A igrexa de Levide (sueco: Levide kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Levide, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.
Historia e arquitectura A igrexa de Levide é na súa maior parte unha igrexa románica cunha personalidade única en Gotland. Partes do seu coro, destacando a zona ao redor do portal, son comparables ao portal norte da catedral de Visby.
As partes máis antigas da igrexa son o coro antes mencionado coa súa ábsida, datando de ao redor do ano 1200. A nave data de comezos do século XIII, mentres que a torre foi levantada a mediados do mesmo século. A sancristía, construída no século XVIII, é a única parte da igrexa que non é medieval.
En época gótica, probablemente ao redor do ano 1300, fixéronse pequenas modificacións apuntando os arcos das fiestras, do interior, e do portal da nave.
Os académicos pensan que a presente igrexa podería ter sido precedida por unha igrexa de madeira, quizais situada noutro lugar da parroquia. Nunhas escavacións realizadas entre os anos 1956 e 1957 non se atoparon restos desa igrexa, pero unha pía bautismal, agora conservada no Museo de Visby, do século XII debeu pertencer a ese primeiro edificio, e o cronista Hans Nielsön Strelow menciona na súa crónica o ano 1058, indicando probablemente esa primeira igrexa.
Os apóstolos Pedro e Pablo foron os patróns da igrexa, xa que os seus nomes aparecens na campá e foron representados na cruz de consagración da ábsida.
O interior está dividido nunha nave e dous corredores, separados por catro grandes piares. O teito está soportado por nove bóvedas. O interior forma así unha igrexa de salón, e as influencias do seu deseño probablemnete veñan das igrexas alemás da súa época. Un modelo máis directo foi posiblemente a que hoxe é a catedral de Visby. A parede sur do seu interior está decorada con frescos , probablemente de mediados do século XV e atribuídos ao artista coñecido como Passionsmästaren. Estes representan apóstolos e santos, incluídos os santos escandinavos Ansgar e Bríxida de Suecia. Ademais, hai frescos puramente decorativos, probablemente do século XIII. Na igrexa tamén se conserva unha cruz procesional medieval, do século XIV. Posteriores son o seu retablo (1662-63) e un barco votivo (1748).
Galería de imaxes
Notas
Levide