O cazador de papaventos (en ) é a primeira novela do escritor afgán Khaled Hosseini. Publicada en 2003 por Riverhead Books, conta a historia de Amir, un rapaz do distrito Wazir Akbar Khan de Cabul, cuxo mellor amigo é Hassan. A historia está ambientada nun contexto de conflitos e eventos tumultuosos, dende a caída da monarquía de Afganistán por mor da intervención militar soviética, o éxodo de refuxiados cara a Paquistán e os Estados Unidos, e o alzamento do réxime talibán.

Segundo Hosseini, O cazador de papaventos é unha historia da relación entre un pai e o seu fillo que enfatiza os aspectos familiares da narrativa, un elemento que continuou a empregar nos seus traballos posteriores. Os temas da culpa e da redención ocupan un lugar salientable na novela, cunha escena fundamental que amosa un acto de violencia contra Hassan que Amir non pode deter. A segunda metade do libro céntrase nos intentos de Amir de expiar esta transgresión rescatando o fillo de Hassan, máis de dúas décadas despois do suceso.

O cazador de papaventos converteuse nun dos mellor vendidos despois de ser impreso en formato de peto e popularizouse en clubs de lectura. Durante dous anos, foi o libro número un entre os mellor vendidos segundo The New York Times, con máis de sete millóns de copias vendidas nos Estados Unidos de América. As críticas foron polo xeral positivas, aínda que algunhas partes do argumento xeraron unha significativa controversia en Afganistán. Logo da publicación creáronse numerosas adaptacións da obra, incluíndo o filme de 2007 The Kite Runner, representacións teatrais e unha novela gráfica.

Foi traducido ó galego por María Pardo Vuelta e foi publicado por Ediciones El Andén no 2008.

Escrita e publicación esquerda|miniatura|Khaled Hosseini, no ano 2007. Khaled Hosseini traballou como médico interno no Hospital Kaiser de Mountain View, California durante varios anos antes de publicar The Kite Runner. En 1999, Hosseini soubo a través das noticias que os talibáns prohibiran voar papaventos en Afganistán, unha restrición que atopou particularmente cruel. A nova "tocou unha fibra sensible" para el, xa que medrara practicando este deporte cando vivía en Afganistán, e motivouno a escribir unha historia curta de 25 páxinas sobre dous rapaces que voan papaventos en Cabul. Hosseini enviou copias a Esquire e The New Yorker, mais os dous rexeitárono. Redescubriu o manuscrito no seu garaxe en marzo de 2001 e comezou a expandila historia para convertela nunha novela, seguindo o consello dun amigo. Segundo Hosseini, a narrativa tornouse "máis escura" do que pretendía orixinalmente. A súa editora, Cindy Spiegel, "axudoulle a reescribir o último terzo do seu manuscrito", algo que ela describiu como relativamente común para unha primeira novela.

Ó igual que as seguintes novelas de Hosseini, O cazador de papaventos abrangue un período multixeracional e céntrase na relación entre pais e fillos. Isto último non foi intencionado e Hosseini desenvolveu un interese polo tema durante o proceso de escritura. Máis tarde divulgou que a miúdo se lle ocorrían partes da trama debuxando imaxes da mesma. Por exemplo, el non decidiu facer que Amir e Hassan fosen irmáns até que os "debuxou".

Como Amir, o protagonista da novela, Hosseini naceu en Afganistán mais abandonou o país na súa mocidade, e non regresou até o ano 2003. Por esta razón, preguntóuselle a miúdo sobre o alcance dos aspectos autobiográficos do libro. El dixo en resposta, "Cando digo algo diso é meu, a xente parece insatisfeita. Os paralelismos son bastante obvios, mais ... Deixei algunhas cousas ambiguas porque quería volver tolos os clubs de lectura." Por ter deixado o país durante a época da invasión soviética, sentiu unha certa sensación de culpa do supervivente: "Cada vez que lía historias sobre Afganistán, a miña reacción sempre estivo tinguida de culpa. Moitos dos meus amigos da nenez pasárono moi mal. Algúns dos nosos curmáns morreron. Un deles morreu nun camión de combustible tratando de escapar de Afganistán [un incidente que Hosseini recolle de xeito ficticio no libro]. Fala sobre a culpa. El era un dos nenos cos que medrei voando papaventos. O seu pai recibiu un disparo." Independentemente, sostén que a trama é ficticia. Máis tarde, cando escribiu a súa segunda novela, Un milleiro de soles espléndidos (daquela titulado Dreaming in Titanic City), Hosseini comentou que estaba contento de que as personaxes principais fosen mulleres e que iso "debería poñer fin á pregunta autobiográfica dunha vez por todas".

