Soiuz 10 foi o nome da primeira misión espacial tripulada enviada cara a unha estación espacial, a Saliut 1. Foi lanzada o 22 de abril de 1971 mediante un foguete Soiuz 11A511 desde o cosmódromo de Baikonur.
Características A misión de Soiuz 10 foi acoplarse coa primeira estación espacial da Historia, a Saliut 1, lanzada só tres días antes. A bordo da cápsula ían o comandante Vladimir Aleksandrovich Shatalov, o enxeñeiro de voo Aleksei Ieliseiev e o enxeñeiro de sistemas Nikolai Rukavishnikov. A nave era unha Soiuz 7KT-OK.
Despois do lanzamento a Soiuz 10 manobrou durante 24 horas para igualar a súa órbita coa da Saliut 1, que á súa vez manobrou para achegarse á Soiuz. Os sistemas automáticos deixaron as naves a 180 m de distancia unha da outra. O sistema de acoplamento automático fallou, deixando como única opción o acoplamento manual. Os cosmonautas atoparon a manobra manual dificultosa comparada co acoplamento entre dúas naves Soiuz: a Saliut, coa súa maior masa e coa súa falta de manobrabilidade, resultou ser un obxectivo máis esquivo. Análises posteriores mostraron ademais que a instrumentación a bordo da Soiuz era insuficiente para un acoplamento manual cómodo e normal. De tódolos xeitos a tripulación conseguiu finalmente acoplarse ao porto da Saliut, aínda que non conseguiron un acoplamento duro. Toda a manobra de acoplamento foi grabada por cámaras de televisión situadas no exterior da Soiuz. Finalmente os cosmonautas non puideron entrar na estación debido a problemas no zapón interno da súa propia nave. A Saliut 1 e a Soiuz 10 permaneceron unidas durante 5 horas e 30 minutos antes de desacoplarse, non sen antes ter que intentalo varias veces debido ao acoplamento defectuoso. A Soiuz manobrou arredor da estación para tomar fotos e inspeccionala. A misión regresou a terra a noite do 24 de abril, converténdose tamén na primeira cápsula tripulada en facer un regreso nocturno. Durante a aterraxe, que tivo lugar a entre 80 e 100 km ao suroeste da cidade de Karaganda, o aire no interior da cápsula volvuse tóxico e Rukavishnikov acabou inconsciente, sen máis consecuencias.
Véxase tamén
Outros artigos Soiuz 11A511 Saliut 1 Soiuz 11
Notas
Categoría:Programa Soiuz