The Binding of Isaac: Rebirth é un videoxogo independente do xénero roguelike deseñado por Edmund McMillen e desenvolvido e publicado por Nicalis. Rebirth é unha reedición do videoxogo The Binding of Isaac desenvolvido por McMillen e Florian Himsl e publicado no ano 2011 como unha aplicación para Adobe Flash. A plataforma Flash tiña unha serie de limitacións que fixeron que McMillen traballase con Nicalis para producir Rebirth usando un motor de xogo máis avanzado para superar estas limitacións, permitíndolle a McMillen incorporar contido e características de xogo adicionais. Rebirth publicouse para Microsoft Windows, macOS, Linux, PlayStation 4 e PlayStation Vita en novembro de 2014, e para Xbox One, New Nintendo 3DS e Wii U en xullo de 2015. Tralo rexeitamento inicial de Apple ó xogo por mor do seu contido, Nicalis conseguiu a aprobación de Apple para publicar unha versión para iOS, lanzada o 11 de xaneiro de 2017. A versión para Nintendo Switch publicouse o 17 de marzo de 2017.
Ó igual que o xogo orixinal, a historia de Rebirth baséase na historia bíblica do sacrificio de Isaac, e está inspirado na propia infancia de McMillen no seo dunha familia relixiosa. A mecánica de xogo está inspirada no videoxogo The Legend of Zelda de 1986 para a NES. O xogador controla a un neno chamado Isaac. A nai de Isaac, convencida de que está a seguir os mandatos de Deus, quítalle a Isaac toda a súa roupa e posesións e péchao na súa habitación. Cando a súa nai tenta sacrificalo, Isaac escapa ó soto. O xogador controla a Isaac mentres atravesa varios niveis en forma de alxubes xerados de forma aleatoria. O xogador elimina os inimigos que van aparecendo usando as bágoas de Isaac como proxectís, e recolle obxectos que melloran as características e habilidades de Isaac. O xogo tivo dúas expansións, Afterbirth e Afterbirth+, en outubro de 2015 e xaneiro de 2017 respectivamente, con cada unha delas introducindo máis contido e modos de xogo, e con Afterbirth+ engadindo a capacidade de utilizar mods creados polos usuarios.
Véxase tamén Ligazóns externas
Categoría:Videoxogos de 2014 Categoría:Videoxogos de iOS Categoría:Videoxogos dun xogador e multixogador Categoría:Videoxogos de rol de acción Categoría:Videoxogos de Linux Categoría:Videoxogos de Nintendo 3DS Categoría:Videoxogos de Nintendo Switch Categoría:Videoxogos de Mac Categoría:Videoxogos de PlayStation 4 Categoría:Videoxogos de PlayStation Network Categoría:Videoxogos de PlayStation Vita Categoría:Shooters Categoría:Videoxogos de Wii U Categoría:Videoxogos de Windows Categoría:Videoxogos de Xbox One Categoría:Videoxogos de Xbox Series X e Series S Categoría:Videoxogos desenvolvidos nos Estados Unidos de América