Thermotoga é un xénero de bacterias pertencente ao filo Thermotogae. As especies de Thermotoga son hipertermófilas e a súa célula está envolta nunha exclusiva membrana externa similar a unha vaíña, chamada toga.
Os membros de todo o filo son gramnegativos, xa que posúen unha capa delgada de peptidoglicano situada entre dúas bicapas lipídicas, ambas peculiares. O seu peptidoglicano é pouco habitual, xa que establece enlaces cruzados non só con meso-diaminopimelatos como ocorre nas proteobacterias, senón tamén con D-lisina.Todos os aminoácidos proteinoxénicos teñen a configuración L; nos peptidoglicanos están presentes algúns aminoácidos con configuración D. A lisina sintetízase a partir de meso-diaminopimelatos pola diaminopimelato descarboxilase.
As especies do xénero son anaerobias con varios graos de tolerancia ao oxíxeno. Poden reducir xofre elemental (S0) a sulfuro de hidróxeno, que á súa vez pode ser posteriormente utilizado.
Non está claro se a termofilia é unha innovación da liñaxe ou un trazo ancestral. O xenoma de Thermotoga maritima foi secuenciado en 1999, revelando a presenza de varios xenes de orixe arqueana, que posiblemente permitiron a súa adaptación á termofilia. O contido GC (citosina-guanina) de T. maritima é do 46,2%; como a maioría dos termófilos teñen altos contidos CG, isto levou a especular que o alto contido CG pode ser unha consecuencia non esencial da termofilia e non ser un impulso cara á termofilia.
Membros e parentes
A especie tipo do xénero é T. maritima, que se describiu en 1986. Naquel momento era a única especie do filo que fora descrita. O xénero Thermotoga contén agora nove especies oficialmente,Entrada de Thermotoga en LPSN. Euzéby, J.P. (1997). "List of Bacterial Names with Standing in Nomenclature: a folder available on the Internet". Int J Syst Bacteriol. 47 (2): 590–2. ISSN 0020-7713. PMID 9103655. doi:10.1099/00207713-47-2-590. mentres que o filo contén unha soa familia (Thermotogaceae) con dez xéneros (Fervidobacterium, Geotoga, Kosmotoga, Marinitoga,Mesotoga, Petrotoga, Thermococcoides, Thermosipho, Thermotoga e Oceanotoga).
A relación precisa do filo Thermotogae con outros filos bacterianos é moi debatida: varios estudos atoparon que o filo é unha ramificación moi antiga (no manual de Bergey aparece, de feito, no volume I, que leva o título "Volume I: As Archaea e as Bacteria fototróficas e de ramificación antiga"), mentres que outros atoparon que Firmicutes se ramificou temperanmente cun grupo de Thermotogae separándose desde a base.
Nome
O nome neolatino feminino "thermotoga" procede á súa vez do nome grego θέρμη (therme, calor) ou máis exactamente do adxectivo θερμός, ή, όν (thermos, e, on, quente) e da palabra latina feminina toga (vestimenta romana).
O artigo e o capítulo do manual de Bergey onde se describe o xénero foi escrito por varios autores, como Karl Stetter e Carl Woese.
Notas
Categoría:Termotogas