Riverhead Books publicou O cazador de papaventos, cunha impresión inicial de 50 000 copias en tapas duras. Foi lanzado o 29 de maio de 2003, e a edición de peto lanzouse o ano seguinte. Hosseini tomou unha ausencia dun ano sen practicar medicina para promover o libro, asinar copias, falar en varios eventos e recadar fondos para causas afgás. Orixinalmente publicado en lingua inglesa co título The Kite Runner, foi traducido a 42 linguas en 38 países. En 2013, Riverhead publicou unha edición polo décimo aniversario do libro, cunha nova cuberta dourada e un prólogo de Hosseini. Ese mesmo ano, o 21 de maio, Khaled Hosseini publicou outro libro titulado And the Mountains Echoed.

Sinopse Parte I miniatura|dereita|Barrio de Wazir Akbar en Cabul, o escenario da parte I. Amir, un neno pashto dunha familia rica, e Hassan, un hazara fillo do servente de Amir, pasan os días voando papaventos na daquela pacífica cidade de Cabul. Hassan é o mellor "cazador de papaventos" para Amir; el sabe onde aterrará o papaventos sen sequera miralo. O pai de Amir, un rico home de negocios ó cal Amir chama afectuosamente como Baba, quere ós dous rapaces, mais é especialmente crítico con Amir, a quen considera débil e falto de coraxe. Amir atopa unha figura paternal máis amable en Rahim Khan, o mellor amigo de Baba, que o entende e apoia no seu interese pola escritura, mentres que Baba considera ese interese só digno de mulleres.

Assef, un rapaz maior cun sádico gusto pola violencia, búrlase de Amir por socializar cun hazara, que son segundo el unha raza inferior cuxos membros pertencen só a Hazarajat. Un día, estaba disposto a zoupar Amir cun puño americano, pero Hassan defende Amir ameazando a dispararlle nun ollo co seu tiracoios. Assef recúa pero xura que un día tería a súa vinganza.

Un día triunfante, Amir gaña unha competición de loita de papaventos e finalmente consegue a aprobación de Baba. Hassan corre na busca do derradeiro papaventos, un gran trofeo, e dille a Amir, "Por ti, faríao mil veces máis." Porén, despois de atopar o papaventos, Hassan encóntrase con Assef nunha canella. Hassan non lle entrega o papaventos e Assef malla nel e despois viólao. Amir é testemuña de todo pero está demasiado asustado para intervir. El sabe que se non chega coa cometa a casa, Baba estará menos orgulloso del. Por este motivo, séntese incriblemente culpable pero sabe que a súa covardía destruiría a súa relación con Baba, polo que garda silencio sobre o incidente. Despois, Amir amósase distante con Hassan; os seus sentimentos de culpa evitan que interactúe co neno.

Amir comeza a pensar que a vida sería moito máis doada se Hassan non vivise con el, polo que agocha o seu reloxo e algúns cartos baixo a cama coa esperanza de que Baba o botase de alí; Hassan confesa falsamente o seu roubo cando se enfronta con Baba. Malia que Baba cre "non hai ningún acto máis desgraciado que roubar", perdóao. Porén, Hassan e Ali marchan da casa de tódolos xeitos. Amir está liberado do recordatorio diario da súa traizón, pero aínda vive á súa sombra.

