A igrexa de Martebo (sueco: Martebo kyrka) é unha igrexa medieval luterana en Martebo, na illa sueca de Gotland, pertencente á diocese de Visby.
Historia Pouco se sabe sobre a orixe e a historia máis antiga da igrexa. O edificio de pedra probablemente foi antecedido por unha stavkirke. Da presente igrexa a torre é a parte máis vella, datando de mediados do século XIII e construída en estilo románico. A nave e o coro, de estilo gótico, son de principios do século XIV e substituíron a uns máis pequenos románicos.
Arquitectura A igrexa é dun tipo bastante característico en Gotland, no cal a nave e o coro foron reconstruídos durante o alto gótico, pero onde permanece a vella torre, resultando nunha torre desproporcionadamente curta con respecto ao resto do edificio. Pegado á torre hai un detalle pouco común, unha pequena cámara que ten unha fiestra na nave pero carece doutra conexión. Probablemente funcionaba como un hagioscopio (quizais para membros enfermos da congregación) e foi engadido durante o século XIV.
A fachada externa da igrexa, destacando os tres portais, amosa algunhas das esculturas medievais máis logradas de Gotland. Estas datan do século XIV e foron realizadas cando a igrexa foi reconstruída en estilo gótico. Nalgunhas das esculturas aínda quedan restos da pintura orixinal. Probablemente foron executadas polo escultor local coñecido como Master Egypticus. Representan a vida de Xesús como se conta no Novo Testamento, con escenas que se suceden cronoloxicamente dun portal a outro, polo que os tres portais forman unha escultura narrativa completa.
No interior da igrexa hai restos de frescos medievais e unha pía baustismal de século XIII. No chan do coro hai situadas dúas tumbas medievais. O púlpito é un dos máis antigos de Gotland e data de mediados do século XVI.
Galería de imaxes
Notas
Martebo