O voo 358 de Air France era un servizo internacional regular entre o aeroporto de París-Charles de Gaulle e o aeroporto de Toronto-Pearson. Na tarde do día 2 de agosto de 2005 mentres aterraba en Toronto o Airbus A340-313E que operaba a ruta acabou no río Etobicoke Creek, a 300 metros do final da pista, tras saírse dela. Os 309 pasaxeiros e tripulantes a bordo do Airbus sobreviviron, pero doce persoas quedaron gravemente feridas. O accidente destacou o papel vital que desempeñan os auxiliares de voo ben adestrados durante unha emerxencia.
Debido ás inclemencias do tempo canceláronse 540 voos que saían ou chegaban a Toronto-Pearson. Moitos avións pequenos e medianos tiveron que desviarse a outros aeroportos canadenses en Ottawa, London, Hamilton e Winnipeg. A meirande parte dos avión máis grandes desviáronse a Montreal, Syracuse, Nova York, e Buffalo. O voos dende Vancouver tiveron que dar a volta. O accidente do voo 358 de Air France foi a maior crise vivida en Toronto-Pearson dende a Operación Yellow Ribbon.
Jean Lapierre, o Ministro de Transporte do Canadá, referiuse ao voo 358 como un "milagre" debido a que todos os pasaxeiros sobreviviron. Outros medios bautizaron ao accidente como o "Milagre de Toronto", ou o "Milagro da pista 24L".
O accidente foi investigado pola Xunta de Seguridade do Transporte do Canadá (TSB), sendo o informe final publicado o 13 de decembro de 2007. As condicións meteorolóxicas desfavorables, e as pobres decisións na aterraxe por parte da tripulación atopáronse como os principais factores do accidente. Esta foi a primeira vez na que un Airbus A340 estaba involucrado nun accidente, rematando así cun rexistro limpo de 14 anos.
Avión e tripulación O aparello que operaba o voo 358 era un Airbus A340-313E, con número de serie 289 e rexistro F-GLZQ; estaba equipado con catro motores CFM International CFM56. O avión realizara o seu primeiro voo o 3 de agosto de 1999, e fora entregado a Air France o 7 de setembro dese ano. Realizara 3 711 voos acumulando un total de 28 426 horas. A súa derradeira revisión de mantemento realizárase o 5 de xullo de 2005.
Había 12 tripulantes a bordo do aparello. O piloto do avión era o capitán Alain Rosaye, de 57 anos, un piloto experimentado con 15 411 horas de voo. O copiloto era Frédéric Naud, de 43 anos, con 4 834 horas de voo.
Pasaxeiros Dos 297 pasaxeiros a bordo do Airbus, había 168 homes adultos, 118 mulleres adultas e 11 nenos. Había unha mestura de nacionalidades, incluídos 104 cidadáns canadenses, 101 franceses, 19 italianos, 14 estadounidenses, 8 indios e 7 británicos. Os pasaxeiros eran homes de negocios, xente de vacacións e estudantes. Tres dos pasaxeiros estaban sentados en asentos da tripulación, un no terceiro asento da cabina de voo e dous na área de descanso dos tripulantes.
Notas
Air France 0358 Air France Air France