Eclampsia é a aparición de convulsións nunha muller con preeclampsia. É unha perturbación do embarazo en que se verifica hipertensión arterial, cantidade elevada de proteínas no sangue ou outras disfuncións en órganos. A condición pode aparecer antes, durante ou tras o parto. É máis común durante o segundo trimestre do embarazo. As convulsións son do tipo tónico-clónico e duran de media un minuto. Tras as convulsións ocorre xeralmente un período de confusión ou coma. As complicacións inclúen pneumonía por aspiración, hemorraxia cerebral, insuficiencia renal e parada cardiorrespiratoria. A preeclampsia e a eclampsia forman parte dun grupo maior de condicións denominado perturbacións hipertensivas no embarazo.
As recomendacións de prevención inclúen a administración de aspirina en persoas de risco elevado, suplementos de calcio en rexións onde o consumo é baixo e tratamento da hipertensión anterior ao embarazo con medicación. O exercicio físico durante o embarazo pode tamén ser benéfico. A administración de sulfato de magnesio por vía intravenosa ou muscular mellora o prognóstico en persoas con eclampsia e é xeralmente seguro, tanto en países desenvolvidos como en vías de desenvolvemento. No entanto, o tratamento pode necesitar de respiración asistida. Entre outros posíbeis tratamentos están medicamentos para a hipertensión, como a hidralazina, e o parto de emerxencia do bebé, quer por vía vaxinal ou por cesárea.
Estímase que a preeclampsia afecte o 5% dos nacementos e a eclampsia o 1,4% dos nacementos. Nos países desenvolvidos, a prevalencia é de 1 caso en cada 2000 nacementos debido aos mellores coidados de saúde. As perturbacións hipertensivas do embarazo son unha das causas máis comúns de morte durante a gravidez. En 2013 provocaron a morte a 29 000 persoas, unha diminución en relación ás 37 000 en 1990.Cerca dunha en cada cen mulleres con eclampsia morre. A palabra eclampsia ten orixe no termo grego para o lóstrego. A primeira descrición coñecida da doenza foi feita por Hipócrates no século V a.C.
Notas
Categoría:Doenzas xinecolóxicas