Astrid 2 ou Astrid 1 foi un satélite artificial sueco lanzado o 10 de decembro de 1998 mediante un foguete Kosmos 3M desde o cosmódromo de Plesetsk.
Características Astrid 2, o mesmo que o seu predecesor, Astrid 1, usaba a plataforma FREJA-C e foi lanzado coa misión de estudar a magnetosfera terrestre e a atmosfera superior. Entre os seus obxectivos estaban facer medicións de alta resolución dos campos eléctrico e magnético na rexión auroral, medir a densidade de electróns e da súa distribución xunto coa dos ións e facer fotografías no ultravioleta da actividade auroral e atmosférica. O satélite foi desenvolvido pola Corporación Espacial Sueca.
O satélite estabilizábase mediante xiro, co seu eixo de xiro apuntando cara ao Sol. Os paneis solares proporcionaban ata 90 vatios de potencia a 28 voltios. As comunicacións tiñan lugar en banda S, cunha taxa de baixada de ata 128 kbps. O tamaño da nave, cos paneis despregados, era de 1,7 x 1,1 x 0,3 m.
O 24 de xullo de 1999 perdeuse contacto con Astrid 2, 7,5 meses despois do lanzamento e despois de recoller gran cantidade de información científica.
Instrumentación Astrid 2 levaba catro instrumentos a bordo:
EMMA (Electrical and Magnetic field Monitoring of the Aurora): para medir tanto o campo eléctrico como o magnético. LINDA (Langmuir INterferometer and Density experiment for Astrid-2): consistía en dúas esferas de 10 mm de diámetro colocadas ao final de sendos mastros de 0,61 m de lonxitude (cunha separación total entre as esferas de 2,9 m) para medir a distribución de plasma. MEDUSA (Miniaturized Electrostatic DUal-tophat Spherical Analyzer): espectrómetro de ións e electróns. PIA (Photometers for Imaging the Aurora): composto por dous fotómetros para obter imaxes das auroras e medir a absorción no ultravioleta da atmosfera.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Astrid 1
Categoría:Satélites artificiais