Thermotoga maritima é unha especie de bacteria hipertermófila que pertence á orde Thermotogales. É un bacilo non esporulante gramnegativo. Ollada ao microscopio, vese que está encapsulada dentro dunha envoltura a modo de vaíña, que lembra unha toga, de aí o seu nome.

Historia

Descubriuse nos sedimentos dunha área xeotermal mariña preto de Vulcano, Italia, Thermotoga maritima vive en surxencias termais e chemineas hidrotermais. O ambiente ideal para este organismo é auga a unha temperatura de 80 °C, aínda que pode crecer en augas entre 55º e 90 °C. Thermotoga maritima é a única bacteria que se coñece que poida crecer a esta temperatura tan alta; os outros únicos organismos que tamén poden vivir en ambientes tan extremos pertencen ao dominio Archaea. As capacidades hipertermófilas de T. maritima, xunto coa súa antiga liñaxe, suxiren que probablemente é un organismo oi antigo.

Metabolismo

É un organismo anaerobio fermentativo quimioorganótrofo que cataboliza azucres e polímeros e produce dióxido de carbono e gas hidróxeno como subprodutos da fermentación. Tamén pode metabolizar a celulosa e o xilano, rendendo H2, que potencialmente podería ser utilizado como unha fonte de enerxía alternativa aos combustibles fósiles. Adicionalmente, esta especie de bacteria pode reducir o Fe(III) para producir enerxía utilizando a respiración anaerobia. Identificáronse varias proteínas de ferro-xofre e flavoproteínas como posibles transportadores de electróns que se usarían na respiración celular. Porén, cando crece con xofre como aceptor de electróns final, non se produce nada de ATP. Ao contrario, este proceso elimina H2 inhibidor producido no seu metabolismo fermentativo. En conxunto, estes atributos indican que T. maritima chegou a ser unha bacteria versátil con capacidade de metabolizar diversas substancias para soster os seus procesos vitais.

Composición xenómica

O xenoma de T. maritima consta dun só cromosoma circular de 1,8 megabases, que codifica 1 877 proteínas. No seu xenoma ten varias proteínas de shock térmico quente e frío que moi probblemente están implicadas na regulación metabólica e resposta aos cambios de temperatura ambientais. Comparte un 24% do seu xenoma con certas arqueas; isto supón a maior porcentaxe de solapamento dunha bacteria co xenoma de arqueas. Esta elevada semellanza suxire que houbo transferencia horizontal de xenes entre as Archaea e os antepasados de T. maritima e serviría para explicar por que T. maritima pode sobrevivir a condicións e temperaturas tan extremas.

Evolución

T. maritima contén homólogos de varios xenes de competencia, o que indica que ten un sistema inherente para introducir na súa célula material xenético exóxeno, facilitando posiblemente o intercambio xenético entre esta bacteria e ADN libre. As análises filoxenéticas do ARNr da súa subunidade ribosómica menor indican que pertence a unha das liñaxes máis antigas de Bacteria. Ademais, os seus lípidos teñen unha estrutura única que difire do de todas as outras bacterias.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Xenoma de Thermotoga maritima Type strain of Thermotoga maritima en BacDive - the Bacterial Diversity Metadatabase

Categoría:Extremófilos Categoría:Termotogas