O bombardeo de Cabra foi un ataque aéreo realizado pola aviación republicana sobre a localidade de Cabra, en poder do bando nacional o 7 de novembro de 1938. O bombardeo estivo dirixido contra a poboación civil por parte do bando republicano e saldouse con 109 mortos e máis de 200 feridos. A poboación de Cabra estaba situada a bastante distancia das liñas da fronte de interese militar. Algúns historiadores falan deste suceso como o Gernika andaluz.
Contexto De acordo cos partes de guerra as accións bélicas anteriores sitúanse o 22 de outubro en Villafranca de Córdoba por parte franquista, e o 24 en Cabeza del Buey por parte republicana. O 30 de outubro a Primeira División do exército sublevado, ao mando de El Mizzian, rompe a fronte ocupando a serra de Cavalls. A veciña localidade de Baena xa fora bombardeada pola aviación republicana o 28 de outubro de 1938. Desde unha semana antes dos bombardeos a aviación republicana fixo un recoñecemento da zona, inspeccionando as zonas ás que atacar.
O bombardeo Cabra roldaba os 20.000 habitantes en 1938. O día 7 de novembro, cara ás 7:31 horas, tres avións soviéticos Katiuska SB-2, con tripulación totalmente española e procedentes do Campo de Aviación de "Los Guerreros" en Fuente Álamo de Murcia, atacaron a localidade. Os Katiuska, uns bombardeiros lixeiros e rápidos, empregábanse para o bombardeo estratéxico sobre a retagarda inimiga.
De acordo coas testemuñas dun dos observadores dos Katiuska SB-2 que participaron no ataque, o servizo de información da unidade á que pertencían os Katiuska foi advertido da presenza en Cabra dunha unidade italiana de paso. Pilotos e observadores esperaban atopar un campamento de tendas nas inmediacións da localidade e vehículos militares aos seus arredores. Ao chegar, puideron ver fugazmente un gran número de tendas na praza central de Cabra que resultaron ser o mercado de abastos e non un campamento militar, e atacaron sen confirmar o obxectivo que bombardeaban. A pesar de que Cabra dispoñía dunha significativa dotación antiaérea, esta non reaccionou coa suficiente rapidez e non puido dificultar o ataque.
Os avións deixaron caer unha vintena de bombas, que provocaron a perda de 109 vidas humanas (96 no acto) e máis de 200 feridos. O bombardeo afectou fundamentalmente a zonas do centro de Cabra, incluída a praza do mercado, e en especial ao barrio obreiro da vila. Segundo se calcula, cada aparato levaba nas súas adegas unhas dúas toneladas de bombas de diverso tamaño. A maior delas, que pesaba 200 quilogramos, caeu sobre o mercado de abastos provocando un gran número de vítimas entre mulleres, nenos e xornaleiros. Unha bomba similar detonou na esquina das rúas Platerías e Juan de Silva. De todas as explosións, a do mercado foi a máis potente, resultando mortas no acto 36 persoas, máis outras 14 posteriores a consecuencia das feridas causadas.
Seguindo a traxectoria de voo efectuada polos aparellos, apréciase unha diagonal en dirección nordeste-sueste respecto á caída das bombas. Isto significa o acceso dos bombardeiros á localidade polas antigas trincheiras da liña de ferrocarril e a súa saída polo Mirador de la Paz no barrio de la Villa (por aquel entón antigo cemiterio). A continuación, descargaron outro artefacto xunto ao Molino El Fondón, rumbo a Lucena, onde produciuse unha viraxe e a volta en dirección norte, chegando a Castro del Río e xirando de novo por Valenzuela.
Instrumentalización O bombardeo carecía de utilidade militar e causou un alto número de baixas civís, polo que foi aproveitado pola propaganda dos sublevados para lexitimar a súa causa. O feito de que unha das bombas caese no mercado de abastos implicou que resultasen afectados numerosos campesiños da rexión. Entre os mortos, pertencentes todos a poboación civil, achábanse tamén mulleres e nenos. O resultado dos bombardeos e a magnitude do masacre foron recollidos polo NO-DO, instrumentalizándoo con fins propagandísticos. Recolléronse imaxes e vídeos da poboación afectada polo bombardeo, así como do amontoamento dos cadáveres.
O parte de guerra do 9 de novembro de 1938 recollía a versión sublevada dos sucesos, cuns datos aínda erróneos do número de avións e de baixas:
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas “El bombardeo de Cabra” do profesor Antonio Arrabal.
Categoría:Guerra civil española Categoría:1938 Categoría:Historia de Andalucía