Vasiĺ Tamaščyk (en ), nado como Uladzimir Tamaščyk (en ) o 15 de abril de 1900 en Ozierany Wielkie (Gobernación de Grodno, Imperio Ruso; hoxe Polonia) e finado o 9 de xuño de 1970 en Nova York, foi un eclesiástico ortodoxo belaruso, arcebispo da Igrexa ortodoxa autocéfala belarusa. Traxectoria Naceu nunha familia ortodoxa belarusa, fillo de Danila e Maria. En 1915, por mor da primeira guerra mundial a súa familia trasladouse a Omsk, e non volveu até 1921. Dende os anos 20 estivo asociado co movemento nacional belaruso en Polonia, polo que estivo 3 anos na cadea en Polonia. Trasladouse a Checoslovaquia, e graduouse pola Facultade de Agronomía da Universidade Técnica de Praga en 1934. Entre 1941 e 1944 foi unha figura activa no comité belaruso de Białystok, e participou no segundo congreso panbelaruso que tivo lugar en Minsk en xuño de 1944. A partir de 1944 estivo no exilio en Alemaña, residindo en Múnic.
O 23 de abril de 1949 foi tonsurado monxe en Constanza, e no mesmo ano, o 19 de decembro, foi consagrado bispo polo arcebispo de Minsk e Belarús Sierhij Achatenka, primado da Igrexa ortodoxa autocéfala belarusa, e polos bispos da Igrexa ortodoxa autocéfala ucraína Platon Artemiuk e Viacheslav Lysytskyi. Trasladouse aos Estados Unidos en 1951, e recibiu o título de arcebispo de Vilnius e Nova York, dirixindo a diocese norteamericana da Igrexa belarusa. Finou o 9 de xuño de 1970 en circunstancias non aclaradas, e está enterrado no cemiterio belaruso de East Brunswick.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados en 1900 Categoría:Nados en Ozierany Wielkie Categoría:Bispos ortodoxos de Polonia Categoría:Bispos ortodoxos de Belarús Categoría:Bispos ortodoxos dos Estados Unidos de América Categoría:Bispos ortodoxos do século XX Categoría:Bispos da Igrexa ortodoxa autocéfala belarusa Categoría:Finados en 1970