Parte II En 1979, cinco anos despois, a Unión Soviética intervén militarmente en Afganistán. Amir e Baba escapan a Peshawar, Paquistán, e despois cara a Fremont, California, onde se asentan nun apartamento. Baba comeza a traballar nunha gasolineira. Despois de rematar o ensino secundario, Amir vai a clases na Universidade Estatal de San Jose para desenvolver as súas habilidades de escrita. Cada domingo, Baba e Amir conseguen cartos extras vendendo obxectos nun mercado urbano de San Jose. Alí, Amir coñece a Soraya Taheri e a súa familia. Baba é diagnosticado con cancro terminal pero concédelle a Amir un último favor: pedir permiso ó pai de Soraya para casar con Amir. El accede e os dous casan. Pouco despois, Baba morre. Amir e Soraya estabelecen un matrimonio feliz, pero ó seu pesar decátanse de que non poden ter fillos.

Amir embárcase nunha exitosa carreira como novelista. Quince anos despois da voda, Amir recibe unha chamada do mellor amigo do seu pai (e a súa figura paterna na infancia) Rahim Khan, que está a morrer, e que lle pide que se vexan en Peshawar. El dille a Amir: "Hai unha forma de ser bo de novo".

Parte III Cando se reúne con Rahim Khan, Amir descobre que Ali morreu por mor dunha mina e que Hassan e a súa muller foron asasinados cando Hassan se opuxo a que os talibáns confiscasen a casa de Baba e Amir en Cabul. Rahim Khan tamén lle revela que Ali era estéril, e que non era o pai biolóxico de Hassan. Hassan era de feito o fillo de Baba e o medio irmán de Amir. Finalmente, cóntalle a Amir que a verdadeira razón pola que o chamou até Paquistán é para que rescate a Sohrab, o fillo de Hassan, que se atopa nun orfanato de Cabul.

Amir, acompañado de Farid, un condutor afgán e veterano na guerra contra os soviéticos, vai na busca de Sohrab. Cando chegan a Cabul descobren que os talibáns van a miúdo ó orfanato, danlle cartos e adoitan levar algunha nena con eles. Ocasionalmente, escollen un neno, e Sohrab foi o máis recente que levaron. O director do orfanato cóntalle a Amir como atopar o oficial que o levou, e Farid consegue unha cita na súa casa alegando ter "negocios persoais" con el.

Amir reúnese con este home, que resulta ser Assef. Sohrab está retido na casa de Assef. Assef acepta renunciar a Sohrab se Amir consegue vencelo nunha loita. Assef malla brutalmente en Amir, crebándolle varios ósos, até que Sohrab usa o seu tiracoios para incrustarlle unha pedra no ollo de Assef. Sohrab axuda a Amir a saír da casa, e cando se quere dar conta Amir esperta nun hospital.

Amir cóntalle a Sohrab os seus plans de levalo canda el a América e posiblemente adoptalo. Porén, as autoridades estadounidenses requiren probas documentais de que Sohrab é realmente orfo. Amir cóntalle a Sohrab que debe regresar a un orfanato durante un curto período de tempo xa que atoparon un problema no proceso de adopción, e Sohrab, terriblemente arrepiado coa idea de volver, intenta suicidarse. Amir consegue atopar o xeito de levalo ós Estados Unidos. Despois da adopción, Sohrab rexeita calquera interacción con Amir ou Soraya até que redescobre o pracer de voar papaventos e os vellos trucos de Hassan nos combates aéreos. Ó final Sohrab sorrí lixeiramente, pero Amir corre a recoller a cometa que gañaron mentres lle di a Sohrab: "Por ti, faríao mil veces máis".

Personaxes Amir é o narrador da novela. Khaled Hosseini recoñeceu que a personaxe é "un covarde inverosímil que non axudou ó seu mellor amigo" durante gran parte da historia; consecuentemente, Hosseini elixiu crear simpatía por Amir polas circunstancias que vive, e non pola súa personalidade, no último terzo do libro. Nado no seo dunha familia pashto en 1963, a súa nai morreu dando a luz. De neno, gustáballe a narración de contos, e é animado por Rahim Khan para que se converta en autor. Con 18 anos, el e o seu pai voan ós Estados Unidos fuxindo da invasión soviética de Afganistán, onde persegue o seu soño de converterse en escritor.