelos de garda da pelaxe atrapan a auga e manteñen a parte máis interna da pelaxe seca; os pelos de garda son de aproximadamente 8 mm de lonxitude, aproximadamente o dobre que os pelos da parte interna. Ten un tacto aveludado polo que foi moi buscada polos comerciantes de peles e iso contribuíu ao declive da especie. Ten marcas características de cor branca ou crema na gorxa e baixo o queixo da mandíbula, o que permite identificar os individuos desde o nacemento. As londras xigantes usan estas marcas para recoñecerse unhas a outras, e cando se encontran con outras londras, realizan un comportamento coñecido como "subir o periscopio", mostrando as gorxas e parte superior do peito.

O fociño é curto e inclinado, polo que lle dá á cabeza unha aparencia de bóla. As orellas son pequenas e arredondadas. O nariz (ou rinario) está completamente cuberto de pel, e só son visibles dous orificios nasais con forma de fenda. Teñen bigotes moi sensibles (vibrisas) cos que perciben os cambios na presión da auga e as correntes, o que lles axuda a detectar as presas. As patas son curtas e gordiñas e acaban nuns pés palmados con garras. Están ben dotadas para a vida acuática, e poden pechar os oídos e o nariz baixo a auga.

A vista deste animal non foi estudada directamente, pero as observacións de campo indican que caza principalmente pola vista; sobre a auga, pode recoñecer observadores a gran distancia. Ademais, o feito de que sexa activa exclusivamente de día indica que a súa vista debe ser potente para axudala a cazar e evitar os depredadores. Noutras especies de londra, a visión é xeralmente normal ou lixeiramente miope, tanto en terra coma na auga. O oído da londra xigante é agudo e o seu sentido do olfacto excelente.

Vocalizacións

A londra xigante é un animal especialmente ruidoso, que ten un complexo repertorio de vocalizacións. As demais londras producen vocalizacións, pero en frecuencia e volume, a londra xigante é a máis vocal. Duplaix identificou nove sons distintos, que se podían subdividir, segundo o contexto. Os ladridos rápidos ou bufidos explosivos indican un interese inmediato e posible perigo. Poden utilizar un chío vacilante en conatos de cargas contra intrusos, mentres que utilizan un gruñido grave para unha advertencia agresiva. Dentro do grupo rumban ou arrolan para tranquilizar. Os asubíos poden significar advertencia de achegamento non hostil entre grupos, aínda que as probas son limitadas. As crías neonatas fan unha especie de píos para atraer a atención, mentres que os individuos novos de máis idade xemen cando empezan a participar nas actividades do grupo. Unha análise publicada en 2014 catalogou 22 tipos de vocalizacións en adultos e 11 en neonatos.

Estrutura social

A londra xigante é un animal moi social que vive en grupos familiares amplos. O tamaño dos grupos pode estar entre 2 e 20 membros, pero o máis común é que estea entre 3 e 8. (As cifras máis altas poden indicar que dous ou tres grupos familiares están alimentándose xuntos temporalmente). Os grupos están moi cohesionados: dormen, xogan, viaxan e aliméntanse xuntos.

miniatura|Londras xigantes saíndo dunha poza xuntas no Zoo de Filadelfia. A especie é extremadamente social, o que é algo raro entre os mustélidos, e os grupos familiares están moi unidos.