O aeroporto de Bruxelas (IATA: BRU, ICAO: EBBR) é un aeroporto internacional belga situado a 12 km ao nordés de Bruxelas. No ano 2015 máis de 23 millóns de pasaxeiros pasaron polas súas instalacións, converténdoo no 21º aeroporto máis concorrido de Europa. As súas instalacións atópanse repartidas entre os municipios de Zaventem, Machelen e Steenokkerzeel, na rexión flamenga de Bélxica. É sede dunhas 260 compañías que empregan ao redor de 20 000 persoas e serve como base principal a Brussels Airlines e TUIfly Belgium.
A compañía que opera o aeroporto é coñecida como Brussels Airport Company N.V./S.A.; antes do 19 de outubro de 2006 o seu nome era BIAC (Brussels International Airport Company), que foi creada pola lei belga a través da fusión de BATC (Brussels Airport Terminal Company) cos departamentos de operacións en terra. Dende o ano 2011 o aeroporto vén sendo propiedade do Ontario Teachers' Pension Plan (39%), Macquarie Group (Macquarie European Infrastructure Fund I e Macquarie European Infrastructure Fund III) (36%) e o estado belga (25%).
O 22 de marzo de 2016 a zona de saídas do aeroporto quedou seriemente danada por dous estoupidos nun ataque terrorista. O aeroporto pechouse ata o día 3 de abril, cando reabriu con instalacións temporais funcionando a menos do 20% da súa capacidade anterior. Dende entón foi reestablecendo o seu normal funcionamento, chegando a un récord de pasaxeiros o día 29 de xullo, cando pasaron polo aeroporto 90 000 persoas.
Aeroliñas e destinos Pasaxeiros
Cargo
Notas
Bruxelas